As primeiras ofertas de renovación de contratos do leite manteñen prezos continuistas

O Sindicato Labrego considera que existe indefensión para as granxas no proceso, ante a ausencia real de negociación. Demanda medidas das Administracións para reconducir a situación e para solucionar o problema das granxas que poidan quedar sen recollida

As primeiras ofertas de renovación de contratos do leite manteñen prezos continuistas

Tralos contratos do leite que entraron en vigor por catro meses a 1 de abril, con importantes baixadas, a gran maioría das granxas terá que renovar contratos o 1 de agosto. Como a normativa obriga ás industrias lácteas a presentar contratos con dous meses de antelación, as primeiras ofertas de parte das industrias xa chegaron ás ganderías, nunha liña de mantemento de prezos ou mesmo de leve baixada dun céntimo.

Con todo, no sector insístese en advertir de que estas ofertas de renovación non se deben tomar como referencia, pois a lexislación obriga ás industrias a presentar unha oferta dun ano de duración e con dous meses de antelación, pero a maioría das empresas está a optar por presentar a súa oferta final a poucas semanas do vencemento e con contratos a curto prazo.

A inestabilidade do mercado por factores xeopolíticos (aranceis e guerras), que alteran custos de produción e exportacións, explican esa tendencia a asinar contratos a curto prazo. Outra opción para buscar maior estabilidade pasaría por asinar contratos a prezo variable, indexado a algún dos índices da Inlac por exemplo, pero en España as industrias apostaron ata o de agora polos contratos a prezo fixo.

Garantías para as granxas
Ante estas primeiras ofertas de renovación continuistas, o Sindicato Labrego emitiu un comunicado no que cuestiona tal decisión e pide medidas das Administracións para solucionar a “indefensión” na que considera que se atopan as granxas, sen posibilidade de negociación real coas industrias.

“Na Ley de la Cadena Alimentaria estipúlase que en caso de desacordos nos prezos, os contratos poden prorrogarse dous meses máis, ata acadar un acordo, pero na normativa láctea iso non se recolle” -lamenta o responsable do sector lácteo do Sindicato Labrego, Xulio Fernández-. “É algo que lle expuxemos no seu día á Xunta e alédanos que recolleran esa demanda e lla trasladaran ó Ministerio de Agricultura. En calquera caso, pensamos que non hai que esperar por modificacións da normativa. Coa que temos, poden establecerse garantias reais para as granxas”, valora Xulio.

Das ofertas das que ten coñecemento a organización agraria, a de Larsa repite o prezo base do último contrato, en tanto outra industria incluso baixa un céntimo a súa proposta. Son ofertas que, en todo caso, non semellan indicativas das ofertas finais, que chegarán probablemente xa en xullo.

Solucións para as granxas sen recollida
Outra cuestión que preocupa no Sindicato Labrego é a posibilidade de que haxa granxas que queden sen recollida, ben por desacordos nos prezos, como pasou en abril con catro granxas que lle entregaban a Reny Picot, ben por quedar en zonas illadas.

“Noutras comunidades autónomas optouse por establecer axudas públicas para apoiar a recollida en determinadas granxas. Poderiamos estar a favor dunha medida así, sempre que despois as industrias cumpran coas granxas con prezos xustos”, valora Xulio Fernández.

A organización considera tamén que as cooperativas, na medida das súas posibilidades, deberían ter un compromiso maior para recoller a aquelas granxas que queden sen recollida industrial.

Aumentos de produción no campo e prezos en Europa que se manteñen baixos

As expectativas para a segunda metade do ano apuntan a que pode producirse unha certa recuperación de prezos, tanto en orixe como nos produtos lácteos industrias. A situación actual, sen embargo, está marcada polo estancamento.

O primeiro trimestre do ano pechouse en Europa cun aumento da produción de leite do 4,8% (España, + 1,4%), destacando países como Francia (+ 5,8%) ou Alemania (+ 6,9%). O comportamento das exportacións en xaneiro foi bo (+5%), se ben con menos valor (-4%), pero haberá que ver como están respondendo as vendas ó exterior á actual situación xeopolítica.

En prezos en orixe, a falta de pecharse os datos, o Observatorio do Sector Lácteo Europeo pronostica para abril unha lixeira baixada do prezo medio, de 43,1 a 42,8.

A situación do mercado de produtos lácteos tampouco convida a un excesivo optimismo. A boa noticia é que o leite en po desnatado continúa á alza (+14% en comparación con hai un ano), pero a manteiga segue rondando os 400 euros / 100 Kg. (- 46% en comparación con hai un ano) e os queixos tamén se atopan en prezos baixos, inferiores ós do ano pasado e por debaixo tamén da media dos últimos 5 anos.

Con todo, o leite spot (cisternas) en Italia está subindo e dos 20 euros da primavera pasou a 35 en maio. Cómpre agardar para ver como evoluciona o mercado nas próximas semanas e meses.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información