Primeiras ofertas para a renovación dos contratos de recollida de leite, con subas de entre 1 e 4 céntimos

Desvelamos as claves e os pormenores das propostas que están a chegar estes días ás ganderías. Pascual e Entrepinares sitúanse na parte alta cun prezo base entre 37 e 38 céntimos, mentres que Río e Lactalis pasarían a estar nun prezo base de 32 - 33 céntimos

SOUTO FRADE SC (Taboada) vacas producionComeza a moverse o mercado do leite en Galicia, animado por un bo momento, tanto no relativo á demanda como en canto á cotización dos produtos lácteos. As distintas industrias que recollen leite na comunidade tratan de asegurarse estes días o subministro de materia prima de cara á vindeira campaña, con ofertas de renovación de contratos que inclúen subas desiguais, en función da empresa que se trate.

Como é habitual, as industrias procuran non desvelar as súas cartas até o último momento e moitos gandeiros non recibiron aínda a proposta de renovación, por moito que o Real Decreto 95/2019, do 1 de marzo, polo que se regulan as condicións de contratación no sector lácteo, estableza que as ofertas aos produtores deben chegar cunha antelación mínima de dous meses á finalización do contrato en vigor e o comezo das entregas.

Boa parte dos contratos asinados en Galicia vencen o vindeiro 31 de marzo

Malia que o secretismo está a caracterizar unha vez máis as negociacións, están a trascender xa as primeiras ofertas que están a chegar ás explotacións, con incrementos de entre 1 e 4 céntimos en litro sobre os prezos asinados en marzo do ano pasado.

A demanda de leite e o incremento nos últimos anos no número de empresas compradoras (Inleit, Entrepinares, Naturleite) está a introducir maior competencia no sector, polo que a respecto de fai uns anos, cando o mercado era moito máis cautivo, en determinadas zonas hai agora máis onde escoller e as explotacións, sobre todo aquelas medianas e grandes, atópanse con distintas opcións de entrega, podendo aproveitar o momento de renovación de contratos para cambiar de empresa e obter mellor prezo.   

En determinadas zonas, onde hai máis competencia e empresas que tratan de posicionarse, as ganderías poden escoller entre distintas opcións de entrega

A maioría das industrias decidiron facer revisións á alza nos contratos cos gandeiros xa ao longo do 2021 e comezo de 2022 para tratar de paliar o encarecemento dos custos de produción que están a sufrir as explotacións, polo que as subas nalgúns casos están a ser agora máis moderadas.

Nalgunhas destas revalorizacións, por exemplo as acometidas por Entrepinares ou Naturleite no mes de outubro, as subas no prezo do leite foron acompañadas de novas esixencias en materia de calidades ou certificación.

En moitos casos as empresas están aproveitando as subas para establecer novas esixencias ás granxas

Está por ver tamén como lles pode afectar aos contratos que se asinen para entregar o leite a partir do 1 de abril a modificación normativa que se está a tramitar e que obrigará ás industrias a actualizar os prezos cando se produza un incremento de custos de produción durante tres meses consecutivos, aínda que os contratos asinados teñan vixencia dun ano, como acontece coa maioría dos asinados en Galicia.

Os contratos asinados por Naturleite e Lactalis en febreiro teñen unha duración inferior a un ano

Dada a situación de incertidume, os contratos asinados en xaneiro por Naturleite son a 6 meses de duración (até xuño), ao igual que tamén fixo en febreiro Lactalis con aquelas ganderías de maior volumen de recollida, asinando por 8 meses (até setembro).

No actual contexto de volatilidade, isto fai que tanto as industrias como as explotacións corran un menor risco, dado que o prezo podería ser revisado no verán en función de como se presente o panorama para o segundo semestre do ano, tanto no relativo aos custos de produción das granxas como no valor do leite e os produtos lácteos que comercializan as industrias.

Algunhas empresas estaban agardando a que outras moveran ficha antes

Facemos a continuación un repaso polas ofertas que están a chegar estes días ás explotacións por parte das principais industrias que recollen leite en Galicia, nas que destacan as subas propostas por Pascual (4 céntimos), Inleit (3 céntimos) e Entrepinares (2 céntimos) e que están a marcar o camiño a seguir para o resto de empresas.

Pascual, prezo base 37 céntimos

Calidad Pascual, que recolle en Galicia o leite a unhas 80 ganderías, propón un contrato a un ano cun prezo base de 37 céntimos, nos que xa irían incluídos conceptos como a dobre A de calidade hixiénico-sanitaria (bacterioloxía e células somáticas). A iso habería que engadir a certificación de benestar animal e medio ambiente, que se paga ás granxas con carácter cuatrimestral e supón case un céntimo en litro, e o pago por graxa e proteína.

En total, o incremento proposto supón case catro céntimos con respecto ao prezo que están a cobrar a día de hoxe as explotacións que entregan a Pascual, cun prezo base que se sitúa nos 33 céntimos máis calidades máis IVE.

Desde a empresa, que non comenta prezos, destacan a fidelidade dos seus gandeiros, xa que explica que o 80% levan con eles máis de 15 anos, e aínda que non entran a dar cifras concretas, aseguran que sempre están cerca das demandas e necesidades das súas granxas proveedoras.

Pascual foi no mes de xullo a primeira empresa en anunciar unha suba no prezo do leite, dun céntimo, que fixo efectiva a partir de setembro, e en xaneiro aplicou unha nova suba, neste caso de 0,8 céntimos.

Entrepinares, revalorización da graxa

Entrepinares, que recolle o leite en Galicia a 160 ganderías e acadou o pasado ano un volume de recollida de 184 millóns de litros, plantexa unha subida de 2 céntimos no prezo base, até 37,5 céntimos, e unha revalorización tamén na prima da graxa (a décima a partir do 3,80% pasaría de 0,4 a 0,5 céntimos).

A décima de proteína segue a pagarse a 0,7 céntimos a partir de 3,30%, logo de que a empresa interproveedora de Mercadona, que fabrica queixos na súa planta de Vilalba, subira en outubro as porcentaxes mínimas, que até entón estaban establecidas en 3,70% para a graxa e en 3,10% no caso da proteína.

Entrepinares aproveitou a suba de 2 céntimos do mes de xuño e de 1 céntimo do mes de outubro para elevar as porcentaxes mínimas de graxa e proteína

Até agora o contrato de Entrepinares incluía o 90% do leite a prezo fixo (35,5 céntimos de prezo base) e o 10% restante referenciado ao valor de catro queixos, o que facía que o prezo final baixase e se situase nuns 35 céntimos. Agora, na oferta de renovación de contratos, a empresa modifica o sistema de cálculo, incluíndo o 100% do leite a un prezo base de 37,5 céntimos pero indexado ao índice A3 da Interprofesional Láctea, que ten en conta varios factores: o prezo medio en cinco países europeos (Alemaña, Francia, Portugal, Paises Baixos e Dinamarca), que pesa o 19%; o prezo das materias primas de alimentación (19%); o índice de produtos industriais lácteos (25%); o prezo da manteiga (19%); o prezo de catro queixos industriais (11%); e o do leite en po desnatado (7%). 

A oferta de renovación de Entrepinares garante un solo de 35,5 céntimos aos seus gandeiros en caso de caída do índice A3 e unha posibilidade de revalorización até os 39,5 céntimos fixados como teito. A empresa de Valladolid non inclúe primas por volume de entregas, polo que as únicas diferenzas no prezo final que cobran as súas ganderías dependería das porcentaxes de sólidos. O prezo base inclúe tamén xa a certificación de benestar e calidade hixiénico-sanitaria (menos de 350.000 células e menos de 50.000 bacterias na media mensual).

Inleit, suba vinculada ao leite en po

Inleit ofrece aos 200 gandeiros galegos aos que recolle o leite unha suba de 3 céntimos pola vía de elevar o teito do prezo base, vinculado á cotización do leite en po enteiro, até os 35 céntimos por litro.

Deste xeito, a empresa asentada en Curtis fixa na súa oferta o prezo base en 33 céntimos se o prezo do leite en po enteiro se sitúa entre os 350 e os 380 €/tonelada, pero este podería oscilar ao longo do ano de contrato entre 30 e 35 céntimos se sobe ou baixa deses niveis, a razón de 0,5 céntimos por cada 10 euros que suba ou baixe a cotización do leite en pó enteiro.

No caso de Inleit, igual que no de Naturleite, prodúcese penalización por bacterioloxía e células somáticas por mostra diaria

Sobre esa base, a filial galega de Lácteos Industriales Agrupados (LIASA) engade as primas por volume (2 céntimos como máximo), por sólidos (0,4 céntimos por cada décima de graxa ou proteína que pase de 3,70% e 3,20% respectivamente) e a prima por calidade hixiénico-sanitaria (0,5 céntimos por ter menos de 230.000 células e 0,5 céntimos por ter menos de 30.000 bacterias).

Lactalis, mellora da prima de benestar e dobre A

Lactalis, a empresa que máis leite recolle en Galicia, renovou contratos en febreiro, cunha duración de 8 meses (até o 30 de setembro) e cunha suba de 2,5 céntimos no prezo base, que pasa a situarse en 32 céntimos, máis unha mellora de 0,2 céntimos tanto na prima de benestar animal como na de calidade hixiénico-sanitaria (dobre A con menos de 240.000 células e 25.000 bacterias).

A multinacional francesa, que conta na nosa comunidade con 1.200 explotacións proveedoras, acaparando o 30% do volume total de recollida, ofreceu inicialmente un contrato co 75% do prezo base a 30 céntimos e o outro 25% referenciado ao prezo do leite en po, pero acabou finalmente asinando contratos a prezo fixo (32 céntimos).

Lactalis asinou contratos por 8 meses, de febreiro a setembro, cunha suba de 2,5 céntimos

A iso habería que engadir a prima por volume (unha gandería que produza entre 100.000 e 150.000 litros ao mes cobraría 1,7 céntimos), a prima por dobre A (0,8 céntimos) e a de benestar animal (o nivel máximo equivale a 0,8 céntimos), máis un complemento comercial que supón 1 céntimo a maiores.

Larsa, fórmula 70-30% co solo en 31,5 céntimos

A cooperativa asturiana Capsa, que en Galicia opera baixo a marca Larsa, xa ten firmados moitos contratos cos perto de 1.000 gandeiros aos que merca o leite na comunidade e que representan o 20% da recollida total, situándose como a segunda industria por volume.  

Larsa ofrece unha suba de 2 céntimos a respecto do contrato asinado en marzo de 2021, baixo a mesma fórmula do 70% do leite a prezo fixo (31,5 céntimos de prezo base) e o 30% restante referenciado á cotización do leite en po e a manteiga (elevando o tope por abaixo a 31,5 céntimos e sen establecer teito por enriba).

Debido ao momento álxido nas cotizacións dos produtos industriais os gandeiros de Larsa saen ben parados co resultado desta fórmula neste momento, pero nada impide que estes valores puideran caer ao longo do ano, arrastrando deste xeito o prezo de compra do leite cara abaixo.

Grupo Lence, ofertas que varían entre 2 e 3 céntimos

Entre 2 e 3 céntimos é a suba que está ofrecendo o Grupo Lence ás 435 explotacións que recolle para as plantas das marcas Río e Leyma. A empresa lucense destaca pola variabilidade de prezos entre as súas ganderías, con ofertas case personalizadas, sobre todo en función do volume, seguindo un baremo con distintas escalas de produción.

O prezo base medraría nos novos contratos desde os 29’5 céntimos de Río e os 30 de Leyma Natura actuais até os 33 céntimos, ao incluír no prezo base as subas realizadas nos meses de outubro e decembro para compensar os custos de produción das granxas, ás que se engadiría unha nova suba na factura do leite de xaneiro. Ao prezo base habería que engadir as primas por volume, benestar e calidades, o que sitúa o prezo final entre 35 e 36 céntimos, dependendo da explotación.

Leite Río subiu dous céntimos para compensar os custos de produción das granxas entre outubro e decembro e prevé unha nova suba dun céntimo na factura do leite de xaneiro

Unha gandería que entregue a Leyma Natura e que cumpra cos parámetros de benestar animal e calidade hixiénica (con menos de 200.000 células e 30.000 bacterias) cobraría unha décima a maiores por tonelada por cada un dos conceptos, o que equivalería a 0,03 céntimos en total por litro; ao que habería que engadir a prima por cantidade (2 céntimos para entregas de menos de 100.000 litros ao mes e 2,5 ao superar esa cifra) e por graxa e proteína (0,3 céntimos por décima de graxa a partir de 3,7% e 0,3 céntimos por décima de proteína a partir de 3,5%).

Danone, nova prima por pegada de carbono

Danone renovou os seus contratos no mes de xaneiro cunha revalorización no prezo base de 0,6 céntimos, que se suma ao céntimo que xa subira entre novembro e decembro (prezo base de 31,2 en outubro, 31,5 en novembro, 32,2 en decembro e 32,8 en xaneiro) utilizando un sistema de cálculo baseado en varios factores.

Danone renovou os seus contratos no mes de xaneiro cunha revalorización no prezo base de 0,6 céntimos

A maiores, realizou cambios na prima da graxa, que pasou de 0,2 céntimos por décima a partir de 3,70% a 0,3 a partir de 3,80%. No caso da proteína, mantense en 0,5 céntimos por décima a partir de 3,20%.

Outra das novidades foi instaurar unha nova prima por eficiencia na pegada de carbono das explotacións, que foi sacada da prima por cantidade, que foi reducida. Danone conta ademáis con prima por benestar animal e por calidade hixiénica (a calidade super A recompénsase con 1,8 céntimos).

Naturleite, prezo base en 34,5 e endurecemento da certificación

Naturleite renovou contratos en xaneiro cunha duración de 6 meses e un prezo base de 34,5 céntimos, logo de ter subido 2 céntimos en xullo e outros 2 antes da renovación. As melloras levaron aparellado un cambio na prima por certificación de benestar, que se endureceu, esixindo agora 71 puntos para cobrala. Superar esa puntuación na auditoría equivalería a 0,5 céntimos máis en litro. A maiores estaría a prima por sostibilidade, doutro medio céntimo, pola sinatura dun documento de compromiso medioambiental e a adopción do Plan Nacional de Redución de Antibióticos (PRAN).

Naturleite non ten prima por cantidade e as penalizacións por células e bacterioloxía son por mostra   

A filial galega da cooperativa andaluza Covap, interprovedora de Mercadona e que recolle o leite a unhas 150 ganderías galegas, non ten prima por cantidade, e tanto as células como a bacterioloxía son computadas por mostra no canto de por media mensual, o que obriga aos gandeiros a ser máis meticulosos para evitar penalizacións.

Deste xeito, a prima por calidade hixiénico-sanitaria é de 1 céntimo (media mensual por baixo de 250.000 células e 25.000 bacterias), pero con dúas mostras no mes con máis de 400.000 células, no canto de cobrala, o desconto é de 1 céntimo e con tres ou máis, de 3 céntimos. No caso da bacterioloxía, con dúas mostras con máis de 100.000 xermes descontaríanse 3 céntimos e con tres ou máis mostras, 6 céntimos. O mesmo coa presenza de inhibidores de antibióticos no leite, cunha mostra positiva no mes e ningunha no último ano o desconto é de 2 céntimos; con máis dun positivo no ano, 2,5 céntimos e con 2 mostras positivas no mes, 3 céntimos. A partir das tres mostras é motivo de rescisión do contrato. 

Leche Celta, renovación en maio

Leche Celta non moveu ficha polo momento posto que os seus contratos rematan en maio. A cooperativa portuguesa Lactogal, propietaria da planta de Pontedeume, subiu un céntimo en decembro e outro en xaneiro ás súas 500 ganderías en Galicia e as explotacións que máis cobran terían neste momento un prezo de 35,5 céntimos.

Reny Picot é habitualmente das que agarda até o último momento para facer as ofertas porque entre a súa estratexia está ‘cazar’ gandeiros orfos de empresa a quen entregar

Tampouco Reny Picot fixo pública a súa oferta polo de agora aos seus gandeiros en Galicia. A empresa asturiana é habitualmente das que agarda até o último momento, xa que dentro da súa estratexia está captar a gandeiros orfos, aqueles que se quedan sen empresa a quen entregar. Outra das peculiaridades de Reny Picot é que fai ofertas máis personalizadas e variables ás explotacións, ao igual que fai Río, mentres que o resto de empresas tratan de unificar máis os contratos.

Logo de ter realizado tímidas subas nos últimos meses, Reny Picot ten o prezo base a día de hoxe en 32,5 céntimos, ao que hai que engadir as primas por calidade (0,9 céntimos por décima de graxa a partir de 3,7%, e 0,6 céntimos por décima de proteína a partir de 3,20%). 

As organizacións agrarias mantéñense vixiantes

Logo de ter convocado protestas no outono para esixir prezos en orixe que compensasen a suba dos custos de produción das granxas, as distintas organizacións agrarias galegas mantéñense agora expectantes para coñecer os detalles das ofertas das distintas empresas e non descartan medidas de presión para forzar que as industrias con contratos máis baixos incrementen prezos.

Óscar Pose, responsable do sector leiteiro en Unións Agrarias, explica que están “presionando” para que as industrias “cumpran coa lei”, que obriga a pagar ao gandeiro por enriba do seu custo de produción.

A presión a Larsa e Lactalis deu resultado; agora posiblemente teña que ir dirixida a outras empresas

“O noso traballo presionando a Larsa e Lactalis o ano pasado está dando os seus resultados e agora vemos que deixan de estar no vagón de cola, polo que agora a presión posiblemente teña que ir máis dirixida cara outras que se están quedando moi atrás”, avanza sen dar nomes.

Ulega, a organización de produtores vinculada a UUAA, está tamén a negociar en conxunto os contratos dos seus membros coa maior parte das industrias. “Agardamos poder sacar resultados en breve”, avanza Óscar Pose.

Piden á Xunta e ao Ministerio que se involucren

Agromuralla, que tamén está a manter encontros coas industrias para coñecer cal é a súa postura de cara á renovación de contratos, non descarta tampouco accións máis drásticas, como a folga de entregas, se a suba de custos de produción dos últimos meses non se ve reflectida nos contratos con incrementos “suficientes” do prezo de compra do leite ás explotacións.

Desde a asociación de gandeiros piden ademais ás Administracións públicas, tanto á Xunta como ao Ministerio, “que actúen para facer cumprir a ley e evitar a ruína do sector e a desaparición das explotacións”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información