As opinións e puntos de vista expresados só comprometen ao seu autor e non reflicten necesariamente os da Unión Europea. Nin a Unión Europea nin a autoridade outorgante poden ser considerados responsables deles.

Preto de 11.000 produtores galegos reciben 17 millóns da PAC das axudas a zonas con limitacións naturais

Preto de 11.000 produtores galegos reciben 17 millóns da PAC das axudas a zonas con limitacións naturais

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución do Fondo Galego de Garantía Agraria, dependente da Consellería do Medio Rural, pola que se notifican os beneficiarios das axudas para zonas con limitacións naturais en áreas de montaña e en áreas distintas de montaña, no marco das achegas da Política Agraria Común (PAC) da campaña 2021-2022. Cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), ascenden a un importe superior aos 17 millóns de euros para preto de 11.000 agricultores e gandeiros galegos.

Incluídas no pagamento de desenvolvemento rural, en concreto concedéronse por estas subvencións 9,2 millóns de euros ao abeiro da submedida de montaña e outros 8 millóns pola submedida de zonas distintas de montaña. Deste xeito, compénsaselles tanto aos gandeiros como aos agricultores de áreas xeográficas con dificultades polo esforzo extra que deben acometer dende todos os puntos de vista (económico, laboral, etc.) para ter unha produción agrícola en áreas como a alta montaña ou con outro tipo de limitacións naturais.

Así, xa se poden consultar na web do Fondo Galego de Garantía agraria as listaxes de concesión e de denegación destas liñas de axudas de pagamento a zonas con limitacións naturais, coa indicación das persoas beneficiarias, do importe e, de ser o caso, das causas de denegación. Os interesados tamén poderán consultar as resolucións completas das solicitudes das liñas de achega mediante a aplicación para teléfonos móbiles “Sga@pp” e no Portal de axudas PAC, onde poderán acceder ao contido da súa resolución individualizada.

Cabe lembrar que Galicia se situou entre as primeiras comunidades autónomas que pagou anticipos das axudas da Política Agraria Común, a finais do ano pasado, tras a realización de todas as comprobacións administrativas e dos controis obrigatorios sobre o terreo. O Fondo Galego de Garantía Agraria, adscrito á Consellería do Medio Rural, efectúa o pago do 70% da axuda total, o máximo establecido pola Comisión Europea.

Cómpre engadir que as achegas da PAC son de gran interese para o sector primario, xa que contribúen a reducir as diferenzas entre a renda agraria e a urbana. Deste xeito, perseguen compensar aos agricultores e gandeiros pola súa prestación de servizos esenciais, co obxectivo de que poidan competir con outros países ao tempo que atenden ás esixencias específicas dos consumidores e consumidoras europeos.

Enlace á resolución no DOG

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información