Prezo medio do leite en orixe de 0,43 euros o litro en maio en España e de 0,42 en Galicia

fega prezos leite maio 22O Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) ven de publicar o informe sobre entregas e prezos do leite de vaca correspondente ao mes de maio no que se confirma unha suba dos prezos do leite, pero tamén unha caída da produción durante os primeiros 5 meses do ano.

En canto aos prezos, rexistrouse unha suba con respecto a abril, pasando dos 0,420 euros o litro a 0,431 en maio. En Galicia a suba foi similar: media de 0,420 euros o litro en maio fronte aos 0,409 euros de abril. A entrada en vigor dos novos contratos lácteos a partir de abril estase a traducir en novas subas, estimuladas polos elevados prezos dos derivados lácteos nos mercados internacionais.

Polo que respecta á produción, as entregas en maio no conxunto de España ascenderon a 654112 toneladas, o que supón unha caída interanual se as comparamos coas 661632 de maio do 2021. En Galicia, pola contra, houbo un estancamento da produción: 262448 toneladas fronte ás 262276 do mesmo mes do ano pasado.

Se analizamos a evolución durante os primeiros 5 meses do 2022, no conxunto de España houbo un descenso interanual do 0,38% na produción: das 3,170 millóns de toneladas producidas entre xaneiro e maio de 2021 pasouse a 3,158 no mesmo período deste ano.

A excepción, como ven sendo habitual, foi Galicia, que nos cinco primeiros meses deste 2022 incrementou a súa produción nun 1,45%, pasando dos 1,245 millóns de toneladas de 2021 aos 1,263 millóns de toneladas deste ano. De feito, se se descontase a produción galega, as entregas de leite de vaca no resto de España, caerían arredor dun 1%.

Por último, e no relativo ás calidades do leite, a media en maio situouse no conxunto do Estado no 3,71% de graxa e 3,27% de proteína. En Galicia, como ven sendo habitual, os sólidos lácteos foron superiores, non só na graxa, cun 3, 81%, senón agora tamén na proteína, cun 3,29%.

Descarga aquí o informe completo do FEGA.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información