Previsións de futuro do sector lácteo en Estados Unidos

As previsións auguran uns prezos estables do leite en Estados Unidos durante os próximos 4 anos, polo que a mellora de marxes dos gandeiros virá pola eficiencia e as calidades. Resumo do relatorio de Fernando Valdez, vicepresidente de Kemin para Norteamérica, nas xornadas que organizou esta empresa en Lugo esta semana

Previsións de futuro do sector lácteo en Estados Unidos

Fernando Valdez durante a súa intervención na xornada de Kemin en Lugo

Estados Unidos é o terceiro produtor mundial de leite de vaca, por detrás da India e da Unión Europea, cunha media de 250 vacas en muxido por explotación. E as previsións para os próximos 4 anos é que os prezos do leite se manteñan estables na contorna dos 29 céntimos de euro por litro, polo que a mellora da rendibilidade das ganderías virá por avances en eficiencia e en mellora das calidades.

Así o expuxo Fernando Valdez, vicepresidente de Kemin para Norteamérica, durante as xornadas técnicas que organizou este luns en Lugo a multinacional estadounidense.

“As previsións coinciden en que os prezos do leite para o gandeiro durante o próximos catro anos manteranse entre os 16 e os 17,5 dólares, que para a Unión Europea virían ser ao redor de 29 céntimos por litro”, asegurou Fernando Valdez.

En canto ás oscilacións que se poidan producir nas cotizacións, atribuíunas “máis ben aos efectos do fenómeno de El Niño e de La Niña sobre as colleitas de millo, alfalfa e soia, que ás exportacións, que ao final de contas representan soamente ao redor do 9% da produción nacional”.

Polo que respecta ás zonas de produción, o representante de Kemin destacou que “manteranse nas zonas xa tradicionais onde se pode producir soia, alfalfa e millo, que son os estados dos Grandes Lagos (Wisconsin, Ohio ou Illinois), no Nordés e California”.

Con este escenario, e cunhas previsións de prezos da soia da contorna dos 290 euros por tonelada e da fariña de millo en 165 euros a tonelada, Fernando Valdez, asegurou que a mellora da rendibilidade para o gandeiro virá a través da mellora da eficiencia.

Todo isto exemplificouno cuns obxectivos: “Hai que evitar que haxa pesebres baleiros no establo, marcarse como obxectivo chegar aos 14.000 litros por vaca e lograr que as xovencas pairan aos 23 meses”.

4 estratexias para mellorar a rendibilidade

Para alcanzar este reto, o responsable de Kemin propuxo catro liñas de actuación: lograr forraxes e grans de alta calidade, mellorar os índices de reprodución, avanzar no uso da tecnoloxía e na alimentación de precisión.

1) Forraxes e grans de alta calidade

En canto á primeira liña de actuación, Fernando Valdez detallou algúns dos avances que se xeneralizarán nos próximos anos:

-Mellorar as variedades de millo forraxeiro. Lograr alfalfa con menor porcentaxe de lignina. “Unha alfalfa cun 1% menos de lignina ten entre un 7 e un 10% máis de dixestibilidade”, subliñou.

-Uso de encimas en forraxes.

-Uso de ácidos orgánicos como conservantes de silos.

-Equipos de corte que aumenten a eficiencia e o rendemento das forraxes.

2) Mellora nos índices de reprodución.

En xeral, Fernando Valdez prognosticou un uso xeneralizado das novas tecnoloxías mediante sistemas de detección electrónica de preñez e celo. As apps xeneralizaranse, permitindo ao gandeiro ou ao técnico dispoñer de información en tempo real.

 “Necesitaranse consultores independentes para analizar os datos da granxa”

-Uso de PAG´s (Sistemas de detección de preñez por glicoproteínas)

-Avance na detección de vacas non preñadas despois da inseminación, cun máximo de 27 días. Redución do intervalo entre inseminacións.

-Detección de preñez e de celo mediante mostras de sangue e analíticas moito máis rápidas.

-Detección de hormona proxesterona en sangue ou en leite.

3) Mellora da xestión da información.
“Hoxe en día cada vez hai máis datos na explotación e hai unha oportunidade para consultores independentes que se encarguen de analizar todos eses datos e presentarllos ao gandeiro para poder tomar decisións”, explicou Fernando Valdez.

A xestión e análise de datos volveranse cada vez máis importantes nas ganderías de vacún de leite a medida que se implanten novas tecnoloxías como detectores de patóxenos, medidores de urea en sangue, da condición corporal….etc.

4) Nutrición de precisión.

-Haberá unha redución da Proteína Bruta na ración. Todo iso redundará en menos nitróxeno no leite e, sobre todo, nas dexeccións, contribuíndo a reducir a contaminación por nitratos e fosfatos.

Neste sentido, Fernando Valdez expuxo os resultados dun estudo realizado en China no que a baixada da PB na dieta do 17,8% ao 16,9% supuxo un 17% menos de nitróxeno en ouriños e un 5% menos en esterco, sen afectar á produción e calidades do leite.

-Estenderase o uso de aditivos con funcións inmunolóxicas. Tamén o uso de aceites esenciais con funcións microbianas, para reducir o uso de antibióticos.

-Maior eficiencia no uso de minerais (Cobre, zinc, manganeso) e de vitaminas na alimentación do vacún de leite, descendendo os niveis de cobre e de zinc.

Aumentarán os contratos entre industria e ganderías especializadas

-Manexo electrónico dos carros mesturadores.

-Uso de aminoácidos (lisina e metionina, especialmente) para maximizar a produción de leite e mellorar as calidades.

-Reforzaranse os programas de alimentación para as vacas secas, reducindo o seu peso, de forma que a condición corporal sitúese entre 3 e 3,5.

-Aumento dos contratos “Cost+Plus” entre a industria e ganderías especializadas. Por exemplo, con ganderías que non utilizan cultivos transxénicos, que producen altos niveis de caseína…etc.

Evolución dos prezos do leite en Estados Unidos: 

KEMIN_PREZOS_LEITE_USA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información