Nin o mal tempo, nin a choiva, nin o día desapracible impediron que a poxa nacional de raza Rubia Galega, celebrada este sábado por Acruga no recinto feiral de Adai, no concello lugués do Corgo, alcanzase un éxito de asistencia e vendas, con 71 posibles compradores, chegados de varios municipios lucenses, pero tamén doutros concellos de Galicia.
Dos 24 animais poxados vendéronse 21, con bos resultados en xeral aínda que de forma especial para as 18 xovencas procedentes do centro de recría da granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo. Estes exemplares, xunto á xovenca dun gandeiro, adxudicáronse a prezos por riba do de saída, fixado en 2.300 euros, o que arroxou un prezo medio de máis de 3.000 euros.
Tamén se venderon os dous machos da nave de testaxe e un exemplar dun gandeiro, o que supuxo un prezo medio de 2.833 €. Tres animais doutros tantos gandeiros quedaron desertos, unha xovenca e dous touros.
A xovenca que acadou a maior corización da mañá, 4.500 euros, partía cunha das mellores cualificacións lineais e cun alto índice xenético. Foi adxudicada a unha gandaría de Pobra de Trives, en Ourense.
Tal e como exlica o presidente de Acruga, César Dorado “sabiamos que había interese por adquirir novos exemplares; hai demanda e hai moito alimento para o gando. Esta sempre é unha boa feira, pero esta concluiu con moi bos resultados: de vendas; de prezos e tamén de público, porque veu moito gandeiro e gandeira de fóra de Lugo. Estamos moi satisfeitos”, sinalaba Dorado ao termo da poxa.
Así, tal e como explicou o presidente de Acruga, houbo moito posible comprador con explotacións noutras provincias, en municipios como Sobrado, Toques, Pobra de Trives, Castro Caldelas ou Rodeiro. Precisamente, neste último municipio o pasado fin de semana Acruga celebrou a súa primeira poxa e este sábado Adai recibiu a visita de catro gandeiros procedentes deste concello. Tampouco pasou desapercibida a presenza dun gandeiro de Melide que levou seiete xovencas preñadas, da granxa Gayoso Castro, á súa explotación coruñesa.