O concello de Boimorto acolleu este domingo a segunda poxa da tempada de poxas da Asociación Nacional de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga), cos tres exemplares adxudicados -todos xovencas preñadas- nunha media 3.833 euros, moi por riba do prezo de saída, fixado en 2.900 euros.
Estas cotizacións superan as da primeira poxa do ano en Becerreá hai uns días, cando o prezo medio acadou os 3.500 euros. De feito, as cifras deste domingo están moi preto da marca lograda o ano pasado, no que respecta a prezo medio das xovencas preñadas do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo. Dito récord, de 3.933, logrouse na poxa nacional de Adai, do pasado xuño, a cita máis importante do ano para a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega.
Á cita de Boimorto acudiron gandeiros, principalmente da Coruña e Lugo, cun total de 12 cartóns de poxa. O primeiro dos exemplares, unha xovenca de 31 meses, preñada duns 8, foi adxudicada a unha gandería de Curtis, logrando unha cotización de 4.300 euros. Pola súa banda, as outras dúas xovencas, de entre 26 e 29 meses de idade, e preñadas de 8 e 7 meses, adxudicáronse en 3.600 euros a unha explotación de Monterroso.
Os prezos conseguidos onte superan en moito ao prezo medio desta mesma poxa en 2025, que se pechou con 3.000 euros. Desde Acruga, valoraron a adxudicación dos tres animais, así como os bos resultados en canto a prezos e a asistencia de público e titulares de ganderías, interesados en incorporar ás súas explotacións animais de pura Raza Rubia Galega.

Próximas citas en Pedrafita do Cebreiro e A Fonsagrada
Os interesados en adquirir novos exemplares de alta calidade de Raza Rubia Galega terán unha nova oportunidade nas poxas, que se desenvolverán ao longo do próximo mes de abril, en Pedrafita do Cebreiro e A Fonsagrada. Trátase de dúas das poxas máis importantes e de maior tradición de cantas celebra a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, e para as que Acruga espera manter esta boa tendencia de resultados.
Galego









Control OJD