A campaña de pataca en Galicia xa comezou de xeito puntual tanto na Limia, coas variedades de cedo, como na zona de Coristanco, aínda que polo momento pouca pataca hai arrancada. Este ano as chuvias da primavera atrasaron a sementeira e iso está a condicionar tamén a recollida, que chega con certo atraso, sobre todo nas plantacións do norte.
As primeiras estimacións apuntan a que tamén se verá reducida tanto a produción como o calibre da pataca. Pese a esa baixada, estase a apañar unha pataca sa e de moi boa calidade.
A baixada de produción está a notarse tamén noutras zonas produtoras do resto do estado español que xa están en plena recollida ou xa remataron, co que se agarda que os prezos se manteñan semellantes ós do ano pasado ou mesmo poidan situarse á alza.
A campaña na Limia
Na Limia recolléronse xa algunhas patacas das variedades con ciclos máis curtos e que puideron sementar máis cedo, como a Kennebec, pero a recollida masiva das 3.500 hectáreas que hai plantadas levarase a cabo aínda contra finais de mes ou comezos de outubro.
Nestas primeiras leiras arrancadas hai unha gran heteroxeneidade, con producións que poden estar nos 45.000 quilos por hectárea ou nos 30.000. Con todo, agárdase que en termos xerais a Kennebec se manteña en cifras semellantes ás do ano pasado, pero todo fai prever que nas variedades de frito e máis tardías, como a Agria, haxa unha baixada da produción.
“Os produtores atópanse estes días ante a disxuntiva de agardar para que as patacas ganen un pouco máis de calibre ou apurar o desecamento da planta para comezar a recoller a finais de mes ou comezos de outubro. Porén, se se repite o patrón climático do ano pasado, cando as chuvias chegaron xa a comezos do outono, agardar suporía un problema, por iso cada produtor está a valorar e facendo catas para saber cal é o estado das súas patacas e tomar decisións”, apunta Servando Álvarez, director técnico do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde.
Produtores como Javier Porto contan que a colleita sexa máis reducida e que non se acaden os calibres da campaña pasada. Ademais, atópanse moi pendentes da evolución destes días, posto que se están a rexistrar temperaturas baixas polas noites, entre os 5 e 7 graos, e tamén se están a dar nas últimas semanas brotes de alternaria e Mildiu.
Coristanco: Agardan un 20% menos de produción
Na zona de Coristanco agardaban a previsión de tempo solleiro do pasado venres para retomar a recollida da pataca. Nesta zona plántanse arredor de 300 hectáreas de patacas, 200 delas da variedade Kennebec en plantacións para a súa venda e estímase que hai outras 100 hectáreas para autoconsumo plantadas por particulares e onde tamén optan por outras variedades como a Fina de Carballo.
“A estas alturas o habitual é que estea recollida xa a metade da produción e este ano teremos apañado apenas un 20%”, explica Juan Ramón Sanjurjo, produtor e presidente da Asociación de Produtores de pataca de Coristanco.
“A pataca está sa, pero é de menor tamaño e hai menos ca noutras colleitas”: Juan Ramón Sanjurjo, presidente da Asociación de Produtores de Coristanco
Nas primeiras parcelas arrancadas están a atopar “pataca moi sa, pero de menor tamaño e menos cantidade que outras colleitas”, apunta Sanjurjo. Con tan pouca pataca recollida tamén é máis difícil facer unha estimación da produción da campaña, pero agardan un descenso dun 15 ou 20%. “Normalmente temos uns rendementos duns 20.000 quilos por hectárea, este ano se chegamos ós 17.000 quilos xa estaremos satisfeitos”, valora o produtor.
En canto ós prezos, todo fai prever que se manteñan á alza debido á baixada de produción xeral. Así, estiman unha suba dun 30% con respecto da campaña pasada. “Aínda que se pague máis, coa baixada de produción que agardamos, os beneficios non se van incrementar para os produtores”, indican dende a Asociación de Produtores.
Coristanco celebrou ademais esta pasada fin de semana a súa festa da Pataca e este ano como novidade entre as actividades incluíuse a recollida dunha leira de patacas, situada a carón do recinto da festa. “É unha idea que hai tempo que queriamos facer para amosar ós asistentes parte do traballo que hai detrás da pataca”, apunta Sanjurjo.
Sementeira tardía e complicada
As chuvias da primavera foron o gran condicionante desta campaña, xa que atrasaron moito a sementeira da pataca. Así, na Limia houbo parcelas que se plantaron a comezos de maio, pero outras chegaron a sementarse case a mediados de xuño, co que os ciclos en moitos casos aínda non se cumpriron.
Outro dos problemas que deixaron estas chuvias foi a dificultade para que a pataca nacera. “Houbo moito problema de nacencia, chegando a entre un 25-30% das parcelas afectadas”, explica Servando Álvarez. Por iso, aínda que nalgúns casos se puideron plantar as leiras, a gran cantidade de auga recollida fixo que a pataca podrecera e non conseguira brotar, polo que houbo que volver sementar moitas fincas.
Ó reto que supuxeron as chuvias súmase a escaseza de pataca de sementeira que se rexistrou nesta campaña. Nalgúns casos, os produtores xa tiveron dificultades para facerse coa cantidade precisa no momento da encarga habitual. Noutros casos, ó ter que sementar de novo foi case imposible atopar as variedades habituais. Así foi que moitos produtores optaron por sementar con planta propia. Deste xeito, no canto das sementes seleccionadas que habitualmente mercan, empregaron planta propia como semente, xa que é unha práctica permitida para as producións propias.
“Ó empregar semente propia no canto de seleccionada xa sabes que vas ter unha produción menor, pero moitos en Coristanco preferimos facer iso no canto de arriscarnos con outras variedades que non coñecemos”, explica o produtor Juan Ramón Sanjurjo.
“Esta campaña converteuse nun gran campo de ensaio para as casas comerciais, ó plantarse unha gran variedade de patacas en distintas zonas”: Servando Álvarez, director técnico do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde
Porén foron moitos os produtores que tiveron que recorrer a outras variedades, polo que esta campaña tamén se vai caracterizar por unha gran heteroxeneidade, o que dificulta tamén facer una estimación da produción final, posto que se descoñece o comportamento desas variedades en zonas como A Limia. “Esta campaña converteuse nun gran campo de ensaio para as casas comerciais, ó plantarse unha gran variedade de patacas en distintas zonas”, explica o director do Centro Agrogandeiro do Inorde, Servando Álvarez.
Ademais das chuvias da primavera, este ano as picos de calor alternando con chuvias provocaron rebrotes en plantacións que estaban xa case secas, o que ocasiona que a planta volvese tuberculizar e haxa moita tuberización en rosal e moito calibre pequeno.
Previsións na IXP Pataca de Galicia
A pataca producida baixo a Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia comezou a recollerse a principios deste mes. Este ano, a produción tamén presenta un lixeiro descenso debido ó atraso nas plantacións causado polas choivas de primavera, con todo as patacas recollidas amosan unha calidade excepcional.
A campaña comezou con forza, coas variedade de ciclo curto, a Kennebec,da que se plantan unhas 340 hectáreas. Mentres, a pataca de ciclo máis longo, a Agria, recollerase de forma progresiva. Desta variedade hai plantadas unhas 260 hectáreas. Actualmente xa están dispoñibles as dúas variedades nos mercados. Porén, a variedade autóctona Fina de Carballo non estará dispoñible para a comercialización.
A maioría da produción baixo a IXP concéntrase na provincia de Ourense, con 520 das 600 hectáreas totais, especialmente nas comarcas da Limia e Monterrei. A Coruña, concretamente na comarca de Bergantiños, segue con 65 hectáreas, e Lugo conta con 13 hectáreas. En total, son 68 os produtores que participan nesta campaña, dos cales 52 pertencen a Ourense, 13 a A Coruña, e 3 a Lugo.
Para esta campaña, a IXP Pataca de Galicia estima unha produción total de aproximadamente 25 millóns de quilos, dos que máis de 6 millóns serán etiquetados co selo da IXP. “A demanda de pataca está a ser boa e non temos previsión de que a oferta internacional vaia a presionar os prezos á baixa. Isto é unha gran noticia para os nosos produtores, que poderán ver retribuído o seu esforzo cunha campaña positiva tanto en termos de calidade como de prezo”, valora José Manuel Gómez, presidente da IXP Pataca de Galicia.