Prezo récord de 4.300 euros na poxa de Rubia Galega en Seoane do Courel

Os tres exemplares da granxa Gayoso Castro foron adxudicados á mesma gandería de Pedrafita do Cebreiro, cun prezo medio de 3.733 euros, o máis alto no que vai de ano

17-05-2025 Subasta Acruga en Seoane do CourelA Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, Acruga, celebrou en Seoane do Courel este sábado festivo, Día das Letras Galegas, unha das súas mellores poxas da tempada, na que se obtivo récord de cotización tanto dunha xovenca, vendida en 4.300 euros, como de prezo medio, que rexistrou os 3.733 euros, 900 euros por encima da última poxa, celebrada este mesmo mes no San Isidro de Sarria.

As tres xatas presentadas á poxa de Seoane do Courel, con idades comprendidas entre os 21 e os 24 meses, e preñadas duns 3 meses, saíron ao anel de poxas cunha moi boa carta de presentación, corroborada pola súa xenealoxía, xa que son fillas de touros tan coñecidos entre as ganderías de Raza Rubia Galega, como Rufino AG e Paramós AG, sementais moi valorados polas súas excelentes calidades e cumprimento dos estándares desta raza.

A gandería de Estrella Rodríguez Río, de Pedrafita do Cebreiro, fíxose coas tres xovencas ao gañar as tres poxas, coa adxudicación dos tres exemplares por 3.100, 3.800 e 4.300 euros. Esta última cantidade supón, ademais un récord no que vai de tempada, moi por encima do prezo de saída, que era de 2.300 euros. Ademais, as altas cotizacións deron como resultado un novo récord tamén do prezo medio, que en Seonae do Courel alcanzou os 3.733 euros, moi superior aos xa de seu bos números alcanzados no San Cidre de Sarria, 2.833 euros, e aos 2.900 euros de prezo medio obtido en San Román de Cervantes, ambas as poxas neste mesmo mes de maio.

Houbo un total de 17 tarxetas de gandeiros e gandeiras de distintos municipios lucenses para poxar nesta nova poxa, pero os responsables da explotación de Pedrafita chegaban coas ideas claras e coa intención de levar á súa ganderías as tres novelas do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo, que procedían de granxas de Becerrea, Toques ( A Coruña) e A Fonsagrada.

17-05-2025 Subasta Acruga en Seoane do Courel 4 17-05-2025 Subasta Acruga en Seoane do Courel 3

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información