A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas, creada en outubro do 2021 coa colaboración entre o que foi alcalde de Lugo, Tomás Notario Vacas e a Caixa Rural Galega, acaba de activar a primeira convocatoria de bolsas para estudos agroalimentarios ou forestais. Trátase dunha liña de axudas para cursar estudos superiores ou masters coa finalidade de formar a profesionais nos centros máis vangardistas, co propósito de que poidan achegar coñecemento ao tecido industrial galego.
Esta é unha das primeiras iniciativas desta Fundación que xurdiu co propósito de contribuír a promover a investigación e a educación, de forma prioritaria no sector agroalimentario e forestal, con especial atención aos estudos superiores en aras de perseguir a excelencia e especialización, co obxectivo de que poidan reverter no progreso e a mellora de actividades produtivas de Galicia.
Cada bolsa terá unha dotación máxima de 40.000 euros que poderán destinarse a matrícula e estancia e cuxo importe definitivo dependerá do lugar e centro no que se realicen os estudos.
Para poder optar a algunha das bolsas, os solicitantes deberán ter un título universitario, ter vinculación con Galicia e poderán ser estudantes recentemente licenciados ou profesionais que xa estean a traballar na actualidade.
A selección dos bolseiros basearase en criterios como a formación académica previa do solicitante, a traxectoria profesional, no caso de que exista e o proxecto de estudos a realizar, así como a súa aplicación posterior.
As bases e formulario de solicitude están dispoñibles na páxina web de Caixa Rural Galega e o prazo de presentación de solicitudes xa está aberto e finalizará o 6 de maio.