Preséntase a Asociación de Viticultura Valdolimia para recuperar a tradición vitícola da Baixa Limia

Publicidade

VAL DO LIMIA ASOCIACION VITICULTURA 1O pasado sábado, a Biblioteca de Entrimo acolleu a presentación da nova Asociación de Viticultura Valdolimia, nun acto organizado pola Asociación Galega de Viticultura (AGV). Este novo colectivo nace coa vontade de impulsar a recuperación da viticultura na comarca do Val do Limia, unha zona que, a día de hoxe, segue pendente de obter un recoñecemento oficial dentro do sector vitivinícola galego.

A iniciativa foi recibida con gran interese, xa que o obxectivo a medio prazo é traballar para lograr a creación dunha Indicación Xeográfica Protexida (IXP) para os viños da zona. Segundo destacou o presidente da AGV, Roberto Rivas, “o primeiro paso fundamental é crear unha adega ou unha cooperativa que permita que os viños do Val do Limia cheguen ao mercado, para que se recoñeza a riqueza da zona e as institucións vexan o interese por desenvolver este proxecto”.

No evento participaron destacados expertos do sector, como Francisco Rego e Xosé Manuel González Vilas, quen puxeron en valor o potencial vitivinícola do Val do Limia, así como a diversidade de variedades de uva que se atopan na rexión. González Vilas resaltou ademais o papel da AGV no impulso doutras zonas vitivinícolas galegas, como a IXP Ribeiras do Morrazo e a IXP Terras do Navia.

A xornada rematou cunha cata de viños dirixida polo presidente da AGV, Roberto Rivas, e o secretario da asociación, José Crusat. Durante a sesión, os asistentes tiveron a oportunidade de descubrir e degustar variedades pouco coñecidas de viños galegos, algunhas delas presentes no Val do Limia.

A Asociación de Viticultura Valdolimia inicia así un camiño que busca consolidar o sector vitivinícola na comarca, promovendo proxectos comerciais e traballando cara ao recoñecemento oficial desta zona como unha referencia dentro da viticultura galega.

VAL DO LIMIA ASOCIACION VITICULTURA 2

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información