Previsión de colleita “moi boa” de pataca na Limia pero a prezos inferiores

Prevese que na comarca se colleiten entre 130 e 150 millóns de quilos de patacas, arredor dun 30% máis que o pasado ano, e dunha calidade óptima. Os prezos de inicio de campaña estímase que baixarán pola boa colleita no resto de España.

Publicidade
Previsión de colleita “moi boa” de pataca na Limia pero a prezos inferiores

Pé de pataca estes días na Limia. Foto: José Casales

Dentro de dúas semanas, con case 20 días de adianto sobre a data habitual, os agricultores da Limia comezarán a apañar as patacas. A colleita deste ano prevese moi boa en canto a calidade, con práctica ausencia de enfermidades fúnxicas, e tamén en cantidade.

As previsións de colleita oscilan entre os 130 e os 150 millóns de quilos, arredor dun 30% máis que o pasado ano, se ben é certo que esta campaña sementouse na comarca un 10% máis de superficie, ata as arredor de 3.500 hectáreas, animados os agricultores polos elevados prezos das dúas últimas campañas.

Unha situación que será difícil que se repita esta campaña, e é que a elevada colleita de tubérculo no resto de España e as prácticas dos almacenistas, para outros, fan prever un descenso dos prezos bastante por debaixo dos 24 céntimos por quilo se que acadaron de media no 2016.

“As patacas non se deberían recoller con esta calor”

Servando Álvarez, director do Centro Agrogandeiro do Inorde, en Xinzo, precisa que “agárdase un ano de moi boa cantidade e calidade, pero con importantes variacións segundo a parcela e as variedades”.

Así, asegura que “nas variedades como a Agria ou a Kennebec, máis de cedo, vai haber boa produción, sen embargo nas variedades Fontán ou Baifala, con máis patacas por pé e tamén máis serodias, estalles custando facer medrar o tubérculo, con esta calor e esta seca, sobre todo nos terreos máis areosos”.

O forte da colleita prevese a partir do 10 de setembro. E é que, segundo recomenda Servando Álvarez, “non se debería colleitar a pataca con tanto calor porque aparecerían problemas de conservación no almacén”.

A situación máis difícil será nos concellos de Vilar de Barrio, Xunqueira de Ambía e Sandiás, onde o pedrazo arruinou a maior parte da colleita.

Sindicato Labrego: “O problema son os intermediarios, que envasan na Limia pataca de fóra”

Anxo Pérez Rúa, responsable do Sindicato Labrego Galego (SLG) na comarca limiá recoñece que se agarda unha baixada de prezos, que atribúe non tanto á boa colleita de pataca no sur de España e en Salamanca, como á organización do sector na Limia.

“O problema son os intermediarios, que envasan en Xinzo pataca doutras zonas, moitas veces francesa, creando unha gran confusión nos consumidores, e isto tamén tira abaixo os prezos e tamén o renome da pataca da Limia”, denuncia.

Por outra parte, advirte de que os contratos da pataca tampouco garanten un prezo para os agricultores, de entre 14 e 15 céntimos. “Ao final os almacenistas aplican descontos arbitrarios por calidades e tamaños, que fan que acaben pagando a prezos inferiores, e tampouco hai veedores, como por exemplo no sector viño, que acrediten as calidades de forma imparcial”, conclúe.

Pataca colleitada esta semana en Verín. Foto: José Casales

Pataca colleitada esta semana en Verín. Foto: José Casales

En Verín a colleita redúcese un 40% debido ás xeadas

José Casales, é un agricultor que sementa pataca en tres zonas: en Verín e Portugal, para a pataca máis de cedo, e en Xinzo, para máis tardía.

Estes días está a recoller o tubérculo de cedo e aínda que a calidade é moi boa, a colleita reduciuse en cantidade entre un 30 e un 40% con respecto ao ano pasado. “As razóns son as xeadas de finais de abril, que colleron ao tubérculo xa con rama, e a excesiva calor das últimas semanas”, explica.

“A pataca a partir dos 28 graos de temperatura bloquea o seu crecemento, por moito que regues, e iso é o que estivo acontecendo”, engade. E as xeadas provocaron non só un atraso senón tamén menos tubérculos por pé, pero de boa calidade e bo tamaño comercial.

En canto aos prezos, José Casales recoñece que “están bastante á baixa con respecto ao ano anterior, porque aumentou a colleita no resto de España, e fálase de entre 12 e 13 céntimos e baixando”.

En todo caso, ao ser a pataca de Xinzo unha pataca que se almacena, estes prezos de inicio de campaña poderían remontar para os meses de xaneiro e febreiro, cando hai menos oferta no mercado. Para as patacas que se venden baixo a IXP Pataca de Galicia agárdanse tamén unhas cotizacións máis elevadas.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información