Primeira campaña da castaña con perdas pola avespiña do castiñeiro

A praga xerará impacto en zonas produtoras coma o Caurel e o seu crecemento é xeneralizado en toda Galicia

Primeira campaña da castaña con perdas pola avespiña do castiñeiro

Avespiña do castiñeiro. / Imaxe: Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

A praga da avespiña do castiñeiro, que xa o ano pasado chegara a case toda Galicia, está experimentando este ano un crecemento xeneralizado. O problema medra con precisión matemática, pois cada avespiña calcúlase que pon entre 100 e 200 ovos, co cal en poucos anos a súa poboación pode dispararse se non hai un axeitado control biolóxico. Este ano, a presenza da praga xa é alta en zonas de Ourense e Lugo coma o Courel ou a ribeira do Miño, segundo valoran desde a IXP Castaña de Galicia.

Os produtores dan por seguras perdas na produción de castaña nas zonas máis afectadas, se ben aínda é cedo para facer un balance, pois a colleita non comezará nas comarcas máis produtoras ata finais de outubro. “A preocupación é grande. Sabemos que o primeiro ano en que a avespiña chega a unha comarca non hai problemas, pero en 2-3 anos afecta a tódolos castiñeiros e se non se fai un axeitado control, acaba con todo”, explica o presidente da IXP Castaña de Galicia, Jesús Quintá.

Caurel
No 2017, o impacto da avespiña xa foi alto en castiñeiros de zonas sen tradición produtora, pero este ano o problema está aumentando en comarcas tradicionais da castaña, coma o Caurel. “O ano pasado tiñamos pouca presenza da praga, pero este ano nos vales do Caurel hai unha afección grande” -explica Verónica Núñez, da empresa Caurelor (Quiroga, Lugo).- “Os castiñeiros están con ourizos, pero vense débiles, a algúns xa lles está caendo a folla e non sabemos o que vai pasar. Estamos á expectativa. En Folgoso, a afección é total, aínda que o problema non chegou aínda a zonas de maior altitude, como A Seara (Quiroga)”.

Ancares
Máis ó norte, nos Ancares, onde xa o ano pasado se detectou a avespiña, a praga estase expandindo e esta campaña chegou a boa parte da comarca. “O ano pasado era raro, vela nalgunhas zonas, pero este ano chegou incluso ás zonas de maior altitude” -explica Román Sánchez, da cooperativa A Carqueixa-, “se ben si que é certo que se fixeron soltas do parásito da avespiña, o ‘Torymus’, para tratar de frear a praga.”, destaca.

Con todo, o problema máis grave nos Ancares vén derivado dos lumes do pasado ano, pois parte dos castiñeiros afectados non se recuperaron. “Tamén hai que dicir que á xente á que se lle queimaron os castiñeiros tivo unhas axudas ridículas, cun máximo de 150 euros por afectado, cando o pasado ano houbo quen perdeu miles de quilos de castaña”, subliña.

Oriente ourensán
En Ourense, no oriente ourensán, onde se produce a maior parte da castaña galega, este ano xeneralizouse o impacto da avespiña. “O ano pasado tivemos uns primeiros síntomas, pero este ano houbo unha expansión grande. Concellos coma Verín ou Laza están moi afectados e en Riós e na Gudiña a avespiña xa se extendeu a todo o territorio”, repasa José Manuel Guerra, un produtor de castaña da Gudiña.

“Este ano xa vai haber perdas e o problema non son só as perdas, senón que a avespiña debilita moito ás arbores” -valora José Manuel.- “Onde menor impacto tivo a praga polo de agora é na Mezquita e nas zonas máis de montaña”.

Soltas de ‘Torymus sinensis’
A esperanza do sector é que a loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro consiga limitar os danos a poucos anos vista. O problema é que ata este ano non se xeneralizou a solta do insecto que combate á avespiña, o ‘Torymus sinensis’, pois o Ministerio de Agricultura non concedía autorizacións para soltas masivas.

Un segundo problema foi que non existe suficiente ‘Torymus sinensis’ no mercado. Para este ano, a Xunta tiña anunciada a solta de 1,6 millóns de ‘Torymus’, pero só puido adquirir arredor da metade. “Fíxose o que se puido. Outros países tamén teñen unha demanda alta de ‘Torymus’ e para o 2019 esperemos estar lixeiros e lograr suficientes parásitos da avespiña”, valora Jesús Quintá.

Entre os produtores, hai recoñecemento das soltas realizadas este ano pola Consellería, se ben tamén se considera que se actuou “tarde”.

Perspectivas da campaña

Á marxe da avespiña, as perspectivas para a campaña deste ano son mellores que as do pasado, cando as xeadas primaverais e a seca causaran unha gran merma na produción. “En Ourense, en xeral houbo unha boa floración e o froito está medrando ben. En Lugo temos zonas con boa floración e outras onde se rexistraron problemas”, valora Jesús Quintá.

Os produtores sinalan que resta alomenos un mes para o comezo da colleita, polo que é todavía cedo para facer pronósticos. “Se non vén auga de aquí en diante, a perspectiva é mala. De momento a castaña está crecendo ben, pero terá que chover máis. Será o que marque. De momento é cedo para saber certo o que vai pasar” -valora José Manuel Guerra, da Gudiña-. “Tamén hai que ter en conta que este ano tivemos nalgunhas zonas problemas puntuais por algunha xeada ou por cambios bruscos de temperatura que debilitaron ás árbores”, apunta.

Nos Ancares, Román coincide coa análise de José Manuel no senso de que aínda ten que chover. “Xa o di o refrán, ‘Agosto arder, setembro beber’, e polo momento as árbores beberon pouco en setembro”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información