Prezos do gando en Silleda desta semana

A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA acadou na sesión deste martes dous récords históricos en transaccións.  Así, a facturación total da poxa ascendeu a 617.455€, superando os 553.851€ que supoñían ata agora o récord absoluto e que foran rexistrados o 26 de xuño de 2012. Tamén superou a súa marca de facturación a categoría de vacún maior, con 394.914€ que rebasaron os 339.028€ tamén do 26 de xuño de 2012.

Así mesmo, a Central acadou onte varios récords anuais. Rexistrou a maior asistencia de reses do ano, con 1.214 animais que superaron os 1.113 que concurriran o pasado 14 de setembro, e de vacún maior, con 356 exemplares que rebasaron os 323 que acudirán tamén o 14 de setembro. En canto ao vacún maior, supuxo ademais a mellor asistencia e maior número de animais adxudicados desta categoría dende o 27 de xuño de 2017, cando acudiran 363 exemplares e foran adxudicados 348 (onte foron adxudicados 330)

En canto aos prezos, no gando vacún houbo unha lixeira baixada nos becerros frisóns para recría, e altibaixos nas restantes categorías. Nas mesas de prezos, rexistrouse unha baixada nas cotizacións do porcino e subas nalgunhas categorías de ovos. O coello tamén segue á alza e alcanza os 2,10 euros o quilo.

SILLEDA VACUN 2021 09 4

En concreto, nos animais de recría de raza frisoa, os becerros de menos de 20 días cotizáronse a 71 euros, 8 menos respecto á pasada semana. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, a sección con maior afluencia de gando, a baixada foi de 4 euros, quedando nun prezo medio de 102 euros. Nos becerros de máis de 50 días o prezo baixou ata os 100 euros, 15 menos que na última subasta.

Na recría de cruces industriais, o gando máis novo subiu 9 euros e atópase nos 234 euros no caso dos machos. Porén, nos animais de entre 20 e 50 días, a categoría máis numerosa, os machos experimentaron unha baixada de 4 euros, o que deixa uns prezos medios de 282 euros. No caso dos becerros de máis de 50 días produciuse unha suba, de 6 euros tamén, co que acadan os 370 euros.

En canto aos becerros carniceiros houbo altibaixos. Así, nos becerros de cruzamentos industriais, os machos están en 817 euros, logo dunha suba de 3 euros respecto da última subasta, mentres que as becerras baixaron ata os 671, cunha caída de 70 euros respecto ao pasado martes.

O vacún maior tamén experimentou altibaixos de prezos. Así, as vacas da categoría extra cotízanse a 1976 euros, logo dunha suba de 138 euros. Nos exemplares de primeira tamén houbo unha suba, de 7 euros, e acadan os 1.144 euros. Pola contra, as vacas de segunda baixaron 12 euros e atópanse en 704 euros. Tamén nos animais de descarte se rexistrou un descenso, de 20 euros no seu caso, e sitúanse nos 448 euros. .

Caída da carne de porco e suba dos ovos

SILLEDA PORCINO 2021 09 4

Esta semana a Mesa de Prezos volveu acordar para o porco cebado unha baixada xeral en tódalas categorías, ao igual que o pasado martes. Así, os porcos da categoría selecta e normal rexistraron unha baixada de 0,03 euros, que deixa un prezo de 1,135 e 1,110 euros o quilo respectivamente. Nos exemplares de Canal II a baixada foi de 0,039 euros por quilo e cotízanse agora a 1,442 euros. Tamén houbo baixadas, de 0,05 euros o quilo, no prezo dos exemplares de desvelle, que baixan a entre os 0,34 e os 0,4 euros.

Os leitóns tamén seguen á baixa, 2 euros menos por aniomal. Así, os exemplares procedentes dunha única granxa quedan nos 30 euros (cun prezo de 1,5 euros o quilo) e os animais chegados de varias ganderías mantéñense nos 25 euros e cun prezo por quilo de 1,25 euros.

No mercado do ovo houbo subas de 0,02 euros a ducia nas categorías XL e L, onde se cotizan a 1,65 euros a ducia e a 1,30 euros, respectivamente. Os das clases M e S quedan sen cambios nos 1,12 euros e 0, 91 euros a ducia, respectivamente. As galiñas de descarte continúan entre os 0,15 e os 0,22 euros por quilo.

Por último, o prezo do coello sobe 0,1 euros o quilo e queda nos 2,1 euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información