Primeira primavera desde o 2014 con pico de prezos no leite e nos produtos lácteos en Europa

Primeira primavera desde o 2014 con pico de prezos no leite e nos produtos lácteos en Europa

Leite en po. / Arquivo.

O mercado lácteo da Unión Europea está atravesando por un gran ano, ata o punto de que a primavera do 2021 é a primeira desde a do 2014 na que soben os prezos do leite no campo e dos produtos lácteos industriais. Tradicionalmente, na primavera hai un pico de produción que se asocia a unha diminución de prezos, pero este ano o escenario cambiou.

Os motivos están en que dun lado, o tirón do mercado chino favoreceu boas exportacións de produtos lácteos e a bos prezos desde Europa. Por outra banda, o frío primaveral en Centroeuropa retrasou o crecemento dos pastos, polo que a produción foi menor da prevista. Desde maio, cando proliferaron as chuvias, os pastos recuperáronse, así que agárdase que o 2021 remate cunha produción superior á do ano anterior en arredor dun 0,8%, segundo un informe da Comisión Europea sobre as perspectivas do mercado lácteo.

O informe conclúe que o bo momento do mercado debería permitir que os prezos dos produtos lácteos continúen mellorando e que iso repercuta tamén no campo, o que compensaría en parte a suba de custos de alimentación.

En abril, o prezo da manteiga rondou os 4.000 euros / tonelada, o que representa un 44% máis do promedio dos últimos cinco anos, en tanto o leite en po desnatado situouse no entorno dos 2.500 euros / tonelada, tamén moi por riba do promedio dos últimos anos.

As boas perspectivas de mercado levaron a que no primeiro trimestre do ano se reduciran os sacrificios de vacas arredor dun 4%, co obxectivo de manter un maior número de animais nas granxas, pero a tendencia a reducir número de animais continúa e o ano rematará en Europa cun menor número de vacas que o ano anterior, pero máis produtivas, segundo as estimacións do informe.

Fronte á evolución positiva do mercado en Europa, en España esta primavera produciuse a tradicional baixada estacional dos prezos, a pesar do descontento do sector, onde se constataba o bo momento do mercado e a suba dos custos de produción.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información