Preséntase o programa da II edición do Atlante Wine Forum

Publicidade
Publicidade
Preséntase o programa da II edición do Atlante Wine Forum

Xoán Cannas e Laura Iglesias

Data inicio: 18/04/2016
Data fin: 18/04/2016
Lugar: Afundacion Vigo, Rúa Policarpo Sanz, Vigo, España

O Atlante Wine Forum, que terá lugar o luns 18 de abril na sede de Afundación de Vigo, é unha xornada de encontro e formación con relatorios e talleres a cargo de personalidades do máximo prestixio internacional. Sarah Jane Evans, presidenta do Instituto Master of Wine; Sarah Ahmed, de The Wine Detective; Ferrán Centelles, xefe de catadores do Bulli; ou Breatriz Machado, Wine Director de The Yeatman Hotel, serán algúns dos relatores de renome internacional que intervirán na xornada

A concelleira de de Turismo e Festas do Concello de Vigo, Laura Iglesias, e o director do Instituto Galego do Viño, Xoán Cannas, presentaron este luns, no Concello de Vigo, o programa deste evento que cumpre este ano a súa segunda edición.

Cannas destacou que «os nove relatores que se desprazarán á cidade olívica para o evento pertencen á elite mundial do viño». Viticultores e adegueiros, catadores, barmen, maîtres e responsables de sala, empresarios do enoturismo, distribuidores e tamén profesores e alumnos de centros de formación especializados do noroeste de España e do norte de Portugal son os destinatarios desta xornada na que poderán analizar conxuntamente os retos e posibilidades do mundo do viño. O obxectivo é xerar o ambiente académico propicio para o intercambio de experiencias entre profesionais e o descubrimento de novas liñas de desenvolvemento empresarial.

Programa

O foro abrirá as súas portas o luns 1 8 de abril, ás 08.30 horas. “Unha nova era nos viños Atlánticos de Portugal. Apostando por frescura, menor alcol e mineralidade”, será o relatorio coa que Sarah Ahmed inaugurará a xornada.

Xoán Cannas continuará a rolda de intervencións cun relatorio sobre “Os grandes viños históricos do Atlántico: ondas, salitre e vento”. “O catador e a importancia dunha nova comunicación do viño” será o título da charla que ofrecerá Ferrán Centelles.

Na primeira quenda de masterclass en paralelo, Roger Viusá falará de “Viños Naturais: paisaxe e sinceridade”; César Ruíz trasladaranos a “Bordeus, a influencia do clima Atlántico” e Sarah Jane Evans explicará “Que é un Viño Atlántico?: orixes, variedades, tendencias e riscos”.

Na sesión de tarde terán lugar dúas novas roldas de masterclass simultáneas. Na primeira os asistentes poderán escoller entre escoitar a disertación de César Ruíz sobre “O río Loira, unha viaxe desde o océano ao Macizo Central”; Sarah Ahmed, falando de viños australianos no seu taller titulado “Unha nova tipoloxía de viños Australianos competindo no mercado cos viños Atlánticos”; ou Beatriz Machado, explicando as claves do “Enoturismo en Porto e Douro: mellores prácticas para o desenvolvemento do noso potencial”.

Na segunda deberán elixir entre unha masterclass sobre “Protección de Cultivos: un mundo en cambio”, a cargo de Hugo Soares; “De Canarias a Cantabria entre viños naturais”, un taller sobre viños naturais impartido por Roger Viusá; ou a intervención de Ferrán Centelles sobre “Tendencias mundiais no servizo do viño. Harmonías”.

Ao concluír as masterclass terá lugar unha mesa redonda centrada en “Como construír unha oferta enoturística de éxito en Galicia?”, na que intervirán Beatriz Machado, Beatriz Vergara e Xoán Cannas.

Ao finalizar o debate, como colofón de peche do Atlante Wine Forum 2016 Sarah Jane Evans ofrecerá un relatorio na que abordará “Como os viños galegos poden loitar no mercado globa?l”.

As entradas para o Atlante Wine Forum pódense adquirir na web www.atlantewineforum.com O prezo da entrada en venda anticipada (ata o 10 de abril) é de 65 €. A partir do 10 de abril a inscrición ordinaria será de 100 €/persoa

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información