A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, Acruga, celebrou esta mañá a primeira poxa de xovencas preñadas do ano no mercado gandeiro de Becerreá, onde se viviu unha poxa moi animada e concorrida, con ata 26 posibles compradores de diferentes municipios da provincia.
As catro touras preñadas do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo, foron adxudicadas en prezos moi por riba do de saída, fixado en 2.300 euros. As altas cotizacións da poxa fixeron posible un prezo medio de 3.075 euros, con adxudicaións a gandeiros e gandeiras con explotacións no Corgo, A Fonsagrada, Ribadeo e Sarria.
A alta calidade dos exemplares, unha excelente xenealoxía e a demanda de xovencas preñadas fixo que a primeira subasta do ano, celebrada no mercado gandeiro de Becerreá rematará con bos resultados. Os exemplares vendéronde por 3.200, 3.100, 2.800 e 3.200 euros, todos eles moi por riba do prezo de saída. O presidente de Acruga, César Dorado, mostrouse satisfeito cos resultados desta primeira poxa, e sinalou que “o que se demostra é que se hai demanda, véndese, e a nosa Raza Rubia Galega, sigue despertando moito interese entre os gandeiros e gandeiras polas súas excelentes características, ao que contribúe moito o bo traballo que se está a facer na Granxa Gayoso Castro, grazas á colaboración que mantemos coa Deputación de Lugo”.
Precisamente, deste centro de recría saírán tamén os próximos exemplares que protagonizarán as seguintes subastas que organizará Acruga. As máis próximas serán as de Boimorto, o vindeiro 30 de marzo, e xa no mes de abril, o día 5, no mercado gandeiro de Pedrafita do Cebreiro.