A normativa que restrinxe os traballos agrícolas e forestais entre 12 e 18 horas, cando o risco de incendio forestal sexa moi alto ou extremo, está a xerar desconformidade no sector agrícola e forestal. Desde a Federación de Serradoiros e Rematantes de Galicia (Fearmaga) piden que a Consellería concrete os traballos forestais afectados pola Orde, “xa que a maquinaria que se emprega no aproveitamento forestal (corta e saca de madeira) non inicia incendios e debería quedar excluída”, argumentan.
A Federación expresa a súa preocupación polas dificultades na aplicación das novas esixencias que entran en vigor o próximo 1 de xullo, que obrigará ao sector a dispoñer cada día duns 450 vehículos con depósitos de 400 litros de auga.
A Federación Empresarial de Serradoiros e Rematantes de Madeiras de Galicia (Fearmaga) expresa a súa preocupación pola aplicación das medidas de prevención de incendios nos traballos forestais, recollidas na Orde do 23 de xuño de 2026, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), pola que se regula a utilización de maquinaria durante a época de perigo alto, nos supostos de índice de risco de incendio forestal moi alto ou extremo.
Fearmaga di compartir plenamente o obxectivo de “reforzar a prevención de incendios forestais e recoñece o esforzo que desde hai anos realiza a Administración para minimizar o risco durante os meses de verán”, sinalou Elier Ojea, presidente de Fearmaga. Con todo, considera imprescindible abrir un proceso de diálogo coa Consellería do Medio Rural para garantir que as novas medidas poidan implantarse de forma eficaz e realista.
Implantación “materialmente imposible” en apenas uns días
A instrución, que estará en vigor entre o 1 de xullo e o 30 de setembro, establece que, na franxa horaria comprendida entre as 12.00 e as 18.00 horas, os traballos forestais deberán contar, entre outros requisitos, cunha persoa dedicada á vixilancia e detección temperá de posibles incendios, alén dun vehículo equipado cun depósito de auga de polo menos 400 litros, mochila extintora, batefuegos e extintor.
En primeiro lugar, a Federación solicita maior precisión da Orde, xa que dentro da denominación “traballos forestais” inclúese o aproveitamento forestal (coñecido como as curtas de madeira) onde se utiliza maquinaria que non inicia incendios -asegura Fearmaga- e por tanto, debería quedar excluída das novas obrigacións.
En segundo lugar, Fearmaga alerta de que a entrada en vigor destas obrigacións o próximo 1 de xullo “expón importantes dificultades organizativas para as empresas forestais galegas”, subliña Elier Ojea. De xeito estimado, cada día desenvólvense traballos forestais en ao redor de 450 parcelas de monte en Galicia, isto supón dispoñer de xeito inmediato de “450 vehículos con depósitos de auga de 400 litros adaptados para prestar servizo nos traballos forestais e contratar 450 persoas adicionais dedicadas aos labores de vixilancia e detección temperá de incendios durante as franxas horarias establecidas”, apunta Elier Ojea.
A Federación pregúntase como será posible conseguir estes recursos en tan escasa marxe de tempo e considera necesario analizar coa Administración fórmulas que permitan cumprir o obxectivo de prevención sen comprometer a continuidade da actividade forestal.
Sector comprometido coa prevención
Fearmaga insiste en que a prevención de incendios forestais debe construírse desde a colaboración entre a Administración e o sector. Por iso, a Federación solicítanlle á Consellería do Medio Rural a apertura dun espazo de diálogo técnico que permita estudar a implantación progresiva destas novas esixencias, avaliar a súa viabilidade operativa e buscar solucións que fagan compatible o máximo nivel de prevención co mantemento dunha actividade forestal esencial para o medio rural galego.
“A prevención de incendios é unha responsabilidade compartida. As empresas forestais queren seguir sendo parte da solución, pero para iso é necesario que as medidas poidan aplicarse con criterios de viabilidade técnica e organizativa”, sinalou Elier Ojea.
Galego









Control OJD