Preston Wills, unha granxa de Nova Zelandia que cambiou o seu rabaño de ovellas por vacas de leite

Con 240 hectáreas de terreo en propiedade destinadas a produción intensiva de pasto, moxen 580 vacas, a maioría de raza kiwicross, con medias de produción de 30 litros cun 5,7% de graxa e un 4,1% de proteína. Entregan o leite á cooperativa Fonterra, da que son socios

Grant e o seu fillo Zeb, atendendo aos gandeiros galegos que visitaron a súa granxa a principios de decembro

Grant e o seu fillo Zeb, atendendo aos gandeiros galegos que visitaron a súa granxa a principios de decembro

Grant Wills, a súa muller Karo e o seu fillo Zeb son donos da granxa Preston Wills en Wakaito, na illa Norte de Nova Zelandia, unha potencia láctea a nivel internacional que veñen de coñecer un grupo de gandeiros galegos, nunha viaxe que contou co apoio económico da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. 

O caso concreto desta explotación axuda a entender a evolución do sector agrogandeiro no país maorí nas últimas décadas, nas que a reconversión de ganderías de ovino a vacún de leite fixo que Nova Zelandia se convertese nun dos actores principais do panorama lácteo internacional.

“Eu medrei nesta granxa. Fundárona os meus pais no ano 1931. Cando eu era cativo tiñamos ovellas de carne e en 1998 convertémola a vacas de leite. Aquí en Wakaito e na veciña Taranaki foi onde empezou a produción de leite en Nova Zelandia, pero foise estendendo despois a todo o país. A la agora véndese a 0,50 dólares, cando fai 30 anos se vendía a 3,50. É a razón pola que as ovellas se cambiaron polas vacas”, explica Grant.  

O 80% das vacas da granxa son kiwicross e o resto frisonas e jerseis puras

Teñen neste momento 580 vacas en produción e non fan recría, senón que mercan os animais necesarios para a reposición a outras granxas. “O noso sistema de traballo é diferente ao resto de explotacións porque nós non recriamos, senón que traemos xovencas primeirizas xa paridas, así evitamos pelexar cos becerros e xa chegan dando leite, polo que coñecemos os índices produtivos dos animais que incorporamos”, argumenta.

O 80% da súa cabana gandeira son vacas de raza kiwicross, un cruzamento de frisona (3/4 partes) con jersei (1/4 parte) que producen máis sólidos por quilo de peso vivo. “Son máis eficientes no sistema de pasto porque hai que alimentar un animal que pesa 80 ou 100 kg menos que unha frisona. Son vacas máis pequenas que machacan menos as pradeiras no inverno e que son máis fértiles”, describe.

O custo dunha xovenca de primeiro parto xa parida é duns 2.000 dólares neozelandeses (uns 1.100 euros)

Como non fan recría, inseminan todas as vacas con seme de carne: angus, charolés e hereford e os becerros son vendidos entre os 7 e os 10 días de vida. “Non temos touro, é todo inseminación artificial. Empezamos a inseminar as vacas a principios de xuño. Son 10 semanas de inseminación e a vaca que non empreña insemínase de novo en outubro”, explica Grant.

Adaptación ao cambio climático

As vacas da explotación, a maioría kiwicross, na sala de espera para muxírense

As vacas da explotación, a maioría kiwicross, na sala de espera para muxírense

A maioría de granxas de Nova Zelandia fan concentración de partos na primavera, pero Preston Wills prefire facer parir ás súas vacas no outono. Un dos motivos é que Fonterra, a quen entregan o leite, paga máis nos meses de inverno (13,5 dólares neozelandeses por kg de sólidos fronte aos 10 do resto do ano).

O cambio climático ofrécenos a oportunidade de producir leite no inverno

Outra razón, di, é que “a herba agora no verán xa non medra coma antes, mentres que no inverno medra mellor ca antes debido ao cambio climático, polo que cambiar a estación de partos é unha maneira de adaptarnos a el”, razoa.

Produción intensiva en base a pasto

PRESTON WILLS (Nova Zelandia) parcelas pastoreoPreston Wills manexa o seu rabaño en dous lotes, un por cada estación de partos, que se concentran nos meses de abril e outubro. Na primavera pariron este ano 190 animais, mentres que o groso das vacas, unhas 390, fixérono no outono.

A granxa dispón dunha superficie de 240 hectáreas de terreo, todas en propiedade e nunha peza. “Nesta zona o habitual é que os gandeiros sexamos os donos das terras”, explica. “O prezo para mercar anda polos 60.000 dólares a hectárea (33.000 euros) e os alugueres sitúanse nos 1.000€ por hectárea e ano”, detalla.    

O prezo da terra é duns 33.000€/ha e os alugueres de 1.000€

Das 240 hectáreas que teñen, 215 están a pradeira permanente e o seu uso principal é o pastoreo, con turnos de rotación no pasto de 22 días. Entran co gando nas parcelas con 2.800 kg de materia seca por hectárea (uns 26 centímetros) e saen cando as vacas a rebaixaron a 1.600 kg MS/ha (11 centímetros).

Dispoñen dunha foto de satélite cada 10 días para saber a cantidade de herba que teñen nas distintas parcelas

Miden a cantidade de herba que hai nas fincas mediante satélite e con herbómetro. “É máis preciso que o satélite pero hai que ir ver as fincas”, aclara Grant. Dispoñen tamén de tres puntos de mostreo onde segan e pesan a herba para facer medicións precisas.

Suplementación

Unha das zonas de medición do pasto, no que se calcula a cantidade de materia seca acumulada nas pradeiras

Unha das zonas de medición do pasto, no que se calcula a cantidade de materia seca acumulada nas pradeiras

A maiores do que as vacas pacen no prado, cando veñen a muxirse fanlles unha ración con carro mesturador que leva silo de herba, silo de millo, torta de palmister (subproduto da elaboración do aceite de palma importado de Indonesia e Malasia cun custo de 9 dólares neozelandeses a tonelada) e algo de soia.

Aínda que suplementamos as vacas dentro, a nosa prioridade é alimentalas a pasto

As vacas están no pasto desde as 7 da mañá ás 2 da tarde e desde as 4 da tarde hasta as 5 da mañá. A superficie de pasto está dividida en 162 parcelas e a distancia máxima que andan as vacas é de 1,8 km até a sala de muxido.

Moxen ás 5 da mañá e ás 2 da tarde e están 2 ou 3 persoas para muxir. Dispoñen dunha sala en espiña de peixe de 44 puntos con retiradores automáticos e porta selectora á saída do muxido con área de separación para inseminacións ou tratamentos. “Tardamos hora e media en muxir e logo inseminamos nas épocas do ano de inseminacións”, explica.

Colocan alfombras con sulfato de cobre á saída da sala para previr as coxeiras

Colocan tamén alfombras con tratamentos de sulfato de cobre á saída da sala para mellorar os cascos das vacas e previr as coxeiras. “A prevalencia está a ser máis alta este ano polas areas dos camiños cara os pastos. Estamos a ter unhas 10 vacas enfermas á semana das 580 que muximos”, recoñece Grant. 

Instalacións a cuberto para o inverno

Zona cuberta para o inverno, empregada tamén como patio de alimentación o resto do ano

Zona cuberta para o inverno, empregada tamén como patio de alimentación o resto do ano

A granxa conta cunhas instalacións a cuberto tipo invernadoiro da marca Herd Homes con teito de lona e malla de sombreo. Un aleiro exterior protexe a zona de comedeiro da chuvia e o chan ten parrillas para recoller o purín.

O uso deste tipo de instalacións está a avanzar como alternativa ás tradicionais parcelas de castigo ao aire libre

No inverno as vacas están dentro para protexer o pasto da compactación e no verán para favorecer a resembra natural. “No verán metémolas dentro para protexer o pasto residual de raigrás tetraploide”, explica.

No inverno as vacas están dentro para protexer o pasto da compactación e no verán para resgardalas do sol nas horas centrais do día

As pradeiras son maioritariamente de raigrás inglés e trevo blanco, a mestura máis habitual nos pastos neozelandeses. A zona recibe unhas precipitacións de 1.200 litros ao ano. A estación seca é de decembro a marzo.

No verán dan pasto pola noite, mentres que de día as vacas permanecen a cuberto alimentadas con comida en pesebre. “Non temos que secar vacas antes de tempo por perda de condición corporal”, asegura. 

Abonado

Os camiños de saída ao pasto nas 240 hectáreas de superficie discorren todos por fincas propias

Os camiños de saída ao pasto cara as 164 parcelas (240 hectáreas de superficie) discorren todos por fincas propias

Preston Wills fai análises de solos cada dous anos en todas as parcelas para determinar as necesidades nutricionais concretas de cada unha delas. “Miramos calcio e pH. Neste momento estamos en 5,5 e corriximos até 6,2”, detalla Grant.

A produción de pastos en Nova Zelandia baséase nun uso intensivo de fertilizantes químicos, con aportes regulares de nitróxeno. Os gandeiros están autorizados a botar 190 kg de nitróxeno por hectárea ao longo do ano e a cantidade empregada varía dunha granxa a outra. No caso concreto desta explotación, a campaña pasada botaron só 60 kg e este ano veñen de facer un aporte de 30 kg na primavera.

O purín é alto en potasio e usámolo para o millo

O computo non ten en conta os aportes dos excrementos das vacas nos pastos nin o purín xerado na granxa o tempo que os animais pasan a cuberto, que é separado nunha fracción sólida e outra líquida que, mesturada cos efluentes de lavar a sala de muxido é usado para fertirrigación con canóns de rego.  

O traballo agrario é subcontratado, tanto o de facer o silo de herba como o de labrar e ensilar o millo. Botan 25 hectáreas e con el obteñen unhas 600 toneladas de silo para a ración.

Coidado do medio ambiente

Plantaron vexetación de ribeira nas fincas para protexer os cauces fluviais

Plantaron vexetación de ribeira nas fincas para protexer os cauces fluviais

O uso de abonos químicos e de herbicidas en grandes cantidades está a provocar problemas medioambientais en amplas zonas do país, o que levou ao anterior Goberno progresista a lexislar para tratar de conter a contaminación xerada polas granxas, máis o actual Executivo de corte conservador está a revisar distintos aspectos da normativa aprobada.

O uso de herbicidas é habitual no entorno dos cauces fluviais, sen manter distancias de seguridade

Cunha lexislación bastante laxa en materia de augas, uso de purís e fertilizantes químicos ou emprego de fitosanitarios, o maior o menor grao de coidado ambiental depende en boa medida da conciencia de cada gandeiro.

Grant defende a compatibilidade da produción leiteira coa conservación do entorno. “Nós queremos que a calidade da auga dos cauces fluviais que atravesan as nosas fincas sexa mellor despois de pasar pola nosa granxa do que o era ao chegar a ela”, di. Para iso puxeron plantas nativas no bordo dos ríos, canais e regatos que pasan polas súas 240 hectáreas. “Antes había subvencións para iso, pero agora facémolo pola nosa conta”, explica.

A conciencia ambiental dos gandeiros é polo xeral baixa, o que provoca enfrontamentos coa poboación urbana do país

Todas as parcelas teñen bebedoiros con auga para as vacas pero “sobre todo beben moito ao chegar ao establo cando lles damos a comida”, asegura. “O noso obxectivo é que cada 5 horas as vacas poidan beber todo o que necesitan”, razoa.

Sharemilking: o sistema neozelandés de relevo xeracional mediante o reparto do cheque do leite

Instalacións de muxido, que son propiedade de Grant, ao igual que as vacas e as terras

Instalacións de muxido, que son propiedade de Grant, ao igual que as vacas e as terras

O relevo xeracional (tanto dentro do ámbito familiar como fóra del) conta en Nova Zelandia cunha fórmula específica denominada sharemilking (muxido compartido) no que a través de contratos prorrogables de 3 anos de duración o dono da granxa e a persoa que o releva na explotación convértense en socios, repartíndose o cheque do leite en función do aportado por cada un deles (terras, instalacións, maquinaria, man de obra, gando, etc).

É Zeb, o fillo de Grant e Karo, quen leva a granxa coa axuda de 3 empregados contratados, que atenden tamén outra granxa próxima na que Zeb é socio ao 50%. No caso da granxa familiar, o reparto de ingresos é ao 25% para Zeb e ao 75% para os seus pais, aínda que o seguinte paso será pasar tamén a un 50%-50% unha vez que Zeb merque as vacas que hai na explotación. Neste momento os pais aportan á sociedade as terras, o establo, a sala de muxido, a maquinaria e as vacas, mentres que o fillo pon a man de obra (o seu traballo e os salarios dos empregados).

En Nova Zelandia os fillos non herdan as granxas, senón que teñen que mercárllelas aos pais

Os tres traballadores que teñen son neozelandeses pero non é o habitual. Nas granxas vense sobre todo operarios procedentes da India, de países do sudeste asiático (Indonesia, Malasia, Filipinas) ou de suramérica (Arxentina). O salario do empregado máis baixo é de 60.000 dólares brutos ao ano (33.000€) e os horarios e quendas de libranza varían ao longo do ano, en función da tempada de partos.

Os turnos máis habituais nas granxas para os empregados son 11 días de traballo seguidos e logo 3 días de libranza

Nas épocas de máis traballo os turnos máis habituais nas granxas son de 11 días de traballo seguidos e 3 de libranza, aínda que en épocas máis frouxas poden ser de 9-3 ou de 8-2. As explotacións leiteiras neozelandesas buscan altas produtividades laborais, con cargas de traballo medias de 250 vacas por empregado. 

Gandeiros-empresarios transformadores do seu propio leite

Sala de muxido

Sala de muxido en forma de espiña de peixe de 44 puntos

A granxa da familia Wills é socia da cooperativa Fonterra, a principal empresa láctea do país, que recolle e transforma o 80% da produción neozelandesa. Esta situación permítelle fixar o prezo do leite  en todo o país, sendo a referencia para o resto de industrias, que sen embargo nos últimos anos fóronlle arañando cota de mercado favorecidas por unha regulación estatal antimonopolio.

Os gandeiros que son accionistas de Fonterra reciben anualmente un pago por beneficios da empresa en función do leite entregado

Como accionista, Grant recibe un pago por acción que varía cada ano en función do leite entregado (1 acción por cada 3 kg de sólidos entregados) e os beneficios obtidos pola empresa. Con eses condicionantes, o pago aos gandeiros socios é moi variable. Para este ano está fixado en 65 céntimos de dólar neozelandés (36 céntimos de euro) pero na campaña pasada foi de 1 dólar (0,55 céntimos de euro) polos ingresos das vendas de fábricas que Fonterra está a facer fóra de Nova Zelandia (Rusia, Suramérica, etc) e por ese motivo tamén prevese que os pagos se incrementen nos vindeiros anos até os 2 dólares (1,10 euros).  

Todas as industrias lácteas de Nova Zelandia, dunha maneira ou doutra, teñen un dono en China

Malia que os beneficios obtidos por Fonterra revirten directamente nos seus gandeiros socios, Grant recoñece que “en realidade, dunha maneira ou doutra, todas as industrias de Nova Zelandia teñen un dono en China”.

En función da demanda, o leite de Preston Wills vai até para 7 fábricas de Fonterra diferentes

En función da demanda, o leite de Preston Wills pode ir até para 7 fábricas de Fonterra diferentes

De feito, o destino do leite que produce Preston Wills depende en boa medida da demanda do mercado internacional, que monopoliza China (acapara a metade das 60 millóns de toneladas de leite de vaca que se moven no mercado internacional cada ano).

“Toda a nosa produción de inverno vai para leite UHT de consumo interno, pero a de primavera destínase a produtos industriais. O camión cisterna de Fonterra recolle o leite ao mediodía na nosa granxa e en función dos contratos internacionais que a compañía teña en cada momento e dos prezos de mercado existentes o noso leite pode ir a 7 plantas diferentes, especializadas cada unha delas na fabricación de distintos produtos”, explica Grant.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información