A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Prevención da cetose en vacún de leite desde o período seco

Un artigo de Miguel Iglesias Naredo, responsable técnico de vacún de leite de De Heus

Prevención da cetose en vacún de leite desde o período seco

O período de transición é unha fase crítica en vacún de leite. Neste período prodúcense drásticos cambios metabólicos. Nalgúns casos, o control dos mecanismos homeostáticos non é eficaz, o que pode provocar un desequilibrio fisiolóxico e un aumento substancial do risco de enfermidades ao redor do parto.

As vacas leiteiras de alta produción presentan, ao redor do parto, un balance enerxético negativo debido a un rápido aumento das necesidades enerxéticas para a produción de leite, mentres que a capacidade de inxesta de alimento na lactación temperá é limitada. Esta limitación na inxesta de materia seca obriga ás vacas leiteiras a mobilizar a graxa corporal para satisfacer esas necesidades enerxéticas, e cando esa mobilización é excesiva, a graxa chega ao fígado e oxídaase parcialmente, dando lugar aos corpos cetónicos e á aparición da cetose (clínica ou subclínica). As vacas leiteiras neste estado metabólico teñen concentracións elevadas de ácido β-hidroxibutirato (BHBA) e ácidos graxos non esterificados (NEFA) en sangue debido a esa mobilización de graxa e a unha deterioración da función hepática consecuente.

Un dos puntos clave da cetose é esa deterioración da función hepática, xa que as vacas neste estado presentan unha activación máis pronunciada do sistema inmunitario, con incremento de citoquinas proinflamatorias, aumento das transaminasas hepáticas (GGT) e menores concentracións de minerais antes do parto, ademais do aumento dos NEFA (a graxa que chega desde os tecidos ao fígado) e do BHBA antes do parto. O efecto observado durante o período seco asociouse a unha menor inxesta de materia seca, unha redución da glicosa plasmática e unha maior mobilización da graxa durante o inicio da lactación.

As vacas con cetose presentan unha menor produción, cunha resposta de fase aguda acentuada tras o parto e unha función hepática deteriorada, con menor resposta por parte dos glóbulos brancos, maior concentración de citoquinas e un proceso xeneralizado de falta de resposta á inflamación ocasionada por metabolitos asociados á mobilización graxa.

Os estudos demostran que a cetose está xeralmente precedida por un estado de estrés oxidativo, con alteracións das funcións hepática e renal e do sistema inmunitario, así como pola presenza de metabolitos que afectan á sensibilidade pola insulina, que é a que controlará o nivel de glicosa en sangue. A mobilización graxa e os niveis de NEFA e BHBA antes do parto exercen un efecto inhibitorio na inxesta nos días previos ao mesmo, profundando no balance enerxético negativo e os efectos posteriores.

Ademais, o aumento das necesidades enerxéticas relacionado coa activación do sistema inmunitario no período seco contribúe a empeorar a condición de balance enerxético negativo ao principio da lactación. Esta condición induce graves perdas de produción de leite e potencia a mobilización de fontes de lípidos.

“Se somos capaces de que a vaca consiga unha inxesta adecuada, teremos menor incidencia de cetose”

Por tanto, poderíase dicir que, en relación ao estado de cetose, todo o metabolismo da vaca en transición está relacionado coa inxesta de materia seca e o manexo do balance enerxético negativo. Evitar que a mobilización de graxa sexa masiva e que esta non altere a función hepática, o sistema inmunitario e a posible reacción de fase aguda sistémica que desencadeará un aumento de todos os trastornos metabólicos do periparto, antóllase como o punto clave da transición. É dicir, se somos capaces de que a vaca consiga unha inxesta adecuada, cos requirimentos en minerais, proteína e enerxía axustados, conseguiremos unha menor mobilización graxa e unha menor incidencia de todos os trastornos metabólicos relacionados.

A estratexia de De Heus para previr a cetose

En De Heus abordamos a cetose indo á raíz do trastorno: o período seco. Durante esta fase, o animal experimenta unha enorme “reorganización” hormonal, cunha forte redución da inxesta debido ao aumento do tamaño do útero e unha forte mobilización de lípidos corporais para manter o nivel enerxético, coa consecuente aparición dos corpos cetónicos. Isto ocasiona un factor de risco tamén para a síndrome hipocalcémico, retencións placentarias, metrite e o atraso da continuación da actividade ovárica.

Para abordar este problema recomendamos un enfoque en tres pasos:

-Aumentar ou manter o consumo de materia seca durante o período seco. Proceder con estratexias e manexo alimentarios a través dos que consigamos inxestas por riba de 13 quilos materia seca. Promover carros picados, manexo diario e a calidade e apetecibilidade das forraxes. Evitar leguminosas, forraxes ricas en potasio, fósforo e calcio.

de heus gráfico_1

-Definir a condición corporal coa que chegan ao secado. O ideal é que as vacas cheguen ao período seco cunha condición corporal non superior a 3,5 e non menor de 3. As vacas con condicións corporais por riba do 3,5 teñen maior posibilidade de mobilización graxa e de inxesta de materia seca inhibida parcialmente por esa mobilización.

de heus gráfico_2

-Acurtar o período seco a 45 días. Períodos secos máis curtos supoñen unha menor mobilización graxa, mellor fertilidade posterior e mesmo unha mellor calidade do costro.

As vacas con períodos secos de 60 días ou máis compórtanse peor con balance enerxético negativo, con maior mobilización graxa ao longo do período seco e maiores niveis de NEFA e BHBA.

de heus gráfico_3

En De Heus estamos convencidos do enfoque preparto da cetose. Cremos que, ao xurdir unha casuística de cetose nunha granxa, deben aplicarse todos os tratamentos indicados polo veterinario e resolver eses casos, pero mirando cara atrás e iniciando as medidas correctoras desde o período seco.

Conscientes da importancia do período seco e a transición, etapa na que os animais son máis vulnerables ás enfermidades, e do seu papel fundamental para a súa saúde e rendemento leiteiro a longo prazo, en De Heus deseñamos o plan Prelacto.

O obxectivo desta solución nutricional é optimizar a transición entre lactacións, mellorando o rendemento das vacas e reducindo significativamente o impacto das enfermidades metabólicas do rabaño. Todo iso permite aforrar tempo, diñeiro e esforzo ao gandeiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *