O piñeiro do país resistente ó nematodo chega a monte: 25.000 plantas instaladas

O Grupo Operativo Piña, coordinado pola Fundación Arume, avanza no seu proxecto de I+D para incrementar a produción de planta forestal mellorada

O piñeiro do país resistente ó nematodo chega a monte: 25.000 plantas instaladas

Parcela de ensaios da comunidade de montes veciñais de Soutelo (Salceda de Caselas, Pontevedra), con 12 xenotipos resistentes ó nematodo do piñeiro. / Arquivo.

As familias de piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) seleccionadas polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán pola súa resistencia á praga do nematodo comezan a chegar ó monte. Nos últimos 3 anos, xa se produciron un total de 40.000 plantas de piñeiro do país con alta tolerancia ou resistencia á praga. Desta cantidade, 25.000 xa están plantadas en monte.

É un primeiro paso pequeno, pois en superficie plantada, a planta xa comercializada representa a penas unhas 25 hectáreas, pero o interese radica no potencial de escalado.

Unha vez que os viveiros colaboradores do proxecto teñen instalados campos de pés nai de piñeiro do país de alta xenética, tolerante ó nematodo, o escalado da multiplicación vexetativa da planta (estaquillado) dependerá da demanda de comunidades de montes veciñais e propietarios forestais.

É unha planta de especial interese para a zona afectada polo nematodo do piñeiro, no sur de Pontevedra e oeste da provincia de Ourense, sobre todo no entorno dos casos positivos constatados pola Xunta.

Os hándicaps para a transferencia da planta a monte son principalmente dous. Primeiro o maior prezo, pois ata o de agora a planta tolerante ó nematodo ronda os 90 céntimos /unidade, arredor do triple dunha planta convencional obtida por semente.

En segundo lugar, o costume das comunidades de montes veciñais de traballar en base a rexenerados naturais tras corta, o que lles permite aforrar custos e seleccionar plantas máis adaptadas ás condicións locais.

Ambos hándicaps son susceptibles de mellora. En canto ó prezo, os viveiros traballan para abaratar no curto prazo a planta e tamén se ten posto sobre a mesa a posibilidade de que a Administración apoie de xeito específico este tipo de material.

No que respecta ós rexenerados naturais, nun encontro celebrado o pasado ano en Mondariz, desde a Asociación Forestal de Galicia propuxéronse estratexias complementarias. Desde combinar rexenerados coa plantación de bosquetes do material mellorado á posibilidade de intercalar nos rexenerados certo número de exemplares mellorados por hectárea, coa perspectiva de conservalos no monte, máis alá da corta final

Deste xeito, as árbores melloradas continuarían no monte como árbores pai. É unha estratexia de cara ó longo prazo, orientada a unha mellora integral de todo o monte en varias xeracións de corta.

O proxecto do Grupo Operativo Piña para mellorar o piñeiro do país e o radiata

O Grupo Operativo Piña, que ten por obxectivo a multiplicación vexetativa de planta forestal de piñeiro mellorado, impulsou nos últimos anos a obtención de planta comercial a partir de campos de pés nai de piñeiro do país (‘Pinus pinaster’). Esta planta ten o especial interese de presentar maior resistencia ó nematodo do piñeiro, polo que se optou pola súa multiplicación vexetativa (estaquillado) para conservar os xenes da resistencia e axilizar a súa transferencia ó monte.

Nos últimos tres anos, producíronse arredor de 40.000 plantas de piñeiro do país con maior resistencia ó nematodo. Son plantas que ademais presentan en paralelo parámetros mellorados de rectitude, crecementos e conformación, polo que resultan de especial interese para zonas tradicionais de coníferas onde estea a ter impacto a praga do nematodo do piñeiro, xa presente en Galicia no sur de Pontevedra e no suroeste da provincia de Ourense.

As primeiras 25.000 plantas de piñeiro melloradas que foron obtidas a través do Grupo Operativo Piña xa se instalaron en monte, principalmente en Galicia, primeiro en plantacións demostrativas e ensaios, e logo en plantacións de empresas e comunidades de montes veciñais interesadas.

É tamén de destacar que propietarios doutros puntos da Península, como Portugal e País Vasco, tamén adquiriron a planta galega mellorada para testeala nos seus montes e comprobar resultados.

Traballos paralelos co piñeiro radiata
Estes traballos do Grupo Operativo Piña co piñeiro do páis son paralelos á recente instalación de campos de pés nai de piñeiro radiata (‘Pinus radiata’) de alta xenética, dos que se obterá planta comercial a partir do outono do 2026. Ambas especies, piñeiro do país e piñeiro radiata, conforman o groso das masas de coníferas existentes en Galicia.

Cómpre lembrar que os proxectos de multiplicación vexetativa de planta mellorada de piñeiro do país e de piñeiro radiata naceron a partir da constatación de que a cantidade de planta forestal mellorada que está dispoñible para a reprodución convencional (a partir de semente) é de todo insuficiente para satisfacer a demanda a curto prazo.

Ademais, a propagación vexetativa constitúe unha ferramenta esencial para fixar e garantir a transmisión dos caracteres de interese obtidos na mellora xenética de xeito mais rápido. Por ese motivo, a Fundación Arume, a través do Grupo operativo Piña, emprendeu a multiplicación vexetativa do material de alta calidade xenética por medio de campos de pés nai.

En todo este proceso son protagonistas os viveiros colaboradores do Grupo Operativo Piña (viveiro de Tragsa, en Maceda, Ourense; viveiro Costa de Lóngaras, en Abadín, Lugo, e viveiro Hifas Foresta, en Pontevedra), co asesoramento da Cooperativa de Mejoramiento Genético Forestal de Chile, coa que a Fundación Arume ten un acordo de colaboración.

O material xenético mellorado de partida foi obtido polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán e facilitado pola Dirección Xeral de Ordenación e Planificación Forestal (Xunta de Galicia).

Sobre o grupo operativo Piña
O Grupo Operativo Piña está financiado pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), con aportación económica de Fondos Feader (UE), e conta coas seguintes entidades socias: Fundación Arume, Viveiro Costa de Lóngaras SLU, Hifas Foresta SL, Asociación Forestal de Galicia, Asociación Sectorial Forestal Galega, Dirección Xeral de Ordenación e Planificación Forestal (Xunta de Galicia), Centro de Investigación Forestal de Lourizán, Tragsa e Cooperativa de Mejoramiento Genético Forestal de Chile.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información