Prezos da madeira: estabilidade no eucalipto e aumento das cortas de piñeiro

As dificultades económicas de Ence lastran neste comezo de ano unha posible suba do eucalipto no monte, en sintonía coa recuperación nas cotizacións da pasta de papel desde setembro, mentres a oferta de madeira de conífera incrementouse en Galicia tralos lumes do verán en Ourense e polo avance das bandas no interior de Lugo

Publicidade
Unha cortadora de Forestal Díaz Casariego SL traballando en montes da Mariña

O sector do eucalipto agarda unha revalorización de prezos ao longo do ano en sintonía coa suba da celulosa

O 2026 arrinca con estabilidade no sector forestal galego, con prezos sen cambios e demanda estancada. “Por agora as perspectivas de subir non se ven; hai que agardar á primavera a ver se se move algo o mercado”, indican desde as asociacións de propietarios. “Está bastante parado e ralentizado todo”, admiten á súa vez desde as empresas cortadoras, que están neste momento volvendo ao traballo logo do parón do Nadal.

Os prezos seguen estancados nos valores do último semestre do 2025, logo da lixeira corrección sufrida polo eucalipto no verán como consecuencia da redución por parte de Ence das primas por volume de produción aos seus subministradores e que se traduciu nunha caída dun euro da madeira no monte.

En canto ao piñeiro, os prezos en pé seguen resistindo, cun diferencial importante na zona sur de Galicia grazas ao efecto tractor da demanda portuguesa, e cun aumento considerable das cortas no último trimestre do 2025 na provincia de Ourense tralos lumes do verán.

Tras varias baixadas escalonadas ao longo do 2025, o eucalipto caeu en total dous euros en tonelada o ano pasado

O sector agarda un ciclo de lixeira melloría este ano, sobre todo no eucalipto, por ter retrocedido máis, aínda que é cauto nas súas previsións. “A situación é moi cambiante e pode pasar de todo. Por exemplo, se para a guerra de Ucraína e hai que reconstruír o país, non vai haber madeira que chegue”, prognostican.

 Na procura de lotes de eucalipto máis grandes

O eucalipto glóbulus estase a pagar neste momento no entorno dos 34 e 35 euros (prezo final a cobrar polo propietario, co 12% de IVE incluído e descontada xa a retención do 2% de IRPF, para madeira certificada en pé sen pelar), chegando a 40 euros no caso da madeira sen casca, mentres que o nitens sen pelar móvese entre 30 e 31 euros.

O tamaño do lote, os accesos e a dificultade de saca seguen condicionando en boa medida o prezo final, de maneira que en lotes moi grandes, ben de propietarios individuais con grandes extensións, comunidades de montes ou vendas en conxunto, é posible aproximarse aos 36 euros. “Para lograr bos prezos hai que primar cantidades máis grandes con cargadeiro a pé de monte; valórase moito iso porque os custos de aproveitamento foron subindo”, insisten desde as asociacións de propietarios forestais.

Hai expectativas de que poida haber unha suba no eucalipto de 1-2 euros nos vindeiros meses en sintonía coa revalorización da pasta de papel

A revalorización nos prezos da celulosa, iniciada no mes de setembro e que se prevé que continúe neste comezo de ano, non tivo polo momento o seu reflexo na mellora dos prezos no monte e desde o sector prevese que tarde aínda algúns meses en chegar, debido á delicada situación económica de Ence, que lastra unha mellora da rendibilidade do resto da cadea. “A celulosa subiu, pero Ence di que, que coa oferta que hai, ten que seguir vendendo con desconto para poder competir no mercado”, relata unha empresa forestal da Mariña provedora habitual da pasteira.

Ence segue a priorizar a entrada de glóbulus e pide unha parte do nitens pelado na súa fábrica de Navia

No norte de Galicia, Ence segue a priorizar a entrada de glóbulus á súa fábrica de Navia, ben sexa pelado ou sen pelar, pero está a pedir aos seus subministradores que unha parte do nitens que mandan vaia sen casca (cun diferencial de 5-6 euros en tonelada).

Máis aló do aproveitamento destes refugallos na súa planta de coxeneración, a casca do eucalipto nitens dificulta o proceso en fábrica. “Piden xa parte do nitens pelado porque a corteza do nitens é bastante liosa nas peladoras de bombo e necesitan algo pelado para ir metendo polo medio para limpar o bombo e que non se atasque”, aclaran aclaran algunhas das empresas forestais.

Unha cuarta parte dos ingresos actuais de Ence proceden xa da venda de enerxías renovables 

Ence levantou as restricións á entrada de madeira por parte de subministradores non habituais que mantivo durante algún momento o ano pasado e mesmo está a consumir eucalipto en estela almacenado no porto de Burela e que estaba destinado á exportación a Bélxica. Desde fai dous meses, parte das 20.000 toneladas de estela que había acumuladas están a ser trasladadas en bañeiras cara a Navia.

Cando a celulosa está baixa non pagas os portes do barco

“Cando a celulosa está baixa, o prezo en fábrica non paga os portes do barco”, xustifican desde o sector. Ese é o motivo tamén de que Navigator decidise tamén fai uns meses deter unha das liñas de produción da súa fábrica de Aveiro, a destinada a pasta de papel, e que se subministraba en boa medida con madeira de eucalipto traída desde Suramérica. A compañía portuguesa segue mantendo, sen embargo, o seu cargadeiro de Ferrol para a madeira mercada en Galicia.  

Diferenza de 10 euros na rolla de piñeiro entre o norte e o sur

En canto aos prezos do piñeiro, existen notables diferenzas entre o norte e o sur de Galicia. No norte da Coruña e Lugo, a rolla págase a 48 euros, mentres que o puntal móvese entre 25 e 27 euros. “Seguen levando todo o que se corta pero o mercado está bastante parado. O piñeiro ralentizou cara final de ano e os pedidos tanto no taboleiro como na rolla foron descendendo algo”, indica unha empresa da zona norte.

A demanda dos serradoiros e fábricas de Portugal tracciona os prezos no sur de Galicia

A rolla, capitalizada por serradoiros como Hijos de Ramón Rubal ou Maderas Goiriz, foi aguantando o prezo, pero para o puntal hai menos alternativa. Máis aló de Finsa, que levantou as restricións á entrada de madeira que fixara hai un ano, ou de Tableros Hispanos, Biegal, que fai estelas para biomasa nas instalacións da antiga Ecar en Mondoñedo a partir de puntal de piñeiro e eucalipto queimado, é das poucas opcións para a madeira de conífera de escasa calidade.

No sur de Galicia, pola contra, a demanda é maior debido á proximidade con Portugal. A madeira de calidade que marcha para cubrir as necesidades dos serradoiros e industrias do país veciño tira polos prezos á alza, mentres que a factoría de International Paper, unha das máis importantes plantas de fabricación de papel kraft de Europa, cunha capacidade de produción de 425.000 toneladas anuais, consume unha parte da madeira destinada a trituración.

Os prezos da rolla en Pontevedra son bos neste momento pero sen chegar ao récord do 2021

Nas últimas poxas realizadas na provincia de Pontevedra acadouse un prezo medio do lote de entre 45 e 47 euros (lotes grandes con diámetro e boa silvicultura), coa rolla en 55 euros (chegando aos 65 nalgunha poxa) e o puntal de corta final a feito entre 24 e 26 euros (no caso de puntal procedente de rareo o prezo móvese entre 16 e 10 euros). Neste caso son prezos base, aos que habería que engadir un 10% resultante de IVE menos retención.  

Incremento de cortas de piñeiro polos lumes e as bandas

O 2025 pechouse cun incremento do 5% nas cortas de eucalipto en Galicia (uns 6 millóns de toneladas) e dun 20% nas de piñeiro (5 millóns). Por provincias, A Coruña liderou a produción de eucalipto (duplica as toneladas de Lugo) e Lugo a de piñeiro, aínda que o importante crecemento das toneladas de madeira de piñeiro rexistradas no último ano débense sobre todo ao forte incremento das cortas en Ourense (que case triplicou a produción con respecto a 2024). Pontevedra (con 100.000 toneladas máis) tamén nota un repunte grazas aos bos prezos da zona.

Desde o mes de setembro Ourense case triplicou a produción de madeira con respecto ao 2024

No último trimestre do ano disparáronse as solicitudes de corta de piñeiro na provincia de Ourense, como consecuencia dos incendios forestais que este verán asolaron a provincia, o que se vai seguir traducindo nun notable incremento das cortas neste comezo do 2026.

No caso de Lugo, onde tamén se incrementaron as solicitudes de corta a partir de setembro, a sobreoferta de piñeiro está motivada polas enfermidades fúnxicas, dado que a banda marrón e vermella están a obrigar a cortar moitos montes da zona leste, en concellos da montaña, e tamén cara o interior da provincia, en moitos casos antes da finalización do turno de corta.

Existe incertidume sobre a posibilidade de plantar un turno de eucalipto en montes de piñeiro con grave afectación por enfermidades fúnxicas

As condicións establecidas para a prórroga á moratoria do eucalipto permiten nos casos nos que a afectación da enfermidade sexa moi elevada, plantar no 50% da superficie un turno de eucalipto, pero existe moita incertidume entre os propietarios sobre como se vai levar a cabo a aplicación desta cláusula e sobre como se vai determinar o grado de afectación das plantacións e a consecuente autorización por parte da Administración de plantación de eucalipto nesas parcelas. 

Cotizacións da celulosa: recuperación no 2026?

Evolución da cotización da celulosa de fibra curta branqueada (BHKP) en Europa no mercado de referencia, a bolsa Norexeco, en dólares/tonelada

Cotización da celulosa de fibra curta branqueada (BHKP) en Europa na bolsa Norexeco, en dólares/tonelada

O 2025 foi un ano difícil para as fábricas de celulosa que operan ou compran eucalipto en Galicia. Ence viuse abocada, por mor das súas perdas, a establecer despedimentos nas súas fábricas de Pontevedra e Navia, mentres as portuguesas Altri e Navigator viron reducidas tamén as súas marxes polas baixas cotizacións da celulosa a nivel internacional.

Pero o escenario parece apuntar un cambio de tendencia para o 2026. O mercado de futuros apunta unha recuperación de prezos no mercado, logo de teren tocado fondo no último trimestre do 2025.

Ence entrou en números vermellos no 2025 e viuse obrigada a facer despedimentos en Navia e Pontevedra

Este cambio de ciclo alcista beneficiaría sobre todo á celulosa branqueada de fibra curta BHKP (Bleached Hardwood Kraft), onde o eucalipto é o protagonista principal para a súa fabricación. Isto podería supoñer un elemento clave para a volta da rendibilidade nas fábricas e, en consecuencia, un incremento na demanda de madeira e unha suba do prezo en monte.

O mercado de futuros augura prezos máis altos e estables para a celulosa no 2026

O prezo da celulosa BHKP en Europa, segundo as cotizacións do mercado de referencia (a bolsa norueguesa Norexeco) pechou o ano en 1.096 dólares a tonelada, despois de ter tocado fondo nos 1.000 dólares do mes de setembro e de ter perdido 200 dólares por tonelada desde maio.

Reestruturación do mercado polos aranceis de Trump

A cotización acumula xa un trimestre de subida pero atópase aínda moi lonxe aínda do nivel dos 1.440 dólares acadados no mes de xullo do 2024. A forza do rebote gradual de prezos no mercado internacional previsto para o 2026 dependerá unha vez máis da demanda de China, que nos últimos catro anos duplicou a súa capacidade de produción de celulosa, apoiada en plantacións de eucalipto, álamo e piñeiro. 

As fábricas de celulosa tiveron que lidiar no 2025 con prezos baixos e stocks elevados

O incremento da produción tamén se deu en Suramérica coa posta en marcha de grandes proxectos en Brasil, Chile ou Uruguai. Así mesmo, os aranceis impostos por Donald Trump na súa guerra comercial están a condicionar tamén o mercado, con movementos en cadea.

Brasil conta cunha capacidade produtiva de 20 millóns de toneladas e exporta arredor do 90% da súa produción. Os aranceis do 50% establecidos polo Goberno norteamericano á celulosa brasileira, principal provedor do mercado estadounidense, o pasado mes de xullo fixeron que empresas como Suzano comezaran a desviar parte deses volumes cara Asia e Europa, mentres Canadá reaccionou dirixindo as súas exportacións cara EEUU para ocupar o oco deixado polos fabricantes suramericanos e europeos.

A celulosa a partir de eucalipto segue gañando terreo

Na península ibérica, Ence, Altri e Navigator producen unhas 2,8 millóns de toneladas de BHKP e concentran o seu mercado principalmente en Europa, onde a fibra curta, producida a partir de eucalipto, de maior calidade, segue gañando mercado fronte á fibra longa en produtos como papel tisú ou de uso sanitario.

Navigator duplica a facturación de Ence e Altri, que se moven en cifras de negocio semellantes. A caída de ingresos en ambos casos no 2025 situouse por riba do 15%, fronte a un descenso máis moderado, do 5%, de Navigator, que decidiu deter a produción de pasta de papel na súa fábrica de Aveiro ante os baixos prezos de venda da celulosa e os altos custos de importación de madeira desde países como Mozambique, Uruguai ou Brasil.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información