Previr os lumes antes que extinguilos

As directrices do futuro Plan Forestal apostan por fortalecer as tarefas preventivas, ligándoas a traballos silvícolas que teñan sentido como investimento produtivo no monte. O sector márcase o obxectivo de pasar de 5.000 a 2.400 incendios anuais en 5 anos

Previr os lumes antes que extinguilos

Masa de eucaliptos queimada nun incendio forestal.

A política contraincendios precisa dun cambio de estratexia, segundo as directrices do futuro Plan Forestal de Galicia. O sector demanda da Xunta políticas contraincendios baseadas nunha prevención con valor engadido. A idea é que as tarefas preventivas sexan á vez un investimento produtivo no monte, con persoal adicado todo o ano a traballos silvícolas e que actúe na extinción de lumes cando sexa necesario.

As directrices do futuro Plan Forestal de Galicia, elaboradas no Consello Forestal, apostan porque as brigadas de extinción dos distritos forestais asuman como tarefas cotiás os traballos silvícolas de prevención ó longo de todo o ano. Tamén se considera a posibilidade de que as empresas de traballos forestais participen na extinción.

A cuestión de fondo céntrase en reorientar os fondos da extinción á prevención, un cabalo de batalla de asociacións de propietarios forestais e empresas nos últimos anos. O sector forestal avoga por avanzar de xeito progresivo a un modelo mixto que combine persoal cualificado de extinción, con bo nivel de formación, profesionalizado, menos numeroso, altamente especializado e con medios suficientes, cun traballo ó longo de todo o ano en tarefas preventivas.

Separar fondos de prevención e de extinción
A fin de evitar que a extinción dos lumes coma a maioría dos fondos destinados ó monte, o sector forestal quere tamén unha separación clara dos fondos adicados á prevención e dos adicados á extinción.

Entre as liñas de prevención que cómpre apoiar, as directrices do Plan Forestal destacan cuestións como as axudas á posta en valor do monte ou a mellora de infraestruturas preventivas (puntos de auga, cortalumes).

Axudas de prevención para Concellos
No lado contrario, o sector considera pouco eficaces as axudas de prevención dirixidas ós Concellos. Precisamente, o último Consello da Xunta vén de destinar 33 millóns de euros para financiar convenios de prevención de lumes cos Concellos no trienio 2016-2018.

A actuación dos Concellos en prevención e extinción, cuestionada polo sector

O escaso compromiso dos propietarios particulares coa prevención e co mantemento de franxas desbrozadas preto de vivendas e núcleos de poboación é outro dos problemas destacados polas directrices do Plan Forestal.

En canto ós dispositivos de extinción, á hora de valorar a eficacia das distintas brigadas e medios, o único suspenso corresponde ás brigadas municipais. Son as menos valoradas polo sector, por debaixo incluso da unidade militar de emerxencias.

Obxectivos

As directrices do futuro Plan Forestal de Galicia, que se debatirá este ano no Parlamento, marcan uns obxectivos claros en canto á reducción de incendios forestais na comunidade. Dos 4.000-5.000 lumes anuais da actualidade, o sector quere pasar en 5 anos a 2.400 e en 10 anos a 1.600.

Quérese reducir tamén a porcentaxe de grandes lumes maiores a 500 hectáreas, e en canto á superficie total calcinada, o obxectivo consiste en pasar das 15.000 hectáreas ano a 10.000 en 5 anos e a 5.000 en 10 anos.

Actualmente, déteñense a 2,5 persoas por cada cen lumes

O aumento das persoas detidas por cada cen lumes é outro dos retos sinalados no Plan Forestal. Fronte as 2,5 detencións actuais por cada cen lumes, aspírase a chegar ás 4,6 en 10 anos.

Para ese obxectivo, o sector avoga pola mellora da investigación policial e por fortalecer a vixilancia, detección e disuasión dos lumes a través do voluntariado social e de agrupacións de defensa contra incendios. Tamén se estudará o uso de tecnoloxía de distinto tipo, como cámaras.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información