Prevén que a seca provoque a perda de ata o 30% da colleita de millo

A seca afecta sobre todo ao millo sementado a partir da terceira semana de maio e en terreos pouco profundos. Tamén se está a atrasar a aplicación de herbicidas e proliferan os vermes que atacan o cultivo.

Prevén que a seca provoque a perda de ata o 30% da colleita de millo

A seca está a atrasar a aplicación de herbicida no millo

O millo é o principal cultivo forraxeiro en Galicia, con máis de 67.000 hectáreas, arredor do 60% da superficie do Estado destinado ao mesmo. As ganderías de leite dedícanlle moitos recursos e esforzos a este cultivo que constitúe o principal compoñente da alimentación diaria das vacas. O seu cultivo foi a máis nos últimos anos impulsado pola ampliación da base territorial das explotacións lácteas e a necesidade de reducir custos, aumentando a alimentación en base a forraxes producidos na explotación.

Sen embargo, máis dun mes sen choivas, nunha primavera anormalmente seca, están a poñer en risco a colleita deste ano, constituíndo un motivo de preocupación para moitos gandeiros.

Os diferentes microclimas de Galicia provocan que a situación varíe dunha zona a outra, pero a maioría dos gandeiros consultados, especialmente nas comarcas do interior, estiman que, incluso aínda que chova nos próximos días, a redución da colleita roldará o 30%. E é que a seca está a provocar problemas de nacenza na semente, especialmente naquelas explotacións que sementaron o millo a partir da terceira semana de maio, cando a seca e o vento nordés xa reduciran sensiblemente a humidade do terreo. As fincas con menor profundidade de solo ou en costa e o millo que non foi sementado a unha profundidade maior, tamén están a ser as máis afectadas.

Outras consecuencias que está a provocar a seca é a proliferación nalgunhas zonas de vermes que atacan as plántulas, como o verme do arame ou o taladro. Ademais, o tempo seco está a atrasar a aplicación de herbicidas.

Nas fincas de millo máis afectadas pola seca, hai gandeiros que están a resementar, unha decisión arriscada e custosa que require que a choiva chegue a tempo e en cantidade.

A continuación recollemos a situación en diversas explotacións gandeiras de Galicia:

Xosé Manuel Calvo, gandeiro de Oroso e membro da Executiva do Sindicato Labrego Galego:

“Na nosa zona o que peor o está a pasar é o millo que foi sementado en terras lixeiras, pouco profundas, e en costa, e o que foi sementado máis tarde”.

“Na nosa explotación sementamos o millo nunha primeira vez o 20 de maio e unha semana despois sementamos noutras fincas e a diferencia nótase moito, había menos humidade na terra e houbo máis problemas de nacenza e de crecemento. O que foi sementado primeiro non tivo problemas de nacenza”.

“Debido á primavera seca que está a vir onde que si temos problema é cos vermes de rosca”.

“Agardamos que chova nas próximas semanas porque senón o millo vaino pasar mal. Hai que ter en conta que é a forraxe principal da ración das vacas. No noso caso empregamos 25 kilos de silo de millo por vaca e día e uns 8 kilos de silo de herba”.

Antonio París, de SAT Cives. Mazaricos:

“Fixemos a sementeira do millo entre o 15 e o 22 de maio. Naceu moi ben. O que si temos é problemas coa aplicación do herbicida, xa que veu o tempo tan seco que non puidemos botalo”.

Xan Ramos, de SAT GANXABAR, Mazaricos:

“Sementámolo sobre o 20 de abril e a seca non nos afectou. Naceu bastante ben e está a ter un bo desenvolvemento. Se persiste a seca si que teríamos problemas”.

Julio López, de Gandería Quintián, O Páramo (Lugo):

“Por problemas de exceso de humidade nas fincas este ano non puidemos facer a sementeira ata o 26 de maio e, debido á seca, si que estamos a ter problemas de nacenza. Normalmente sementamos unha semana antes, pero a principios de maio estivo chovendo e a terra non valía para traballar porque estaba apelmazada”.

“Prevendo a seca fixemos unha sementeira máis profunda do normal, a 5,5 centímetros, pero é difícil que a profundidade sexa homoxénea en toda a finca. Así, o que foi fondo naceu aos 5-6 días pero o que foi a menos aínda está empezando a nacer ou non naceu. Se chove este fin de semana e acaba nacendo teremos igualmente un problema á hora da colleita , con distintos estadios de maduración do millo na mesma finca e diferentes niveis de almidón, polo que teremos que calcular unha media. De todos os xeitos, e inda que todo vaia ben, calculamos unha mingua na colleita de ata o 30%”.

Román Santalla, gandeiro e secretario comarcal de Unións Agrarias de O Deza-Tabeirós- Terra de Montes: 

“Estamos a padecer unha seca importante, porque nesta zona practicamente non choveu dende o 8 de abril o que, unido ao vento do nordés, secou moito a terra”.

millo_herbicida_01_standar

Estado no que se debería atopar o millo por estas datas nun ano normal

“A climatoloxía atrasou o ensilado da herba ata a primeira quincena de maio e na última quincena do mes pasado foi cando se sementou a maior parte das fincas de millo. A sementeira foi bastante mala porque non había sazón na terra e o millo ten problemas de nacenza”.

“Agás o millo que se sementou en abril e antes do 20 de maio, o que se sementou despois, sexa a zona de Galicia que sexa, está a ter bastantes problemas para nacer. Mesmo se a partir de agora chove, calculamos unha perda de arredor do 30% da colleita de millo con respecto ao ano pasado”.

“Outro efecto deste tempo é que os pastos están resecos e a segunda ensilada de herba dámola por perdida en moitas zonas”.

“Hai unha situación clara de déficit de forraxes este ano na Península e o gandeiro o que está a facer é ou reducir produción ou mercar máis forraxes e concentrados”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información