A previsión de choivas complica o ensilado do millo en Galicia

A previsión de choivas a partir deste martes e tamén para a vindeira semana complica o ensilado do millo, a maior parte do cal aínda está sen recoller polo atraso da sementeira

campaña ensilado millo 2024 SAT Carballeiras (Lalin)2O ensilado do millo, a principal fonte de alimentación da cabana de vacún de leite de Galicia, semella que vai ser complicado este ano debido á choiva e ao vento que provocarían caída das plantas e , sobre todo, dificultade para que as máquinas entren nas leiras.

Nun ano normal a estas alturas a maior parte do millo en Galicia xa estaría ensilado, pero o case mes de retraso que acumula debido ás sementeiras tardías -tamén obrigadas polas choivas da primavera- fai que en moitas zonas de Galicia neste momento a maior parte estea aínda sen picar.

Coas precaucións que hai que ter coas previsións a medio prazo, no que coinciden tanto MeteoGalicia, Aemet ou El Tiempo.es é que se aveciñan choivas intensas e seguidas nos próximos días.

Así, para esta semana, a previsión de MeteoGalicia é que dende mañá martes e ata o xoves pola mañá haberá chuvascos xeneralizados por toda a comunidade. O venres e sábado haberá un respiro coa entrada do anticiclón pero “para o domingo agárdase a chegada dunha nova fronte, polo que aumenta a probabilidade de chuvia especialmente na metade oeste da Comunidade”, unha situación que se prolongará durante a vindeira semana.

Con este panorama, analizamos como vai a campaña de ensilado do millo nalgunhas das principais comarcas gandeiras de Galicia:

Comarca de Chantada: “Andaremos polo 50% recollido, e con menos produción que o pasado ano”

Na comarca de Chantada levan picado arredor do 50% do millo e, se o tempo llo permite, esta semana teñen previsto continuar cos traballos de ensilado.

“O millo este ano sementouse en dúas etapas, o máis tardío, o que se sementou en xuño, aínda lle falta bastante para chegar ao nivel recomendado de materia seca e de almidón”, explica Jorge Meiriño, técnico da cooperativa AIRA.

“Nesta zona choveu moi pouco dende xullo polo que aínda que chova non deberíamos ter problema para entrar nas leiras, de momento. O que máis preocupa é o vento, que xa tirou o millo nalgunhas fincas, e tamén as xeadas”, engade.

En canto aos rendementos recoñece que “aínda que a calidade é boa, os rendementos son reguladores. Así, en fincas boas nas que o ano pasado viñamos sacando por riba de 40 toneladas por hectárea, este ano andan en menos de 35. Do millo que queda, a moito aínda lle faltan uns 15 dias para estar logrado, polo que agora dependemos do tempo”, recoñece.

Santa Comba – Mazaricos: “Levamos só sobre o 15% ensilado”

Forraxes de Xallas e Barcala (Forxabar) sementou nesta campaña unhas 850 hectáreas de millo para ensilar nas súas instalacións de alimentación en conxunto de Mazaricos.

O responsable técnico da cooperativa, Jesús Otero, asegura que “de momento só levamos ensilado sobre un 15%, porque a sementeira atrasouse case un mes. Do 85% que nos queda, aproximadamente a metade xa valería para ensilar a partir de finais desta semana e o restante aínda habería que esperar”.

En canto aos rendementos, o que picaron ata agora equiparou as cantidades do ano pasado porque se sementou cedo, cara mediados de abril, pero da restante -a gran maioría- Jesús Otero estima que caerá a produción entre un 10 e un 15%. “A nivel sanitario está ben pero cando se colleite o que se sementou en xuño vaise notar moito a baixada tanto en rendementos como na porcentaxe de espiga e no almidón”, avanza.

A Mariña e Occidente de Asturias: “Hai moi pouco ensilado e estamos inquietos polo tempo”

Víctor Argul é técnico de Agropres, a empresa con sede en Barres que traballa fincas tanto no occidente de Asturias e nos concellos da zona oriental da Mariña. A súa planta de mestura húmida traballa co silo de millo como materia prima principal e sementan 1.000 hectáreas para subministrala, máis entre 700 e 800 hectáreas a maiores para ganderías da zona. 

“Este ano hai moi pouco ensilado. En produción parece que vai ser un ano normal -a campaña 2023 foi moi mala debido á forte seca- pero en calidades si que tivemos problemas de fungos pola elevada humidade que houbo todo o verán. Polo que máis estamos inquietos é polo tempo, porque se chove moito hai fincas nas que vai ser complicado ensilar o millo”, explica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información