Prezos medios de 2.350 euros na poxa de xovencas de Acruga en Pedrafita

Dous dos exemplares adxudicáronse en 2.600 euros, 650 euros por encima do prezo de saída fixado en 1.950 euros. Os 5 animais que se sacaron a poxa foron adquiridos por gandeiros lucenses

Prezos medios de 2.350 euros na poxa de xovencas de Acruga en Pedrafita

Unha das xovencas preñadas que se venderon este martes en Pedrafita. // Foto Acruga.

O recinto gandeiro de Pedrafita do Cebreiro (Lugo) acolleu este martes, despois de dous anos sen celebrarse, a tradicional poxa de xovencas preñadas da Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto Raza Rubia Galega (Acruga), que se pechou cos cinco exemplares vendidos e un prezo medio de 2.350 euros. Esta media tan elevada debeuse en parte á alta cotización que alcanzaron dúas das xovencas, adxudicadas en 2.600 euros, moi por encima do prezo de saída, fixado en 1.950 euros.

Un total de 17 gandeiros procedentes de distintos municipios da provincia de Lugo retiraron tarxeta para poder tomar parte na poxa, o que desde Acruga cualifican como un bo número de posibles compradores.

As dúas primeiras xovencas preñadas, procedentes do rabaño de elite do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, adxudicáronse en 2.050 e 2.100 euros, adquiridas ámbalas dúas por un produtor con gandería en Sarria (Lugo). As tres seguintes poxas lograron as máximas cotizacións, moi por encima do prezo de saída. O terceiro e quinto exemplar da poxa, adxudicados en 2.400 e 2.600 euros, levounos un gandeiro de O Corgo (Lugo), mentres que a cuarta xovenca, adxudicada tamén en 2.600 euros terá como destino unha gandería de Becerreá (Lugo).

O presidente de Acruga, César Dorado, mostrouse satisfeitos cos resultados da poxa. “Estabamos seguros de que se ían a vender. A pesar da mala situación do sector, seguimos tendo moita demanda de gandeiros que queren comprar xovencas do centro de recría. Tanto daqueles que se queren incorporar á raza Rubia Galega como dos que xa contan con ganderías e necesitan de xovencas preñadas”, valora Dorado.

Á cita tamén asistiu o Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, e o de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé María Arias, xunto co alcalde de Pedrafita do Cebreiro e Deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo. 

A Deputación de Lugo mantén unha estreita colaboración con Acruga, á que achegou 1,4 millóns de euros entre 2014 e 2022 con dúas liñas de axuda. Por unha banda, con axudas directas ás ganderías lucenses polo primeiro parto das femias reprodutoras inscritas no rexistro xenealóxico; e por outra banda, a institución provincial mantén unha colaboración directa con Acruga para a recría e mellora xenética dos animais nas instalacións da Granxa Gayoso Castro.

Próxima poxa

A próxima cita organizada por Acruga na que se poderán mercar xovencas preñadas de alta calidade e xenética será o 19 de abril, en Becerreá, unha poxa que se tivo que aprazar o pasado marzo, por mor do paro do transporte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información