A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“As previsións para o complexo de DELAGRO nas Pontes son moi positivas”

Entrevista a Pablo García Muñiz, responsable do Complexo Multidisciplinar de DELAGRO nas Pontes, un centro de referencia en España en elaboración de fertilizantes e loxística agrogandeira que acaba de cumprir 5 anos

“As previsións para o complexo de DELAGRO nas Pontes son moi positivas”

Pablo García Muñiz, responsable do Complexo Multidisciplinar de DELAGRO nas Pontes

O 25 de marzo de 2015 a cooperativa de segundo grao DELAGRO inaugurou no concello coruñés das Pontes o seu Complexo Multidisciplinar. Cun investimento de case 6 millóns de euros e unha capacidade de produción de 50.000 toneladas de fertilizantes ao ano, trátase da maior planta de procesado e distribución de abonos do Noroeste e a máis moderna da Península Ibérica.

A planta cobre as necesidades das 26 cooperativas integradas en Delagro e das súas máis de 27.000 gandeiros e agricultores socios repartidos por Galicia, Asturias e Cantabria.

Este complexo cumpre estes días o seu quinto aniversario nunhas circunstancias excepcionais: a crise sanitaria e económica provocada polo coronavirus COVID-19 que nos lembrou a importancia vital de contar cun sector primario robusto para garantir a seguridade alimentaria dun país.

Malia estas dificultades, a planta das Pontes segue a traballar a pleno rendemento grazas a un equipo humano de traballadores comprometido. Falamos cun deles, Pablo García Muñiz, Responsable do Complexo Multidisciplinar de DELAGRO nas Pontes.

En que consiste o teu traballo no Complexo Multidisplinar de DELAGRO no polígono de Penapurreira, nas Pontes?
Empecei a traballar na cooperativa DELAGRO en decembro de 2017 e son o responsable da planta e de operacións deste centro, tanto da planta de loxística, na que nos encargamos de servir a todos os nosos socios e clientes todo o necesario para a produción animal e agrícola (sementes, fitosanitarios, zoosanitarios, plásticos, produtos de hixiene para o muxido, ferraxaría…etc), como da planta de fertilizantes, na que envasamos en distintos formatos (sacos, bigbag..etc) fertilizantes á carta para cubrir as necesidades de cada explotación e mesmo de cada parcela.

Cal é o balance de actividade do complexo no 2019?
En canto a fertilizantes, as cifras no ano 2019 foron positivas e mantemos un volume e servizo importante. O volume en euros do que xestionamos desde a Planta, foi ao redor dos 22 millóns de euros.

Polo que respecta ao almacén loxístico, rexistrouse un incremento en número e volume de recepcións e expedicións con respecto ao ano 2018.

E con que previsións presentábase nun principio o 2020 antes da chegada da crise do Covid-19?
Tiñamos claro que o 2020 presentábase cunhas previsións positivas para a actividade do Complexo Multidisciplinar das Pontes. Tiñamos garantidos as subministracións en base ao histórico de pedidos das nosas cooperativas socias, que mostran unha evolución positiva ano tras ano.

Pero tamén estamos a notar un incremento dos pedidos dos nosos clientes en Portugal, especialmente da cooperativa UCANORTE. Este incremento da actividade co país veciño foi posible grazas á estratexia do Departamento Comercial de DELAGRO e que está a dar os seus froitos tanto en resultados de vendas como nunhas moi boas previsións de crecemento para os vindeiros anos.

Que balance realizas destes 5 anos de actividade do complexo de DELAGRO nas Pontes?
Cando me incorporei a planta levaba construída case tres anos e xa con dous anos de actividade e cunhas liñas de produción adaptadas ao mercado, así como cunhas tecnoloxías de última xeración.

Para aumentar a produtividade e poder ir por diante dos nosos competidores no mercado apostouse por mellorar as instalacións e adaptarnos ao mercado actual. Así, instalamos un novo paletizador, sistemas de aspiración de po máis avanzados e distintas innovacións para automatizar e mellorar a fluidez de envasado de bigbags e pallets de sacos de fertilizante.

Toda esta mellora tecnolóxica permítenos compartir en tempo real toda a información do proceso de fabricación e envasado dos fertilizantes tanto con outros departamentos de DELAGRO como tamén coas cooperativas socias.

En canto á planta de loxística, aumentamos a súa capacidade durante estes cinco anos, grazas a que as nosas vendas nas distintas familias están a medrar e por tanto precisamos máis espazo.

Desta forma, investimos en aumentar a capacidade dos andeis e na sistematización para a axilización das operacións que realizamos. Non só de cara aos socios, senón tamén de cara á loxística (empresas de transporte, provedores….etc. Interésanos ofrecer un servizo integral que nos permite ser máis competitivos en tempo de entrega, dispoñibilidade e prezo.

Trabajadores del Complejo Multidisciplinar de DELAGRO en As Pontes

Trabajadores del Complejo Multidisciplinar de DELAGRO en As Pontes

Precisamente, que vos diferencia no mercado respecto dos vosos competidores?
En DELAGRO elaboramos formulacións de fertilizantes á carta, segundo as necesidades de cada cliente ou socio, e esa é unha diferenza moi importante cos nosos competidores.

Ademais, destacaría os tempos de entrega, xa que, desde a entrada do pedido en fábrica, podemos entregalo ao cliente final en 24 horas, podendo mesmo xestionar e entregar no mesmo día varias cargas para un mesmo socio.

En canto ás familias de zoosanitarios, sementes, fitosanitarios, plásticos ou produtos de hixiene, tamén estamos nunha media de 24 horas de entrega no destino final desde que recibimos o pedido, podendo mesmo en zonas de Galicia realizar servizos de paquetería en menos de 12 horas. Iso é posible, en parte, grazas á nosa mellora en loxística, que nos permite en moitos casos que o produto xa non pase por planta, senón que vaia directamente desde o provedor ao cliente final conseguindo reducir tempos e custos loxísticos.

Na planta de fertilizantes temos uns controis de calidade moi esixentes e hai que resaltar que estamos auditados polo principal fabricante de nitroxenados do mundo (YARA) e ao cal tamén lle estamos dando servizo de almacenaxe, envasado e distribución. A principal finalidade que se persegue da implementación do noso sistema de xestión de calidade é poder cumprir con todas as expectativas que establece o cliente. Todo o proceso atópase orientado cara a ese obxectivo. Isto fai que a organización prevaleza e se diferencie fronte a outras.

 “Este ano poremos en marcha novos investimentos para mellorar a produtividade da planta”

En que proxectos de mellora estades a traballar para aumentar a competitividade deste complexo multidisciplinar de DELAGRO?
Para este ano contamos pór en marcha novas investimentos, que nos axudarán a reducir notablemente os tempos de parada e aumentar os rendementos. Ao mesmo tempo, permitiranos reorientar os tempos de traballo dos operarios cara a outros labores, reducindo de forma importante os custos de produción.

Para a adquisición dos investimentos que levamos a cabo desde o complexo, apoiámonos en subvencións que ofrecen desde o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE). A labor que desde o IGAPE está a realizarse, véxoa fundamental para poder apoiar todas as actividades que contribúan a mellorar o sistema produtivo galego, facilitando os procesos de creación, consolidación e crecemento empresarial.

Por outra banda, temos previsto realizar tamén investimentos para aumentar a zona de almacenamento de produto terminado. De cara ao futuro, en DELAGRO queremos implantar novos sistemas de xestión aplicando a tecnoloxía para mellorar as comunicacións e control de xestións de stocks, trazabilidades de lotes, graneis.

“Seguimos abastecendo con normalidade aos nosos socios e clientes”

Como estades a afrontar a crise do coronavirus COVID-19?
Esta crise coincide co momento máis importante en canto a actividade e facturación do Complexo de DELAGRO, que é a campaña de fertilizantes, cando hai máis saída de mercadoría.

Porén, en DELAGRO soubemos reaccionar e ser previsores para adaptarnos a esta crise, o que nos permitiu asegurar o servizo aos socios. Desta forma, seguimos abastecendo de fertilizantes e demais insumos necesarios para a produción agrogandeira sen apenas atrasos e conseguindo manexar un alto número de pedidos. Nestes momentos difíciles, é cando se demostra que o equipo humano de DELAGRO funciona e sabe adaptarse para que os nosos socios e clientes non vexan alterada a súa actividade. Estou moi orgulloso de poder colaborar, traballar e pertencer a este equipo de Operacións e Loxística.

Tamén é certo que as actividades loxísticas e de transporte son cruciais nesta situación. Por iso, desde DELAGRO desenvolvemos un protocolo de actuación para previr a propagación do virus tanto entre os operarios da planta como dos transportistas, propios e das empresas que acceden ás nosas instalacións.

O importante para DELAGRO é asegurar a subministración e para iso realizamos todos os esforzos para funcionar con normalidade.

En resumo, o socio con este equipo pode estar tranquilo e debe saber que pode contar e confiar nel.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *