Preto de 300 apicultores cunhas 50.000 colmeas xa están inscritos na IXP Mel de Galicia

A IXP galega conta este 2020 cun importante incremento das altas de envasadoras, así coma un ascenso no número de novos apicultores que apostan por esta actividade coma modo de vida sostible

Preto de 300 apicultores cunhas 50.000 colmeas xa están inscritos na IXP Mel de Galicia

Os números avalan o progreso e a confianza existente no principal organismo encargado de controlar, amparar e certificar o Mel de Galicia. No que levamos transcorrido de 2020, a IXP conta xa cun importante incremento no número de altas no rexistro de instalacións con respecto a anos anteriores, así coma un ascenso no número de apicultores que apostan por esta actividade coma un modo de vida sostible, tanto a nivel profesional, coma complemento da renda.

Concretamente, a IXP suma dúas novas instalacións con certificado de produto e sete novas pendentes para incorporar co certificado nesta colleita. A falta do reconto final ao rematar este ano, as cifras xa marcan un ascenso notorio, rozando os 300 apiculores e as 50.000 colmeas en toda Galicia, situándose como a indicación xeográfica que máis inscritos, máis colmeas e máis mel certifica a nivel nacional e europeo.

Mel de excelente calidade, aínda que máis escaso

En canto á cantidade de mel certificado, dende a IXP informan de que “a campaña de recollida de mel no noso territorio confirmaba os prognósticos iniciais: as condicións meteorolóxicas desfavorables propiciaron un descenso na produción con respecto á colleita de 2019 (no que se certificaran 659 toneladas deste produto, dos cales 352 toneladas comercializáronse coa contraetiqueta de Mel de Galicia)”.

Neste sentido, para 2020 espérase que a cantidade de mel contraetiquetado se manteña; e que o que se vexa reducido, debido a mala produción desta colleita, sexa a comercialización dos produtos elaborados que empregan o Mel de Galicia coma ingrediente para a súa valorización, ou sobre todo a comercialización a granel.

Neste ano atípico, a climatoloxía acabou por pasar factura aos apicultores galegos, dadas as abundantes choivas rexistradas durante a primavera, principalmente en zona de costa, que pouco axudaron á floración. Situados xa no verán, o tempo tampouco acompañou, cun calor extremadamente seco e fortes ventos que terminan por resecar toda a floración. A cuantificación deste descenso poderá confirmarse a finais do ano, con todas as declaracións de produción entregadas polos apicultores.

Un produto de confianza que se traduce nunha crecente demanda

Se nalgo se incide sempre desde o Consello Regulador da IXP, é na importancia de buscar a contraetiqueta Mel de Galicia, Indicación Xeográfica Protexida á hora de adquirir este produto no mercado. “Un garante de que estamos ante un mel de orixe cento por cento galego, sometido aos máis rigorosos controis tanto sanitarios coma de calidade. Unha xoia gastronómica cun aporte nutricional superior aos demais, xa que posúe o maior contido en minerais e vitaminas rexistrado. Sen dúbida, algo que non pasou inadvertido para os consumidores que viron no Mel de Galicia un produto a incluír na cesta da compra, sobre todo en tempos de pandemia, como axuda para reforzar o sistema inmunolóxico”, salientan dende o consello regulador da IXP.

Así se rexistraba un incremento de ata un 50% nas vendas das envasadoras de maior tamaño, e por tanto na solicitude de contraetiquetas por parte destas marcas que chegan a mercados fóra da comunidade.

Dado que a produción deste ano é máis escasa de cara a facer fronte á demanda do 2021, e que isto producirá un previsible aumento do prezo do mel en orixe, dende o Consello Regulador piden a colaboración dos consumidores á hora de seguir confiando no Mel de Galicia no momento de facer a lista da compra.

“Deste xeito, non só se estarán protexendo coma consumidores, senón tamén colaborando cos apicultores locais, apoiando ao campo galego, mantendo a biodiversidade e apostando por un cobizado produto que compite en calidade diferenciada no mercado do mel a nivel mundial, onde ten unha moi boa aceptación e posicionamento”, subliñan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información