Prezo de récord en Silleda, o máis alto para unha vaca na historia da Central

Unha vaca de Chantada acada este martes os 5.418 euros, o mellor prezo logrado ata o momento na Central Agropecuaria de Galicia para unha vaca. No vacún maior e nos becerros carniceiros a tendencia foi á alza. Houbo baixadas nos prezos da recría frisoa e no porcino

Prezo de récord en Silleda, o máis alto para unha vaca na historia da Central

Exemplares no recinto feiral nunha sesión pasada.

Este martes a Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, que se celebra cada semana en Silleda (Pontevedra), acadou un novo récord cunha vaca que fixou ademais o prezo máis alto pagado por unha vaca na historia da Central. Trátase dunha vaca mestiza de 8 anos que logrou acadar os 5.418 euros. É un exemplar propiedade do operador comercial Abade Vilanova, de Chantada (Lugo), a cal foi adquirida por Cárnicas Champam, de Sarria (Lugo), para Gutrei Galicia.

Vaca Record Central Agropecuaria de GAlicia 5418 euros

Vaca de récord, vendida este martes en Silleda por 5.418 euros.

Este prezo establécese ademais como novo récord anual nesta categoría. Hai pouco máis dun mes, fixábase o récord anual no vacún maior tamén cunha vaca, que daquela fora vendida por 4.439 euros. Ademais, o deste martes sitúase como o sexto mellor prezo pagado neste mercado por un exemplar de vacún maior. Por encima desta cantidade soamente figuran os prezos pagados por outros cinco exemplares, todos bois, os cales acadaron 6.782 euros, 6.006 euros, 6.001 euros, 5.932 euros e 5.616 euros.

No vacún maior tamén foi unha xornada con prezos á alza en tódalas categorías. As vacas da categoría extra conseguiron unha suba de 50 euros e acadan os 1.999 euros. Os exemplares de primeira cotízanse a 1.132 euros, logo dun incremento de 15 euros. No caso das vacas de segunda, a suba foi de 5 euros e agora sitúanse nun prezo semanal de 734 euros. Nas de descarte houbo un aumento de 7 euros, que as leva ata os 468 euros. Tamén os animais co selo Vaca e Boi de Galicia, de Ternera Gallega, cotizaron á alza esta semana, cun prezo medio de 1.287 euros, logo dun incremento de 21 euros.

Na recría, os becerros frisóns experimentaron baixadas en tódalas categorías e convertéronse na excepción dunha xornada cunha clara tendencia á alza no resto do gando vacún. Nos animais de menos de 20 días os machos cotizáronse a un prezo medio de 87 euros, tras unha baixada de 18 euros. Mentres, a única femia adxudicada nesta sesión marcou un prezo ínfimo de só 16 euros. Os tenreiros de entre 20 e 50 días, a categoría con maior afluencia e máis representativa do mercado, situáronse nos 123 euros, ó descontar 7 euros con respecto da semana pasada. Nos animais de máis de 50 días a baixada foi de 19 euros e quedan cun prezo medio de 154 euros.

Os becerros de recría de cruzamentos industriais rexistraron xa subas en case tódalas seccións. Os machos de menos de 20 días, tiveron unha suba de 19 euros e acadan os 232 euros. Nas femias, a suba foi de 6 euros e sitúanse en 167 euros. Os tenreiros de entre 20 e 50 días sumaron 10 euros ata cotizarse a 286 euros. Nas femias produciuse unha suba de 20 euros e conseguen os 226 euros. Nos becerros de máis de 50 días un incremento de 26 euros deixa un prezo medio de 405 euros, mentres que as femias foron a única excepción cunha baixada de 20 euros e quedan en 299 euros.

Nos becerros carniceiros, o gando frisón experimentou unha suba de 83 euros, ata os 503 euros. A única femia adxudicada marcou un prezo medio de 365 euros. Nos cruces industriais, os machos están en 887 euros ó rexistrar unha suba de 92 euros; e as femias tiveron un incremento de 57 euros, que lles permite acadar un prezo medio de 764 euros. Os machos de Rubia Galega convertéronse na única baixada da xornada neste tipo de gando ó descontar 55 euros e cotizarse agora a 973 euros de media. As femias están a 810 euros, ó conseguir unha suba de 19 euros. No gando co selo Ternera Gallega Suprema o prezo medio foi de 955 euros, 100 euros por debaixo do logrado hai unha semana.

Central Agropecuaria Vacuno 22_06_2021

Baixa o porcino

Esta semana, as mesas de cotizacións do porcino acordaron baixadas das cotizacións tanto para o porco cebado como para os leitóns. No porco selecto e no normal o prezo reduciuse 0,02 euros, polo que se cotizan a 1,575 e 1,550 euros o quilo, respectivamente. Os exemplares de Canal II sitúanse en 2,013 euros logo dunha baixada de 0,026 euros. Os porcos de desfeito acusaron a baixada máis importante, ó descontar 0,06 euros, polo que agora cotízanse entre os 0,75 e os 0,81 euros o quilo.

Nos leitóns tamén houbo baixadas, que foron de 4 euros por animal. Así, os exemplares procedentes dunha única granxa quedaron nos 61 euros (cun prezo de 3,05 euros o quilo) e os animais de varias ganderías situáronse nos 56 euros, cun prezo por quilo de 2,8 euros.

No mercado do ovo non houbo cambios este martes. Deste xeito, os ovos da XL cotízanse a 1,88 euros a ducia, os da L están a 1,41 euros, os da M atópanse a 1,28 euros e os da S páganse a 1,04 euros. As galiñas de descarte continúan entre os 0,15 e os 0,22 euros por quilo.

O prezo do coello mantense sen cambios e o quilo segue en 1,80 euros na Lonxa de Madrid.
Central Agropecuaria Porcino 22_06_2021

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información