Prezos de adxudicación da madeira nas poxas da Xunta

Medio Rural difunde os prezos medios anuais que acadaron as distintas especies de piñeiro nas subastas públicas, correspondentes na súa maioría a montes con convenios coa Administración

Prezos de adxudicación da madeira nas poxas da Xunta

Cortas de piñeiro. / Arquivo.

O Observatorio Forestal, creado por Medio Rural, vén de publicar os prezos medios de adxudicación de madeira en pé nas poxas da Xunta. A información ofrécese dividida en series anuais do 2011 ó 2019, con datos das principais especies forestais que entran nas subastas públicas: piñeiro do país (‘Pinus pinaster’), piñeiro insigne (‘Pinus radiata’) e piñeiro silvestre.

Os prezos medios por especie forestal informan do valor de venda da madeira nas poxas públicas organizadas por Medio Rural, correspondentes na súa gran maioría a montes veciñais con convenios de xestión coa Administración. Esas superficies teñen principalmente aproveitamentos madeireiros de piñeiro, polo que a corta doutras especies, como eucaliptos ou frondosas caducifolias, é residual e non se tivo en conta nas gráficas de prezos do Observatorio.

Os datos serven para amosar unha tendencia de prezos medios das coníferas nos lotes adxudicados pola Xunta. En piñeiro do país, o valor medio de adxudicación dos últimos 9 anos foi de 27,21 euros / metro cúbico, falando de madeira en pé sen Ive. As cifras anuais oscilan entre os 29,89 euros do 2015 e os 23,22 do 2017.

En piñeiro radiata, o valor medio de adxudicación de lotes nos últimos 9 anos foi de 28,78 euros / metro cúbico, cun arco entre os 23,44 euros do 2019 e os 35,75 euros do 2018. As importantes oscilacións de prezos que se producen en ocasións dun ano a outro débense sobre todo ás características dos lotes que se poxan cada ano.

Interpretación dos datos
Se se analizan, por exemplo, os lotes de piñeiro radiata subastados no 2018, cun prezo medio de adxudicación de 35,75 euros / metro cúbico, atópanse numerosos lotes en quenda final de corta. Se en cambio se collen os lotes de piñeiro radiata poxados no 2019, adxudicados a un valor medio de 23,44 euros / metro cúbico, vese que ese ano vendéronse sobre todo lotes para claras ou por adaptación a distancias, no entorno de vivendas ou estradas.

Os prezos medios de adxudicación da madeira nas poxas públicas hai que tomalos, por tanto, con precaución, pois as variacións anuais débense máis ás diferentes características dos lotes que a cambios no mercado da madeira.

Para unha comparación de datos máis útil para as comunidades de montes, poderíase considerar analizar os prezos en función de características análogas dos lotes, como por exemplo dividir os prezos medios de cada especie en función de criterios como o tipo de corta (por quenda final, por clara ou adaptación de distancias, por lumes) ou as características da masa (pura ou mixta), segundo se analiza desde o sector.

As características de cada lote é a cuestión fundamental a ter en conta á hora de analizar os prezos. Así, valores medios como o acadado polo piñeiro radiata no 2018, con 35,75 euros / metro cúbico, son posibles sempre que se trate de masas de boa madeira. No sector incluso se teñen constancia de lotes de radiata vendidos en poxas privadas no entorno dos 42 euros, pero tratábase de masas que tiveran rareos, que foran podadas e que tiñan unha madeira final recta, sen nós e de alta calidade tecnolóxica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información