
Carlos Basalo e Félix Porto, na rolda de prensa deste venres
Galicia encara unha vendima adiantada e que se prevé histórica en canto a produción nas cinco denominacións de orixe. Nalgunha adega a recollida da uva comezou fai xa máis dunha semana e, se as condicións meteorolóxicas son propicias, agárdase que de cara á vindeira semana todas as denominacións de orixe estean xa vendimando.
“Hai este ano un adianto histórico da vendima, xa que nunca se vendimou tan cedo. Nos últimos 10 anos practicamente se adiantou a vendima un mes, xa que pasamos de vendimar a finais de setembro a facelo a finais de agosto. Cada ano, as condicións climáticas, con estas olas de calor, lévannos a que a uva madure antes e haxa que apañala máis cedo e teñamos que adiantar os traballos”, explicou este venres en rolda de prensa Carlos Basalo, responsable de Agricultura de Unións Agrarias.
Xunto ao vicesecretario xeral do sindicato, Félix Porto, analizou a situación do sector vitícola galego e as condicións de prezos da vendima que está en marcha, que se manterán este ano malia o incremento de custos de produción. Uniólns Agrarias pide anticipación nos contratos e que se freen as grandes plantacións que están a facer as adegas para protexer a produción dos pequenos viticultores.
Unha colleita récord
“Previsiblemente temos por diante unha vendima superior en quilos á do ano pasado. A chuvia destes días pode incrementar aínda máis a colleita. O ano pasado vendimáronse en Galicia case 76 millóns de quilos de uva e este ano a previsión é que se pase dos 80 millóns de quilos. Vai haber un crecemento en todas as denominacións de orixe”, asegurou Carlos Basalo.
A produción está caendo en España, mentres en Galicia seguimos aumentándoa
“Tivemos un ciclo vexetativo cun inverno moi chuvioso, polo que houbo unha reserva de auga que fixo que as plantas aguantaran o calor de xuño, xullo e agosto mellor que o ano pasado, cando houbo un estrés hídrico que fixo que se perdera produción por culpa do calor”, explicou.
Somos unha illa climática; fálase que dentro de 10 anos seremos unha das poucas zonas da península onde se poderá seguir producindo viño
“Cada ano imos aumentando a produción. A do ano pasado fora unha vendima récord en canto a quilos e este ano volve selo de novo. A produción está caendo en España, mentres en Galicia seguimos aumentándoa todos os anos grazas a que somos unha especie de illa climática, tanto é así que se fala que dentro de 10 anos seremos unha das poucas zonas da península onde se poderá seguir producindo viño”, indicou.
Mantemento de prezos
“Pero o que non vai aumentando son os prezos, que este ano se van manter practicamente igual que o ano anterior, seguramente con algunha caída na zona de Rías Baixas, que xa tivera unha vendima moi grande o ano pasado e este ano volve haber moita colleita”, relataron os representantes de UUAA.
O ano pasado os prezos da uva godello en Monterrei foron de 1,40 euros o quilo e as tintas como o mencía por baixo do euro, en torno a 90 céntimos. O albariño nas Rías Baixas moveuse no 2025 entre 1,60 e 2 euros e a mencía na Ribeira Sacra entre un euro e 1,20. No Ribeiro a treixadura pagouse a 1,40 e o godello en Valdeorras rozando os 2 euros.
Os prezos moveranse entre 1 euros o quilo de uva mencía na Ribeira Sacra e os 2 euros do godello en Valdeorras
“A sensación que temos neste momento, sen datos oficiais polo momento, é que se van manter estes prezos en todas as denominacións de orixe”, asegurou Basalo. “Son prezos que practicamente non cobren os custos de produción”, queixouse.
Contratos de adhesión sen negociación real
“Temos unha alta calidade na produción e uns viños moi bos, pero a rendibilidade non chega ao viticultor. Moitos deles a día de hoxe aínda non asinaron contrato, algo que é obrigatorio para poder recollerlle as uvas. Hai unha falta total de negociación entre as partes, o que hai simplemente é un contrato de adhesión. A uva é un produto perecedoiro e hai que recollela cando chega á súa maduración e levala á bodega porque senón perdemos o traballo de todo o ano. É por iso que desde Unións Agrarias pedímoslle á AICA estatal e á Xunta que faga controis sobre a produción e sobre a sinatura de contratos porque o viticultor ten que poder negociar o valor do seu traballo”, defendeu Basalo.
“Facemos unha petición ás Administracións para que haxa un control sobre os contratos, que teñen que asinarse con antelación suficiente para que sexa posible unha negociación entre as partes. Non pode ser que os contratos se asinen no mesmo momento en que os tractores entran na adega coa uva, debería fixarse unha data límite con anterioridade para a sinatura dos contratos dun mínimo de 15 días e imos denunciar esta situación diante da Aica cando detectemos estas prácticas”, anunciou Félix Porto.
Estudo de custos
“En Galicia non temos estudo de custos de produción, cando a Xunta se comprometera a telo para antes desta vendima. É algo que lle pedimos á Consellería do Medio Rural para cada unha das denominacións de orixe. O viticultor non ten un valor orientativo e vai a cegas á sinatura do contrato”, valoran desde Unións Agrarias.
Se sabemos cal é o custo de produción, imos poder negociar en máis igualdade coas adegas a venda do noso produto
“Temos exemplos doutras comunidades autónomas, como é o caso de Castela e León ou de Castella-A Mancha, onde todos os anos se saca un estudo actualizado de custos de produción que serven de orientación para a sinatura dos contratos. Non podemos establecer un prezo mínimo pero si poñer sobre a mesa cal é o custo obxectivo de producir un quilo de uva para que o valor do contrato estea por enriba, tal como establece a Lei da Cadea”, explicaron Basalo e Porto.
Racionalizar as novas plantacións das adegas
Félix Porto achacou en parte o estancamento de prezos aos viticultores na venda da uva ás adegas nas 5 denominacións de orixe coas novas plantacións realizadas e dixo que a conxelación de prezos nas adegas contrasta co incremento de custos de produción por parte dos viticultores, debido á suba do gasóleo e a man de obra fundamentalmente.
Por iso, Unións defende que as axudas ás adegas vaian condicionadas ao cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria. “Non podemos seguir financiando con subvencións públicas o incremento das plantacións de viñedo ligados ás grandes adegas mentres caen os prezos para os viticultores e se lles ameaza con que non se lles vai recoller a uva”, argumentou Félix.
Rías Baixas incrementou en máis de 200 hectáreas a superficie de viñedo desde a última campaña
“Ribeiro e Ribeira Sacra están en caída libre nos últimos anos en canto a número de viticultores e superficie cultivada, algo que están a paliar as adegas con grandes plantacións. Se apostamos polo territorio e por fixar poboación hai que apostar por que os viticultores teñan ingresos dignos”, argumentou.
“Temos que racionalizar o incremento de superficie por parte das grandes adegas e frear a entrada de dereitos de plantación procedentes doutros territorios. Rías Baixas, por exemplo, incrementou en máis de 200 hectáreas a superficie de viñedo desde a última campaña”, indicou.
Galego









Control OJD