Prezo récord en Silleda de case 10.500 euros por un boi cruzado

A Central Agropecuaria de Galicia acada o maior prezo por un animal ó pagarse 10.498 euros por un boi procedente dunha gandería de Arzúa. Na Lonxa, a recría experimenta unha baixada xeral.

Prezo récord en Silleda de case 10.500 euros por un boi cruzado

Boi de prezo récord na Central Agropecuaria, vendido este martes por 10.498 euros.

Este martes a Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou un novo récord ó venderse un boi por 10.498 euros. Trátase dun animal mestizo comercializado baixo a etiqueta Vaca e Boi de Galicia e procedente dunha gandería de Arzúa (A Coruña). O exemplar, nacido en agosto do 2019, foi adquirido pola firma Frigoríficos Bandeira.

Á marxe deste prezo histórico, esta semana no vacún maior os prezos rexistraron subas nos animais das categorías extra e desfeito. Ademais, o prezo medio nos animais co selo Vaca e Boi tamén se incrementou, en concreto nesta sección houbo unha suba de 234 euros ata situarse nun valor medio de 1.627 euros.

En vacún maior, nos animais da categoría extra o prezo medio está nos 2.173 euros (+6 euros) e nos de desfeito sitúase nos 481 euros (+117 euros). Mentres, nos animais de primeira houbo unha baixada de 43 euros con respecto da semana pasada e o valor de referencia está nos 1.142 euros. Nas vacas de segunda a baixada foi mínima (-2 euros) e cotízanse a 799 euros.

Continuando o repaso detallado polas cotizacións medias das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado con respecto da semana pasada, na recría apréciase unha baixada xeral dos prezos, coa excepción das femias de cruce, onde houbo subas nalgunhas seccións.

Na recría frisoa o prezo de referencia dos animais máis novos, os de menos de 20 días, foi de 108 euros, o que supuxo unha baixada de 21 euros. Nos tenreiros de entre 20 a 50 días, o prezo medio sitúase nos 164 euros, logo dunha baixada de 16 euros con respecto da semana pasada. Os becerros de máis de 50 días tamén experimentaron unha redución do seu valor en 22 euros e quedan nos 207 euros.

Nos becerros de recría de cruzamentos industriais, os animais de menos de 20 días tiveron un prezo medio de 386 euros, tras unha baixada de 33 euros con respecto do valor medio da semana pasada. As femias desta sección descontaron 20 euros e sitúanse nos 253 euros. Nos tenreiros de entre 20 a 50 días, o prezo medio foi de 463 euros, logo de descontar 17 euros. Nesta sección, as femias experimentaron unha suba de 19 euros e acadan os 334 euros. Nos animais de máis de 50 días, tamén houbo unha suba de 19 euros e acadan os 625 euros. Do mesmo xeito, nas femias houbo un incremento de 25 euros e sitúanse nos 443 euros.

Nos tenreiros carniceiros houbo subas nos animais frisóns e nos machos de cruce industrial. Así, nos becerros frisóns o prezo medio acadou os 917 euros, logo dunha suba de 87 euros. Nos becerros de cruces industriais, os machos tiveron un valor medio de 1.217 euros, o que supón un incremento de 9 euros con respecto da feira anterior. Nas femias rexistrouse unha baixada de 39 euros e quedan cun prezo de referencia de 1.009 euros. Os becerros de Rubia Galega cotizáronse a 1.316 euros, é dicir 187 euros menos. As femias desta raza descontaron 197 euros con respecto da semana pasada e o valor de referencia é de 1.028 euros. Nos animais comercializados baixo o selo Ternera Gallega Suprema o valor medio foi de 1.291 euros, o que os sitúa 116 euros menos que a semana pasada.

 

Central agropecuaria vacun 08_10_2024

Baixa o porco cebado

Nas mesas de cotizacións do porcino houbo baixadas nos prezos do porco cebado, mentres que os leitóns se manteñen sen cambios. O porco selecto e o normal teñen un valor de 1,675 e 1,65 euros o quilo, respectivamente logo dunha baixada en ambas seccións de 0,01 euros. Os porcos de Canal II descontaron 0,013 euros e están a 2,143 euros. Os animais de descarte mantéñense sen cambios esta semana, polo que continúan entre os 0,76 e 0,82 euros o quilo.

Tampouco houbo variacións dos prezos dos leitóns. Os exemplares chegados dunha única granxa están nos 60 euros (cun prezo de 3 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 55 euros e cun prezo por quilo de 2,75 euros.

No mercado do ovo esta semana rexistrouse unha suba xeral de 0,05 euros en tódalas categorías. Deste xeito, os ovos da XL acadan os 3,01 euros a ducia, os da L están a 2,41 euros, os ovos da M a 2,08 euros e os da S a 1,79 euros a ducia. As galiñas de descarte semipesadas mantéñense sen cambios e cotízanse entre os 0,22 e os 0,30 euros o quilo.

O prezo do coello está nos 2,4 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).
Central agropecuaria porcino 08_10_2024

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información