Prevén unha recuperación na cotización dos produtos lácteos e nos prezos ás granxas nos vindeiros meses

O informe de coxuntura do 2026 elaborado polos profesores Francisco Sineiro e Jorge Santiso prognostica unha suba gradual na segunda metade do ano, condicionada ao impacto negativo sobre as exportacións europeas que tería a continuidade da guerra en Oriente Medio

LA NAVE SC (O Corgo) vacas producion4

A forte baixada de prezos do leite en orixe levada a cabo pola totalidade das industrias lácteas nos contratos renovados o pasado día 1 de abril podería ser pasaxeira. O estudo O sector lácteo en España: situación 2025 e perspectivas 2026, elaborado polos profesores xubilados da USC Francisco Sineiro e Jorge Santiso, pronostica unha recuperación da cotización dos produtos lácteos industriais a nivel internacional na segunda metade deste ano que se trasladaría de maneira progresiva ás granxas.

O informe ofrece unha visión xeral dos mercados de leite e produtos lácteos en 2025, e formula algunhas perspectivas para 2026, condicionadas, en todo caso, pola incerteza derivada da situación xeoestratéxica actual e da súa evolución, que podería lastrar as exportacións europeas a Oriente Medio debido á continuidade da guerra en Irán.

O informe dá continuidade ás análises presentadas con periodicidade anual desde o ano 2022

En España, o aumento de poboación e o incremento do consumo per cápita de produtos lácteos, cos queixos como principal motor, auguran unha recuperación progresiva de prezos a curto prazo, que podería plasmarse xa na renovación de contratos do mes de agosto. Ao tempo que a produción permanece estancada, España aumenta a súa dependencia das importacións, sobre todo de queixo, cuxas entradas se incrementaron un 40% desde 2021.

Caída no prezo da nata e da manteiga

informe sector lacteo Sineiro e Santiso 2025 evolucion prezo manteiga

“O ano 2025 estivo marcado por unha expansión da produción de leite que rompe co estancamento observado desde 2021. Os incrementos rexistráronse nas principais rexións exportadoras. Na Unión Europea, esta evolución responde ao comportamento positivo de boa parte dos Estados membros. Porén, o dinamismo da produción non tivo reflexo na demanda dos países importadores, xerando desequilibrios que deterioraron as cotizacións dos produtos commodity e, en última instancia, impactaron sobre os prezos percibidos polos produtores”, afirman.

O descenso no prezo dos produtos commodity foi especialmente acusado na segunda metade do ano 2025

Na UE a produción aumentou nun 2,5% superando así o seu práctico estancamento nos tres anos anteriores; pola  súa parte as exportacións aumentaron nun 2% grazas ao queixo e ao leite desnatado en po. O descenso no prezo dos produtos commodity foi especialmente acusado na segunda metade do ano 2025 e máis elevado na manteiga que no leite en po.

Aumento de produción en 2025 e xeración de excedentes

informe sector lacteo Sineiro e Santiso producion global ano 2025

A nivel global, os principais países exportadores de produtos lácteos aumentaron a súa produción en 2025 en 6,7 Mt sobre 2024 (+2,5%, axustando ano bisesto). Os incrementos máis importantes en volume déronse en EEUU e a UE, mentres en termos porcentuais destacan Arxentina e Bielorrusia, ambos por enriba do 6%.

O aumento da produción na UE baseouse no rendemento por vaca (+2,4%) que contrarrestou o descenso no rabaño do -0,7%. Pola contra, en EE. UU. estivo impulsado polo aumento no rabaño (+2,1%) e en menor medida por un rendemento (+0,5%) que xa é elevado con 11.000 kg/vaca.

O aumento de exportacións da UE, EEUU e Nova Zelandia foi capaz unicamente de absorber unha cuarta parte do incremento de produción, xerando excedentes

O aumento das exportacións na UE, EEUU e Nova Zelandia foi capaz de absorber unicamente unha cuarta parte do incremento de produción, xerando excedentes que provocaron caídas nas cotizacións dos produtos lácteos no mercado global e tensionaron á baixa os seus mercados domésticos.

Porén, ao contrario do que prognosticaba o aumento da produción nos últimos meses de 2025, a comezos de 2026 os prezos dos produtos lácteos comezaron unha recuperación, máis elevada en EEUU e Nova Zelandia que na UE. “Este cambio de tendencia, máis firme no leite desnatado en po, parece estar ligado a un aumento das importacións aproveitando os prezos baixos”, razoan Sineiro e Santiso.

Coa cotización da manteiga como principal soporte, o prezo equivalente (prezo obtido pola transformación do leite en manteiga e leite desnatado en po) na UE comezaba o ano en 54 euros/100 kg para pechalo en 35, recuperándose até os 41 en marzo de 2026.

Axuste severo nos prezos dos contratos asinados en abril

informe sector lacteo Sineiro e Santiso evolucion prezo leite Irlanda, Espanha e Francia

En canto aos prezos en orixe, “o prezo do leite ao produtor comezou a recuperarse nos primeiros meses de 2026 en EEUU e NZ, mentres que na UE aínda segue descendendo en marzo”, indica o informe. No caso de España, asegura que os contratos asinados en abril conteñen “axustes severos de prezo á baixa en liña cos países da nosa contorna”.

Os contratos asinados en abril conteñen axustes severos de prezo en liña cos países da nosa contorna

Aínda así, “hai unha considerable variabilidade no prezo entre países dentro da UE que está ligada ao grao de dependencia das exportacións ao mercado global e á organización da produción”, aseguran os autores do estudo.

Estas diferenzas, por exemplo, son moi notables no caso dun país moi volcado no mercado exterior como é Irlanda, con elevadas variacións ligadas aos ciclos de prezos dos produtos commodity, e a maior estabilidade en Francia co peso das cooperativas que transforman a metade das entregas de leite, unha organización da produción baseada en contratos a cinco anos e unha dinámica negociadora baixo un esquema de cadro-marco e acordos anuais baixo un modelo de indexación nas entregas.

Nas condicións actuais, e a pesar dos axustes no prezo do leite, a contención de custos e a boa cotización do bovino darían continuidade a marxes favorables para as explotacións

“Desde 2017 a serie de prezos mensuais de España afástase sensiblemente do perfil trazado polos prezos medios na UE-27, con diferenciais que desde 2021 se ampliaron até +/-8 €/100 kg. O perfil de España móstrase máis próximo ao de Francia, con diferenciais de +/- 3 € por 100 kg”, detallan.

“A inestabilidade observada nos meses máis recentes sinala unha volatilidade crecente ao longo da cadea, reforza o interese dos contratos indexados como ferramenta especialmente útil en situacións impredecibles como a actual”, defenden.

Previsións para os próximos meses

informe sector lacteo Sineiro e Santiso evolucion prezo produtos lacteos xaneiro-abril 2026

Segundo o informe elaborado por Sineiro e Santiso, “as previsións apuntan a unha lixeira e lenta recuperación nos prezos dos produtos commodity no comercio global que se transmitirían con certo atraso nos prezos ao produtor”.

Porén, matizan, estas previsións están suxeitas a un elevado grao de incerteza polos efectos de diversos factores:

  • xeopolíticos: á parte do impacto do conflito que se vén arrastrando en Ucraína, orixe da crise inflacionaria dos últimos anos, a guerra de EE UU e Israel contra Irán provoca efectos directos para o sector lácteo (encarecemento da enerxía e fertilizantes e distorsión na loxística de exportacións de produtos lácteos aos países de Oriente Medio), así como indirectos, ligados ao efecto dunha posible crise económica sobre a demanda. “O impacto, en todo caso, vai depender da duración do conflito”, aseguran.
  • os cambios nos aranceis sobre o comercio global, tanto os establecidos en 2025 polo goberno de Estados Unidos como os de China (do 7,4 ao 11,7% para queixos e nata a partir de febreiro de 2026) e os resultantes do acordo entre a UE e Mercosur, con continxentes de produtos lácteos con aranceis progresivamente reducidos.

A nivel de produción, os autores do estudo prevén un crecemento moderado en 2026. “O efecto de investimentos recentes, impulsadas por unha situación favorable de prezos nos últimos anos, e a solidez da demanda de leite como materia prima da industria láctea, con novos proxectos en fase de consolidación, animan perspectivas dun crecemento moderado da produción, seguindo a tendencia observada nos últimos meses e que podería elevarse a unhas 100 mt no conxunto do ano”, indican.

En canto á rendibilidade das granxas, aseguran que “nas condicións actuais, e a pesar dos axustes no prezo do leite, a contención de custos e a boa cotización do bovino darían continuidade a marxes favorables á produción”.

Finalmente, en relación ao consumo, as proxeccións de Sineiro e Santiso sinalan un aumento do consumo per cápita do 1,8% en queixo e 0,4% en derivados frescos e unha caída do 1,1% en leite e batidos en 2026. “En termos de equivalente leite resulta un aumento do 0,7% no consumo per cápita, que unido ao crecemento da poboación (+1,3% nas proxeccións do INE) resultaría nun aumento do consumo de leite e produtos lácteos en 2026 en torno ao 2% sobre o estimado para 2025 (unhas 200-250 mt EL)”, calculan.

Estancamento da produción en España debido ao ritmo de peche de granxas, que continúa nunha taxa do 6% anual

informe sector lacteo Sineiro e Santiso evolucion producion lactea UE 2019-2025

En España, ao contrario que nos principais países produtores da UE, o crecemento da produción de leite foi moito máis moderado en 2025. A recollida de leite de vaca tivo unha tímida recuperación no segundo semestre de 2025, aínda que insuficiente para compensar o rexistro negativo dos primeiros meses, rematando o ano en 7.411 miles de toneladas (-0,2% sobre 2024 axustado a 365 días).

“A produción de leite apenas reaccionou á contorna favorable. Cun peche de explotacións de leite de vaca a unha taxa anual do 6% (perda de 1 de cada 2 efectivos en 10 anos), a produción segue estancada nos niveis de 2021, aínda que con lixeiros incrementos nos últimos meses de 2025”, detallan Sineiro e Santiso.

Ao ritmo actual, nunha década España perdería a metade das súas granxas

Mentres, a demanda interior mantivo a súa fortaleza, “apoiada tanto no aumento do consumo per cápita como no crecemento da poboación”, indica o informe. O consumo de produtos lácteos, co queixo como principal motor, continúa en expansión, tanto dentro como fóra do fogar, aínda que os niveis de consumo actuais en España (239 kg per cápita anuais) quedan aínda lonxe dos 315 kg da media da UE.

O consumo de produtos lácteos, co queixo como principal motor, continúa en expansión, tanto dentro como fóra do fogar

Con referencia a 2019 o consumo aparente (suma do leite recollido pola industria e as importacións) tería aumentado en 1,0 millón de toneladas, a unha taxa do 1,4% anual. O responsable deste incremento sería o queixo, xa que o consumo medio de queixo en España pasou dos 13,7 kg per cápita en 2019 aos 17,0 kg actuais.

Dous de cada tres quilos de leite e produtos lácteos consómense no fogar. En termos de equivalente leite, o leite envasado e o queixo representan o 41% cada un, quedando o 18% restante para iogures, sobremesas e outros produtos lácteos.

A demanda extra doméstica equivale a un terzo do leite e produtos lácteos

As subas de prezos dos diferentes produtos debido á crise inflacionaria de finais de 2021 (suba do 44% no caso do leite, 35% no queixo e 23% no iogur) terían favorecido cambios nos hábitos de compra, expresados sobre todo en alternativas de gama/prezo baixo ou nunha maior penetración das marcas de distribuidor e marca branca.

Aumento das importacións

informe sector lacteo Sineiro e Santiso evolucion importaciones leite e produtos lacteos 2019-2025

“Neste marco de produción estancada e aumento do consumo, os lácteos importados reforzan a súa posición no mercado interior, ao que achegan máis do 25% en termos equivalente leite debido sobre todo aos queixos, recuperando niveis descoñecidos desde 2010”, detallan os autores do estudo.

“A evolución diverxente entre produción e consumo derivou nun aumento significativo das importacións e do déficit comercial exterior de España de leite e produtos lácteos”, conclúen Sineiro e Santiso.

En 2025 mantense a tendencia dos últimos anos, coas exportacións estabilizadas en torno a 1,6 millóns de toneladas de leite equivalente (Mt EL) e un forte crecemento das importacións até 4,7 Mt EL (+8,3% sobre 2024). Como resultado, o déficit supera os 3,1 Mt EL, unhas 320 mil toneladas máis que en 2024 (+11,4%). “Nos catro anos 2021-2025 nos que a produción de leite se estancou, o déficit aumentou en 1,3 Mt EL (+75%). En valor supón 1.500 millóns de euros, máis do triplo do déficit rexistrado en 2021”, indican.

O queixo e o leite en po son os grupos de produtos con maior peso nas importacións e no seu aumento nos últimos anos

As importacións de queixo, 435 mt en 2025 (+6,4% sobre 2024) seguen a tendencia de crecemento dos últimos anos, acumulando 125 mt adicionais desde 2021 (+40%). Aínda que o aumento afectou aos diversos tipos de queixo, case dous de cada tres kg adicionais corresponden a queixo fresco (en particular mozzarellas e outros queixos para pizza), o que indica un destino orientado sobre todo á industria alimentaria e/ou canle HORECA.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información