Prezo medio de 2.614 euros para as catro xovencas subastadas por Acruga na Fonsagrada

A próxima poxa será o vindeiro sábado en Castro Caldelas, onde por primeira vez se subastarán xovencas da Granxa Gayoso Castro

2-Subasta Fonsagrada 03-09-22

A poxa que a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga) celebrou este domingo no mercado gandeiro da Fonsagrada, coa que a asociación abriu a nova tempada, logrou a venda dos catro exemplares e obtívose un prezo medio de 2.612 euros.

O presidente de Acruga, César Dorado, sinalou que “segue habendo moita demanda, sobre todo de xovencas preñadas”. Os exemplares poxados, procedentes do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, obtiveron prezos moi por encima dos fixados para o arranque da poxa e adxudicáronse por 2.450, 2.650, 2.700 e 2.650 euros. As xovencas irán parar a explotacións lucenses dos municipios de Pedrafita, Ribadeo, Sarria e Outeiro de Rei.

Próximas poxas en Castro Caldelas e Pedrafita

As poxas da Fonsagrada e de Pedrafita do Cebreiro adoitan ser das máis concorridas en canto a público, dado que Acruga ten un importante número de socios na zona da montaña lucense. “Antes nestes municipios había moita raza asturiana, pero nos últimos anos creo que a situación cambiou e actualmente a raza rubia galega está a lle comer terreo á asturiana”, asegurou César Dorado.

Precisamente Pedrafita do Cebreiro será a próxima poxa que Acruga celebrará na provincia de Lugo e que está prevista para o 18 de setembro. Uns días antes, o vindeiro sábado, as xovencas do centro de recría da Granxa Gayoso Castro poxaranse por primeira vez en Castro Caldelas (Ourense); unha poxa coa que Acruga quere incrementar o número de poxas que leva a cabo en Galicia á vez que responde á demanda dos gandeiros interesados en adquirir exemplares de rubia galega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información