Prezos do leite: Grupo Lence, Larsa, Naturleite ou Inleit confirman baixadas de entre 7 e 9 céntimos

LARSA_CISTERNA_1Vanse coñecendo estes días os contratos presentados polas industrias lácteas aos gandeiros e prácticamente todos coinciden no mesmo: Rebaixas de entre 7 e 9 céntimos para situarse no entorno dos 40/45 céntimos en función do volume de entregas da gandería e do cumprimento das primas. Na maior parte dos casos trátase de contratos de curta duración, a 4 meses, ata o 31 de xullo.

Por parte das industrias xustifícano en que están perdendo diñeiro dende decembro debido á caída nas cotizacións da manteiga e a que os prezos do leite en España están por riba da media da Unión Europea, co risco de entrada masiva de cisternas e de queixo a baixo prezo. Entre os gandeiros existe un gran malestar por esta baixada tan drástica, que lles coincide ademáis nun momento no que se dispararon os prezos do gasóleo e dos fertiilizantes e ao que lle habería que engadir, de prolongarse o conflicto con Irán, previsiblemente o dos pensos.

Velaquí un resumo dos contratos lácteos presentados ata o de agora polas principais industrias lácteas que operan en Galicia:

Lactalis:

Contrato por 4 meses e propón unha baixada de até 8 céntimos nas granxas máis grandes, que pasarían dos 53 céntimos que cobran neste momento a 45 céntimos no mellor dos casos. O prezo base descende até os 38 céntimos, tal como figuraba na oferta enviada a finais do mes de xaneiro ás explotacións, 4,5 céntimos menos que no actual contrato.

Larsa:

Prezo base de 39 céntimos, máis primas por volume e por benestar animal, polo que unha gandería grande podería chegar aos 0,455 ou 0,46 euros o litro, no mellor dos casos. Contrato tamén a 4 meses.

Grupo Lence (Leche Río e Leyma):

Prezo base de 0,40 euros, máis unha prima de 4 céntimos por volume, como máximo, e 1 por calidade hixiénica. Desta forma o prezo base pode en chegar aos 0,45 euros no caso das granxas máis grandes.

Reny Picot:

Prezo base de 0,40 euros, máis unha prima de 4 céntimos por volume, como máximo, e 1 por calidade hixiénica. Recolle en Galicia, entre outros leite das cooperativas Cobideza e Xallas.

Naturleite:

41,5 euros de prezo base, chegando aos 0,445 ou 0,45 coas primas de benestar, calidade hixiénica e medioambiente.

Inleit:

Tamén é agresiva a baixada de Inleit, cun prezo base de 40 céntimos, 7 céntimos menos que a día de hoxe, posto que o contrato vixente até marzo chega a 47 céntimos de base.

As industrias alegan que a baixada era “inevitable e inaprazable”

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polos directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño; reúnese con representantes das principais industrias lácteas para abordar a situación deste sector. FOTO: Mónica Arcay Carro

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polos directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño; reúnese con representantes das principais industrias lácteas para abordar a situación deste sector. FOTO: Mónica Arcay Carro

A Consellería do Medio Rural mantivo este mércores en Santiago unha reunión coas industrias lácteas para precisamente abordar a renovación dos contratos lácteos. Por parte do departamento que dirixe María José Gómez pedíuselles ás industrias que a baixada fora progresiva e advertiuse de que este recorte tan brusco nos prezos pode levar a un peche masivo de explotacións lácteas nos vindeiros meses, sobre todo daquelas nas que os titulares están a piques de xubiláranse e non teñen relevo, pero que manteñen a actividade polos bos prezos dos últimos dous anos.

Porén, por parte da industria a negativa foi unánime alegando que dende o mes de decembro están en perdas xa que o prezo medio en España (0,52 euros o litro) está por riba da media da Unión Europea (0,45 euros), o que favorece a entrada tanto de leite líquido como de queixos doutros países. Ademáis, están a verse penalizadas pola caída dos prezos da manteiga, que se ben é certo que nas últimas semanas experimentou un repunte, rexistrou unha importante baixada en 2025. E é que no proceso de homexeneización do leite para o seu envasado en brick a nata sobrante constitúe unha importante fonte de ingresos para estas industrias.

“Na anterior renovación dos contratos en agosto pasado non puidemos corrixir os prezos para adaptalos tanto á media europea como á evolución do mercado, e ademáis foron contratos de 9 meses, co que dende o mes de decembro moitas das industrias lácteas arrastramos perdas. Ademais, estamos tamén a padecer os encarecementos dos custos de transporte e de enerxía pola guerra de Irán”, explican dende unha industria láctea que incide en que “a baixada era inaprazable e inevitable”.

En todo caso, defenden que ao ser contratos de curta duración, “se a situación de mercado mellora podamos corrixir prezos, de cara a agosto e sobre todo ao outono”.

Outra das cuestións que se abordou na reunión de onte en Santiago entre Xunta e industrias lácteas foi a tipoloxía dos contratos. Por parte da Consellería do Medio Rural propúxoselle ás industrias que para dar máis estabilidade e transparencia nos prezos ás explotacións gandeiras se implaten os modelos de contrato indexado da Interprofesional Láctea (INLAC), nos que os prezos se configuran tendo en conta os prezos do leite nos 5 principais países produtores da Unión Europea, as cotizacións dos produtos lácteos industriais e os custos de produción das granxas. Por parte das industrias non se puxeron obstáculos a implantar esta modalidade contractual pero lembrouse que en Galicia non hai cultura de contratos indexados no sector productor e que ás ganderías non lles interesan en épocas de bonanza.

Prezos medios do leite en xaneiro nos distintos países da Unión Europea: 

Captura de pantalla 2026-03-18 231626

Temor á entrada masiva de queixo a baixo prezo doutros países europeos e a que a distribución volva empregar o leite como produto reclamo

Na reunión deste martes as industrias lácteas tamén puxeron sobre a mesa o seu temor á entrada masiva de queixo a baixo prezo procedente doutros países europeos.

“En Alemaña e Holanda está habendo importantes excedentes de produción, unha situación que se vai agravar coa previsible redución das importacións por parte de países do Golfo polo conflicto con Irán. O noso temor é que ese queixo a baixo prezo acabe no mercado español, perxudicando aínda máis á producción nacional”, explican.

Precisamente, a vindeira semana a Consellería do Medio Rural ten convocada unha reunión co sector da distribución para analizar a situación do sector lácteo. E é que un dos temores neste momento é que a distribución baixe o prezo do litro de leite nos lineais por debaixo dos 0,90 euros, o que traslaría a caída de valor tanto á industria como aos gandeiros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información