Prevención contra o lobo nas ganderías: como facela efectiva e rendible?

Prevención contra o lobo nas ganderías: como facela efectiva e rendible?

Un mastín cun rabaño de vacas en extensivo. / Arquivo.

A cuestión do lobo xera debate social pero, sobre todo, no sector gandeiro, que é o que sofre os ataques no gando. En Rábade, un foro acolleu recentemente a presentación do proxecto ‘Medidas preventivas da predación do gando para a convivencia co lobo en Galicia’ promovido polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM-AGACAL),xunto con Beealia. Tamén forman parte do proxecto o CSIC, a Asociación Galega de Custodia do Territorio e Arena. O encontro serviu ademais para analizar a situación actual e as cousas que deberían cambiar para mellorar a prevención dos danos do lobo.

Censos do lobo en Galicia
Óscar Rivas, da Asociación Galega de Custodia do Territorio, comezou chamando á calma e destacou que o lobo “mantén unha estabilidade poboacional”. Lembrou que o primeiro censo en Galicia, do 2013-2015, falaba de 90 mandas, compartindo 14 coas comunidades limítrofes e Portugal. “Por entón, estaban distribuídas de maneira homoxénea polo territorio”, puntualiza.

Posteriormente, publicouse outro censo no 2021-2022 no que se indicou que no conxunto do territorio galego, a presenza era de 93 mandas, “polo que se pode dicir que son datos similares e non hai un grande aumento”. Aínda así, aclara que pode haber pequenos cambios locais. Engade que “isto ao final son números, pero o que debe marcar a cuestión do lobo é unha visión de se os grupos se reproducen ou non”.

En canto á presenza polo territorio, en dito informe indícase que está no 90 % do territorio; o 10 % restante representa ás grandes cidades e o Baixo Miño. “Boa parte de Galicia é territorio visitado polo lobo”. Para poñer en situación do lobo, Rivas recalca que en Galicia hai estabilidade e unha boa representación da especie por todo o territorio.

Cales son as medidas preventivas efectivas
Coa finalidade de esclarecer algúns debates que xorden entorno ao lobo no agro, José Vicente López, investigador do CSIC, abordou as medidas preventivas e a súa relevancia. Durante a súa intervención incidiu nos aspectos que se deben ter en conta na prevención.

“A maioría dos plans de xestión do lobo contemplan a prevención como un piar fundamental e as autoridades indícano, pero a realidade é que se precisa un seguemento e que se emitan axudas suficientes”, resalta o profesional. Os peches de calquera tipo son unhas medidas recurrentes, xunto cos animais de garda, pero “non se contemplan os gastos do seu mantemento nas liñas de axudas”.

Precísanse 400 – 500 euros ó ano para manter un mastín. Unha gandería de 1.000 ovellas, que precisa uns 12 mastíns, ten un problema con ese gasto

López explica que, de media, precísanse uns 400-500 euros para manter os cans, e para unha gandería dunhas mil ovellas serían necesarios uns 12 mastíns, polo que “hai un agravio comparativo coa gandería que non queira implementar esa medida de prevención, xa que non tería ese gasto; deberíase ter en conta”, valora.

Nas medidas de prevención, segundo describe o profesional, hai que considerar tres aspectos básicos no uso de medidas: efectividade funcional (no tempo), custos (implementación e mantemento) e aceptabilidade (usuarios finais).

Mantemento das medidas no tempo e custos
“A efectividade da medida é relevante porque igual hoxe unha malla funciona, pero nuns anos, ao non ter un bo mantemento, xa non o é e acaban entrando os lobos”. Isto xera problemas, xa que unha vez perde efectividade, prodúcese un debate sobre se é viable a medida preventiva ou non.

Nos custos de convivir co lobo, débense ter en conta tamén os custos emocionais e psicolóxicos dos gandeiros (José Vicente López)

Outra das cuestións que puxo sobre a mesa o profesional foron os custos de convivir co lobo. Esta cuestión refírese a temas tanxibles e deixa de lado os emocionais e psicolóxicos, “que se deberían ter en conta”, advirte.

Determinar as medidas que funcionan
O profesional destaca a importancia de levar a cabo estudos sobre medidas de prevención para coñecer a súa efectividade e tamén valorar como maximizala. “Usar medidas non efectivas ten consecuencias negativas para a fauna, o gando e as persoas; son unha perda de tempo, diñeiro e responsabilidade. Confrontar a desinformación é un ingrediente ideal para paralizar o debate entorno ao lobo”.

López indica que nunha explotación afectada existe un risco 55 veces maior de que se repita un ataque de lobo nun período de 12 meses

Con estudos coma o presentado en Rábade confróntase a imaxe de que a prevención pode ser unha perda de tempo. Observar en estudos as consecuencias positivas das medidas axuda a que no campo se acepte unha medida de prevención. “Impoñer medidas dende a administración pode levar ao rexeitamento, por iso é preciso buscar aquelas que as persoas propietarias de gando as acepten porque pensan realmente que poden funcionar e teñen onde comprobalo”, indica.

“É necesario implantar medidas de prevención que as granxas acepten e que pensen realmente que son efectivas”

Cabe puntualizar que, segundo un estudo que realizaron en varias provincias de España, ao redor da metade das explotacións gandeiras non empregan medidas preventivas. Traballaron con máis de 1.000 ganderías de todo o territorio español e a maioría non teñen nada de medidas; nas que teñen, “non puidemos comprobar realmente se están a xestionalas de xeito correcto”.

Seguindo con datos, López indica que nunha explotación afectada existe un risco 55 veces maior de que se repita un ataque de lobo nun período de 12 meses. En Asturias, entre 2010 e 2016, o 0,5 % das explotacións (20) concentraron o 20,4 % dos danos neses período e, en detalle, unha delas acumulou 1.199 danos: “Isto é inviable”.

A rendibilidade das medidas de prevención
En canto a cuestión da rendibilidade da prevención, López aclara que hai que poñer o foco na obrigatoriedade de implantar medidas preventivas e non na súa retribución económica. Nesa liña, lembrou que Europa compensa cando hai medidas de prevención. Hai países coma Alemaña ou Francia, nos que a prevención condiciona a compensación. No caso de Galicia, no plan de xestión coméntase que se reducirán as axudas se hai danos reiterativos.

Noutros países de Europa, só se compensan os danos do lobo cando as granxas teñen implantadas medidas de prevención

“É entendible que as primeiras veces recibas unha compensación, e unhas cantas veces máis, pero cando non tomas medidas ten que haber consecuencias. Para iso, é fundamental ese asesoramento, sempre coa normativa na man”, resaltou. Recordou que hai unha falta de coñecemento das normas actuais e que “quizáis o que falla é a transmisión” aos ganaderos para que teñan toda a información antes de tomar as decisións. O profesional concluíu a súa intervención subliñando que se corre o risco de que a compensación reduza o incentivo para implementar medidas de prevención.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información