Previsión de “moi boa” colleita de pataca na Limia

As chuvias recorrentes durante a primavera e o verán propiciaron un crecemento óptimo dos tubérculos. Agárdase boa produción e de calidade e un adianto da recollida. Preocupa o incremento de custos para produtores e almacenistas polas limitacións nos antixerminantes

Publicidade
Previsión de “moi boa” colleita de pataca na Limia

As plantacións de pataca da Limia (Ourense), principal comarca produtora deste tubérculo en Galicia, están xa na recta final, a pouco máis dun mes do inicio habitual da recollida. Este ano as previsións iniciais fan pensar que haberá unha boa produción, con pataca de calidade e en cantidade. Con todo, os produtores amósanse polo momento cautos, xa que os rendementos comprobaranse cando se comecen a arrancar.

Aínda que o forte da campaña de recollida tardará, xa hai produtores da zona de Monterrei (Ourense) que están a recoller as variedades máis temperás. Tamén se prevé que a recollida se adiante este ano e poida comezar xa a mediados do mes de setembro, sen agardar a finais, como adoita ser habitual.

A campaña de recollida pode adiantarse e comezar xa a mediados do próximo mes nalgunhas parcelas

“Pode que este ano comecemos a arrancar a pataca xa arredor do 15 de setembro nalgunhas parcelas, parece que vai vir un pouco adiantada a campaña”, apunta Amador Díaz Penín, produtor de pataca e presidente da Asociación de Produtores de Pataca da Limia.

Pendente do tramo final do cultivo, ata o momento a evolución das plantas produciuse sen maiores incidencias. A meteoroloxía resultou favorable, permitindo non só un adecuado crecemento senón que non se producisen incidencias ou proliferaran pragas.

Chuvias que favorecen o crecemento

“Está a ser un ano moi tranquilo no cultivo da pataca”, apunta Servando Álvarez, responsable do Centro Agrogandeiro do Inorde en Xinzo. A sementeira puido realizarse nas datas máis axeitadas, entre os meses de marzo e abril ou comezos de maio. “Poder facer a sementeira en prazo ofrece tranquilidade, xa que as patacas van poder cumprir o ciclo cunha relativa comodidade”, argumenta Álvarez.

A excepción das últimas semanas, nas que se produciron episodios con vagas de calor, as temperaturas moderadas que acompañaron esta campaña tamén propiciaron o desenvolvemento das plantas e dos tubérculos. “O clima suave favoreceu o proceso de tuberculización e que as matas de patacas se formaran con normalidade”,explican dende o Inorde. Tampouco houbo este ano problemas polas altas temperaturas, que provocan a paralización do crecemento da planta cando se superan os 30 graos e poden ocasionar danos como o corazón oco ou segundos crecementos. “As mostraxes que estamos realizando xa en campo amósannos que, a priori, este ano non temos estas alteracións”, concreta Álvarez.

As temperaturas suaves e o aporte constante de auga fan prever unha boa produción de pataca

As frecuentes precipitacións que protagonizaron tanto a primavera como boa parte do verán resultaron tamén moi axeitadas para o crecemento das patacas. “As chuvias fixeron que as plantas e as patacas foran medrando con moita rapidez e houbera que regar menos”, comenta Amador Penín. A diferencia das restricións que tiveron en campañas como a do ano pasado, con fortes episodios de seca e dificultades para proporcionar auga abundante ó cultivo, esta campaña as chuvias propiciaron que moitas veces nin sequera fora preciso recorrer ó regadío. “No período de tuberculización, a etapa máis crítica, a planta tivo un aporte de auga constante, iso tamén fai pensar que vai haber moi boa produción”, destaca o responsable do Inorde.

Aínda que este ano case non tiveran que botar man das regas, os produtores agardan as melloras anunciadas pola Consellería de Medio Rural ó lograr a colaboración do Goberno Central para afrontar a inversión. Segundo anunciaron hai menos dun mes, teñen previsto destinar 12 millóns de euros para a limpeza das canles e dos camiños paralelos e outros 15,9 millóns para mellorar a eficiencia e a sustentabilidade do propio sistema de regadío. A Xunta contempla, ademais, unha achega doutros 4 millóns para aumentar a rede de pozos operativos. “As melloras no sistema de regadío é unha demanda que levamos moito tempo facendo e que agardamos agora se acometa”, valora Amador Díaz.

Estado sanitario

En canto ó estado sanitario da planta tamén foi un gran ano. “Ata o mes de xullo, este estaba a ser un ano excepcionalmente bo, case sen afectación de pragas”, indica Servando Álvarez. Porén, nas últimas semanas de xullo e estes primeiros días de agosto detectaron danos por mildio, o que obrigou ós produtores a dar tratamentos fitosanitarios cos que protexer as plantas e a colleita. “Salvo casos puntuais, este foi un ano de moi boa sanidade”, ratifican tamén dende a Asociación de Produtores de Pataca da Limia.

Salvo casos puntuais, este foi un ano de moi boa sanidade para o cultivo da pataca, case sen ataques de mildio

Tampouco a crise sanitaria pola Covid-19 fixo modificar as plantacións e pese á inestabilidade da hostalaría, un dos principais mercados para unha parte importante da colleita, os produtores mantiveron as sementeiras habituais. A día de hoxe, a superficie de pataca da Limia atópase preto das 3.500 hectáreas que se viñan contabilizando nos últimos anos.

O coronavirus provocou que o ano pasado moitos produtores que plantan pataca compaxinando o cultivo con outra actividade decidiran ou non puideran facelo, pero os grandes produtores profesionais non viron alterada a sementeira en ningunha das dúas campañas. “Os produtores de pataca, ó igual que outros agricultores ou gandeiros, nunca deixaron de traballar. Non pararon en ningún momento a súa actividade”, reivindican no Inorde.

Aínda coa campaña por comezar, é tamén cedo para abordar os prezos que se manexarán no sector, tal e como apuntan os produtores. A evolución da pandemia e o levantamento das restricións da hostalaría pode ser un dos condicionantes para fixar prezo. A capacidade de almacenamento que teñan este ano os almacenistas, logo de que se restrinxira o uso dun dos antixerminantes máis empregados, é outro dos factores que pode determinar a evolución dos prezos na campaña.

Primeiro ano sen Clorprofan

Esta será tamén a primeira campaña sen que se poida empregar o Cloprofan como antixerminante, logo da prohibición europea que restrinxe a utilización deste produto, moi utilizado para evitar que a pataca xermine e prolongar deste xeito a súa conservación en óptimas condicións para a venda. “Esta prohibición ataca directamente unha das principais fortalezas dos produtores da Limia: a capacidade de proporcionar pataca en perfectas condicións ata os meses de marzo e abril e mesmo case maio”, comenta Servando Álvarez.

Garantir que a pataca non xermine é imprescindible para usos como a produción de frito, ó que se destina a maior parte da pataca producida na Limia de variedades como a Agria ou Fontán. A prohibición suporá importantes custos para os produtores e almacenistas. As alternativas dispoñibles a día de hoxe no mercado tampouco amosan a mesma eficacia, tal e como sinalan os expertos. “Actualmente, as opcións que hai son empregar aceite de menta ou etileno, e en ambos casos non se adaptan ben á produción da pataca da Limia e non ofrecen a mesma eficacia que se estaba logrando ata o de agora”, apunta Álvarez.

Agardan a posible autorización do antixerminante DMN, que poida resultar unha alternativa máis viable e menos custosa

O sector, non só galego, senón a nivel estatal, mira agora á unha posible autorización do antixerminante DMN, cuxo uso está prohibido actualmente en España, pero emprégase no resto de Europa.

As outras alternativas suporían un importante desembolso para os grandes almacenistas da Limia, xa que para a aplicación das alternativas é preciso contar con infraestruturas máis custosas que favorezan o illamento das patacas. “O cambio vai supoñer importantes custos para os grandes produtores e almacenistas que van ser inasumibles para os pequenos e medianos produtores, e mesmo se poden chegar a vender as patacas por debaixo dos custos de produción”, indican dende o Inorde.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información