
Na Galiza, o sector agrícola e gandeiro é un piar fundamental da economía e da sociedade, representando nalgúns territorios até o 18% da poboación activa. A natureza deste traballo, desenvolvido maioritariamente á intemperie, imposibilitando o control das condicións ambientais, sitúa ás persoas labregas nunha posición de extrema vulnerabilidade fronte aos efectos das alteracións climáticas. O aumento das temperaturas e a maior frecuencia de fenómenos meteorolóxicos extremos non son só retos produtivos, senón ameazas directas para a saúde das persoas, especialmente das labregas que realizan a maioría dos seus traballos en espazos exteriores e á intemperie.
Impacto na saúde:
O cambio climático tradúcese nun incremento da radiación ultravioleta e en vagas de calor máis intensas e duradeiras. Segundo a AEMET, o verán climático dura actualmente no Estado Español 5 semanas máis que a comezos dos anos 80, alongándose uns 9 días por década. Nos últimos 20 anos o verán dura entre 18 e 20 días máis, comezando antes e rematando máis tarde. Paralelamente, as temperaturas máximas presentan unha tendencia ascendente e os episodios de calor son máis frecuentes, intensos e duradeiros. Así, nos últimos anos déronse os veráns mais cálidos de toda a serie histórica, destacando 2022, 2023, 2024 e 2025 entre os anos máis calorosos rexistrados. Estas condicións elevan o risco de padecer golpes de calor, que poden chegar a ser mortais. Ademais, a exposición prolongada ao sol asóciase con cancro de pel, danos oculares e o agravamento de doenzas como as cardiovasculares ou as renais.
O risco increméntase pola intensidade física das tarefas (esforzo intenso, posturas forzadas), a falta de aclimatación, a idade avanzada das labregas, e a realización da maioría dos traballos en solitario, que dificulta o auxilio inmediato. Tamén, a roupa de protección necesaria para a realización de determinadas tarefas, impide a evaporación do suor e a perda de calor corporal, agravando os problemas.
Factores de risco:
• Altas temperaturas e vagas de calor extremo: O aumento da temperatura ambiente provoca estrés térmico (acumulación excesiva de calor no corpo pola interacción entre condicións ambientais e esforzo físico) que deriva en esgotamento, deshidratación ou golpe de calor.
• Radiación ultravioleta (UV): Debido ás longas xornadas á intemperie, as labregas teñen unha alta exposición directa á radiación solar, o que aumenta o risco de cancro de pel, danos oculares e envellecemento prematuro da pel.
• Fenómenos meteorolóxicos adversos: O incremento na frecuencia e intensidade de tormentas, inundacións e secas, supón un risco directo para a seguridade física e mental polo incremento do estrés asociado ás perdas de produción, lumes, pragas ou enfermidades; maior presión para realizar as tarefas con tempo favorábel ou o aumento da carga mental pola incerteza climática.
• Risco biolóxico: Un efecto indirecto do aumento das temperaturas é a proliferación de organismos vectores de enfermidades como as carrachas ou os mosquitos. Un clima máis cálido acurta os seus ciclos, expande o seu hábitat, fai que estean activos durante mais tempo e aumenta as súas poboacións.
• Calidade do aire: A exposición a maiores niveis de contaminación atmosférica, po en suspensión, pole e fume de incendios forestais agrava problemas respiratorios.
• Medicamentos e hábitos: O consumo de determinados fármacos (antihistamínicos, diuréticos ou antidepresivos), o sobrepeso ou o consumo de alcohol ou cafeína poden descompensar a resposta do corpo á calor.
• Fatiga e perda de atención: A calor extrema provoca fatiga e perda de atención, afondando nos riscos de seguridade: maior cansazo, aumento da sinistralidade, non emprego do equipo de protección individual (EPI’s) ou erros durante o manexo de maquinaria e animais.
Medidas de prevención e protección:
A prevención debe ser integral, combinando cambios organizativos e protección individual.
• Verificar as previsións e alertas meteorolóxicas e informar ao persoal dos momentos de máximo risco e das medidas de prevención.
• Axustar os horarios e evitar as horas centrais do día.
• Programar as tarefas máis pesadas nos momentos máis frescos en atención ás previsións e alertas meteorolóxicas.
• Establecer pausas frecuentes en lugares frescos e á sombra, ademais de garantir o acceso permanente a auga fresca (10-15 °C).
• Por norma xeral, precísanse entre 7 e 14 días para que as persoas se adapten á calor, polo que se debe de ir aumentando a carga de traballo de forma gradual até acadar esa adaptación. A aclimatación pérdese cando se deixa de traballar nesas condicións 1 ou 2 semanas, polo que hai que recuperala de novo.
• Empregar de repelentes de insectos, vestir roupa de manga longa e pantalóns longos metidos dentro dos calcetíns e evitar sentar directamente no chan en zonas boscosas.
Equipos de Protección Individual (EPI):
• Roupa frouxa, lixeira, transpirábel e de cores que reflictan a calor.
• Sombreiros de ala ancha cubrindo cara e pescozo e lentes de sol con filtro UV.
• Uso de cremas solares cando se traballe ao sol. As cremas con SPF 50 considéranse un EPI máis, e o seu subministro é obrigatorio para a traballadora e traballador.
Obrigas das persoas titulares con traballadores contratados:
As persoas propietarias de granxas con persoal contratado teñen o deber legal de garantir a súa seguridade fronte ao clima, isto inclúe:
• Identificar especificamente na avaliación de riscos o risco por calor e riscos asociados (radiación, vectores,…) así como as tarefas afectadas por estes riscos.
• Formar ao persoal para recoñecer síntomas de alerta como fatiga intensa, mareos ou náuseas.
• Realizar recoñecementos médicos específicos.
• Establecer protocolos de actuación e de emerxencia en caso de accidente por calor.
• Prohibir a realización de determinadas tarefas durante episodios de temperaturas extremas se non se pode garantir a protección por outros medios.
Perspectiva de xénero: factores e medidas específicas para mulleres: No agro, as mulleres enfrontan factores de risco diferenciados que requiren unha atención específica na súa prevención.
Factores de risco específicos:
• Vulnerabilidade térmica: as estatísticas indican que as mulleres teñen unha maior prevalencia de patoloxías relacionadas coa calor (54,3 % fronte ao 39,1 % nos homes).
• Penosidade ergonómica: por regra xeral, as mulleres adoptan posturas forzadas en maior medida que os homes (o 75 % fronte ao 53 %), o que, sumado ao estrés térmico, aumenta o risco de fatiga crónica e lesións.
• Protección da maternidade: as mulleres xestantes e lactantes son colectivos de especial sensibilidade. A exposición a temperaturas extremas recoñécese legalmente como un factor que inflúe negativamente na súa saúde e na do feto ou lactante.
• Saúde reprodutiva: O esforzo físico intenso e as posicións de pé prolongadas baixo calor extremo asócianse a alteracións no ciclo menstrual e outros riscos reprodutivos.
Medidas de prevención e protección:
• Empregar roupa técnica e equipos de protección adaptados á morfoloxía feminina, garantindo lixeireza e transpirabilidade para evitar a acumulación excesiva de calor corporal.
• Identificar os postos con limitacións por temperaturas extremas ou exposición a axentes químicos e biolóxicos para mulleres en situación de embarazo ou lactación, aplicando o protocolo de cambio de posto de ser necesario.
• Vixilancia da saúde: os recoñecementos médicos deben ser específicos e considerar a sensibilidade térmica individual.
• Flexibilizar as tarefas máis pesadas, especialmente nas horas de maior calor.
• Para previr as picaduras e evitar enfermidades transmitidas por vectores, as mulleres embarazadas deben priorizar as barreiras físicas (roupa). Débense usar repelentes autorizados seguindo as instrucións do fabricante e evitar as zonas de maior actividade de insectos.
• Fomentar pautas de hidratación constante, xa que as mulleres presentan síntomas de esgotamento por calor con maior facilidade que os homes en tarefas similares.
Cómpre prestar especial atención ao traballo en invernadoiros, xa que nestes lugares as temperaturas poden superar amplamente ás exteriores, converténdose nun dos lugares con maior risco de estrés térmico.
Como norma xeral débense seguir as seguintes pautas:
• Controlar a temperatura e a humidade mediante ventilación natural ou forzada ou sombreado artificial.
• Organizar as tarefas máis pesadas nas horas de menor temperatura.
• Realizar pausas frecuentes en zonas frescas e sombrías.
• Garantir acceso continuo a auga fresca e potábel. Beber cada 15 – 20 minutos.
• Vixiar especialmente a novas traballadoras e persoas sensíbeis.
• Extremar as precaucións na aplicación de fitosanitarios.
Mantente informada. Infórmate ti e ás túas traballadoras!
Avisos meteorolóxicos AEMET: https://www.aemet.es/gl/eltiempo/prediccion/avisos
Avisos meteorolóxicos Meteogalicia: https://www.meteogalicia.gal/web/predicion/avisos
Predición do índice de radiación ultravioleta: https://www.aemet.es/es/eltiempo/prediccion/radiacionuv
Índice de risco diario de incendio forestal: https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/defensa-monte/irdi
Medidas preventivas fronte ás picaduras das carrachas:
https://issga.xunta.gal/gl/novas/medidas-preventivas-ante-picaduras-de-carrachas
Decálogo de recomendacións INSST fronte á calor: https://www.insst.es/documents/d/portal-insst/insst_decalogo-microsite-1

Galego









Control OJD