Presión a Central Lechera Asturiana, Lactalis, Carrefour, Gadis e Alcampo para que suban o prezo do leite

O sindicato Unións Agrarias denuncia a difícil situación pola que atravesan as ganderías de vacún de leite debido ao incremento dos custos de produción -3 céntimos máis por litro nos últimos meses-, que só algunhas industrias e cadeas de distribución paliaron en parte subindo o prezo do leite. A organización anuncia accións para que o resto de cadeas apliquen tamén esta suba

Presión a Central Lechera Asturiana, Lactalis, Carrefour, Gadis e Alcampo para que suban o prezo do leite

Roberto García e Félix Porto

Unións Agrarias anuncia unha serie de accións ao longo deste mes para que toda a gran industria láctea e as principais cadeas de comercialización suban o prezo do leite, de forma que este incremento se traslade ao prezo que se lle paga ao gandeiro.

Así o anunciaron esta mañá en rolda de prensa Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias, e Félix Porto, responsable de Coordinación Sectorial e Área Externa da organización.

“Hoxe de media a unha gandería galega cóstallle 2,85 céntimos de euros máis que a comezos de ano producir un litro de leite debido á suba dos custos de producón (pensos, factura eléctrica e costes salariais), o que pon nunha situación económica moi difícil a moitas ganderías”, explicou Félix Porto.

Para compensar este incremento dos custos de produción -e cumprir a Ley de la Cadena Alimentaria, que prohibe a venda a perdas-, Unións leva mantido nos últimos meses reunións tanto coa administración, como coa industria e coa distribución para que estas dúas partes da cadea apliquen subas no prezo do leite e as trasladen á remuneración que percibe o gandeiro.

Sen embargo, así como a suba dos costes de produción estana sufrindo os gandeiros de forma rápida e dircecta, a suba no prezo do leite é máis lenta e desigual.

Así, Roberto García informou de que “neste momento tres grandes cadeas de distribución, Mercadona, Vegalsa Eroski e Lidl, concretaron públicamente ir facendo de aquí a final de ano un incremento do prezo de venda ao consumidor do seu leite de marca branca, a onde se destina aproximadamente o 25% do leite galego”.

E na parte da industria, anunciaron subas a partir do recibo de xullo as industrias lácteas Pascual ( 1 céntimo máis por litro), CLUN ( 1 céntimo máis tamén), Naturleite (2 céntimos) e Celta, esta sen concretar. “A partir do 23 deste mes, cando os gandeiros reciben o diñeiro do leite de xullo, comprobaremos se cumpren o seu anuncio”, advertiu .

Presión a Central Lechera Asturiana, a Lactalis, Gadis, Carrefour e Alcampo para que tamén suban o prezo do leite

Porén, o secretario xeral de Unións Agrarias recoñeceu que esta suba -insuficiente para compensar o incremento dos custos- non foi aínda acordada por unha parte importante da industria láctea e da distribución. “En concreto, por parte da industria non sabemos nada de Central Lechera Asturiana, que recolle a maior parte do seu leite en Galicia, e que llo paga aos gandeiros galegos 3 céntimos menos que aos asturianos, e Lactalis, que na proposta de renovación de contratos anuais estalle traslando aos produtores o mesmo prezo que a comezos de ano. E por parte da distribución non temos información de que Gadis, Carrefour e Alcampo se sumen ao incremento do prezo do leite, e o deixen de empregar como produto reclamo”, advertiu.

Ante estas situación, Roberto García anunciou que nos próximos días Unións Agrarias presionará para que “os consumidores castiguen na cesta da compra a aqueles que seguen xogando cos produtores de leite”. Ademais, na parte da industria advirte a CLAS e a Lactalis de que presentará unha denuncia ante a Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) por incumprimento da lei de cadea.

Por último, o secretario xeral de Unións anunciou que volcarán os datos das 2.500 explotacións de vacún de leite agrupadas en ULEGA -a organización de produtores lácteos vinculada ao sindicato- na plataforma CONTA LÁCTEA creada pola Xunta de Galicia “para demostrar que se está pagando o leite aos gandeiros por debaixo dos custos de produción”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información