Primeira concentración parcelaria entre dúas provincias

A Consellería de Medio Rural traballa xa na primeira concentración parcelaria entre dúas provincias nos concellos de Padrón e de Pontecesures

Primeira concentración parcelaria entre dúas provincias

Reunión esta mañá entre a conselleira e os veciños de Pontecesures e de Herbón

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, participou este mércores nunha charla informativa no concello de Padrón para explicar aos veciños da parroquia de Herbón e aos do limítrofe concello de Pontecesures o proceso dunha posible concentración parcelaria entre ambos municipios. Trataríase da primeira reestruturación da propiedade feita entre dúas provincias diferentes e que se inicia, ademais, a petición dos residentes nestes núcleos.

En concreto, e a falta dos informes técnicos definitivos, dous terzos da extensión afectada estaría no concello de Padrón, provincia da Coruña, mentres que o outro terzo en Pontevedra, no municipio de Pontecesures. Esta concentración compaxinaría os cultivos de viñedo e horta.

A conselleira estivo acompañada polo alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, e o alcalde en funcións de Pontecesures, Ángel Manuel Souto Cordo. Durante a súa intervención, Ángeles Vázquez resaltou a importancia deste tipo de procesos para, entre outras cuestións, aumentar a base territorial das explotacións e darlles así máis rendibilidade. Ademais, a través das concentracións parcelarias mellórase a mobilidade entre núcleos de poboación e o acceso ás fincas e vivendas.

A Consellería do Medio Rural conta este ano cun orzamento de 22 millóns de euros plan de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia. Con esta achega preténdese seguir avanzando nos procesos de reestruturación abertos en Galicia, que afectan a unha superficie total de 119.003 hectáreas, co obxectivo de que todas estas zonas estean en disposición de seren rematadas nos próximos 4 anos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información