Prezos á alza en boa parte das seccións de vacún en Silleda

O vacún maior logra este martes un prezo medio histórico, en parte debido á gran demanda da hostalería de carnes de calidade. Subas na recría e nos becerros carniceiros. O porco cebado volve subir e o leitón mantense sen cambios. Continúa estable o mercado do ovo

Prezos á alza en boa parte das seccións de vacún en Silleda

Exemplares de vacún maior no recinto feiral de Silleda (Pontevedra). // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou este martes subas dos prezos de boa parte das seccións de gando bovino, tanto na recría, coma nos becerros carniceiros. Ademais, nesta sesión volveuse bater un récord absoluto no prezo medio para a categoría de vacún maior. Mentres, nas mesas de porcino, o porco cebado continúa tamén á alza e os leitóns mantéñense estables, igual que o mercado do ovo.

Na sesión desta mañá destacou o vacún maior ó lograr de novo un prezo medio de récord, o terceiro no que levamos de ano. Se o pasado 16 de marzo se acadaba o maior prezo medio desta categoría con 1.165,86 euros e o 27 de abril se volvía acadar con 1.190,41 euros, hoxe a Central situou este récord absoluto no prezo medio do vacún maior nos 1.226,93 euros. Como indican dende a Central, o récord estivo motivado pola gran calidade dos exemplares que concorreron hoxe, os cales, a excepción dos que se retiraron previamente da poxa por parte dos servizos veterinarios, foron adxudicados na súa totalidade ao non haber ningún rexeitado. A gran demanda que se está rexistrando destes animais de calidade por parte da hostalería tamén contribuíu a acadar este prezo.

Os exemplares de vacún maior co selo Vaca e Boi de Galicia acadaron nesta sesión un prezo medio de 2.346 euros, o que supón unha suba de 1.126 euros con respecto da semana pasada. O vacún de primeira tamén experimentou un incremento do prezo, neste caso de 15 euros e sitúase nos 1.142 euros. Pola contra, os da categoría extra están a 1.908 euros tras descontar 3 euros. Nas vacas de segunda a rebaixa foi de 5 euros e cotízanse a 720 euros, mentres os animais de desvelle atópanse a un prezo medio de 487 euros, o que supón unha suba de 16 euros.

Na recría, os machos de raza frisoa experimentaron subas en tódalas categorías. Nos tenreiros máis novos, os de menos de 20 días, e naqueles de entre 20 e 50 días, o incremento foi de 8 euros en ámbolos dous casos, polo que se cotizan a 112 e 128 euros respectivamente. Nos becerros de máis de 50 días o prezo medio acadou os 143 euros logo dunha suba de 22 euros.

Nos becerros para recría de cruzamentos industriais máis novos, os xatos de menos de 20 días, foron unha das excepcións, cunha baixada de 3 euros, o que os deixa cun prezo medio de 230 euros. As femias descontaron 26 euros e quedan en 156 euros de media. Mentres, nos becerros de entre 20 e 50 días, houbo unha suba de 20 euros nos machos, que pasan a cotizarse a 288 euros. Nas femias o incremento foi de 23 euros e acadan os 232 euros. Nos tenreiros de máis de 50 días os machos están a 428 euros, logo dunha suba de 9 euros e as femias atópanse nos 343 euros, tras descontar 39 euros.

Tamén experimentaron subas os becerros carniceiros. Nos tenreiros de cruzamentos industriais o incremento foi de 10 euros tanto para machos como para femias, de xeito que agora se cotizan a 918 e 803 euros respectivamente. Nos exemplares de Rubia Galega houbo unha suba de 29 euros nos machos e de 14 euros para as femias, de maneira que están nun prezo medio de 984 e 864 euros. Os becerros frisóns tiveron un prezo medio de 623 euros, o que supón unha suba de 156 euros con respecto da última feira na que se adxudicou un becerro desta raza. Os exemplares co selo Ternera Gallega Suprema tamén experimentaron unha suba, de 76 euros, co que o prezo medio está agora nos 978 euros.

Central agropecuaria vacuno 08_06_2021

Subas no porco cebado

As mesas de cotizacións do porcino acordaron continuar coas subas no porco cebado e manter os leitóns sen cambios unha semana máis. Así, o porco selecto e o normal foron dúas das seccións que experimentaron unha suba de 0,01 euros, polo que pasan a cotizarse a 1,595 e 1,570 euros o quilo, respectivamente. Para os exemplares de Canal II o incremento foi de 0,013 euros, e agora acadan os 2,039 euros. Os porcos de desfeito seguen a cotizarse entre os 0,81 e os 0,87 euros o quilo.

Os leitóns mantéñense a 3,25 euros o quilo e a 65 euros o exemplar de 20 quilos procedente dunha única gandería. Os animais chegados de lotes de menos de 500 porcos cotízanse a 60 euros o leitón de 20 quilos e o prezo por quilo é de 3 euros.

O mercado do ovo mantense sen cambios esta semana. Os ovos da categoría XL están a 1,68 euros, os da L continúan a 1,21 euros, os da M páganse a 1,08 euros e os da S están en 0,84 euros a ducia. As galiñas de desvelle semipesadas, de entre os 2,1 e 2,2 quilos, atópanse entre os 0,15 e os 0,22 euros por quilo.

O prezo do coello mantense sen cambios e o quilo segue en 1,80 euros na Lonxa de Madrid.

Central Agropecuaria porcino 08_06_2021

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información