Preséntanse os premios Xardín Galego na Mostra de Cultivos do Baixo Miño

O concurso foi presentado na primeira xornada do evento, que se celebra en Tomiño ata este domingo

Publicidade
Preséntanse os premios Xardín Galego na Mostra de Cultivos do Baixo Miño

Mostra de Cultivos do Baixo Miño, no pavillón de Goián, en Tomiño.

Os premios Xardín Galego, convocados pola Asociación Galega de Xardinería e a Asociación de Cultivos do Baixo Miño (AcuBam), nacen para recoñecer e difundir actuacións exemplares na execución de traballos de xardinería pública e privada realizados en Galicia por empresas e autónomos galegos. “Son un paso máis neste camiño de colaboración que comezou fai ano e medio, cando Agaexar e AcuBam vimos que tiñamos problemáticas parecidas e logros comúns aos que queriamos chegar”, explicou Óscar Vázquez, secretario de AcuBam, durante a presentación dos premios este venres 2 de febreiro na XV Mostra de Cultivos do Baixo Miño.

A Mostra, organizada de forma conxunta por AcuBam e polo Concello de Tomiño, estará aberta ao público profesional e ao público en xeral ata o domingo 4 de marzo no pavillón municipal de Goián.

En canto ós premios Xardín Galego, o xurado valorará todos aqueles traballos realizados en Galicia e finalizados no 2018. Terase en conta que lle dean prioridade ao uso de material vexetal fronte a materiais inertes, que teñan preferencia polo material vexetal producido en Galicia e os criterios de sustentabilidade aplicados á obra, así como o deseño, creatividade, orixinalidade ou composición vexetal, combinación de especies, textura e cor.

Os interesados poderán presentar os seus traballos ata o 31 de xaneiro de 2019, un único traballo por participante, enviando ao enderezo electrónico info@agaexar.gal a ficha cos datos do candidato, a declaración escrita que garanta a autoría da obra presentada, fotografías xerais e de detalle co antes e o despois da intervención e unha memoria descritiva do proxecto realizado.

O gañador coñecerase durante a celebración da vindeira edición da Mostra, no 2019, onde tamén haberá unha mostra coas fotografías dos proxectos participantes. Trátase dun premio co que “potenciar o sector”, como asegurou o presidente de Agaexar, Víctor Pérez, e un xeito máis de “camiñar cara a profesionalización do sector, poñéndoo en valor”, salientou a presidenta de AcuBam, Patricia Rodríguez.

AcuBam Innovación
Para non quedarse atrás e seguir camiñando cara o futuro, a Mostra aposta dende hai tres anos pola innovación cun espazo dedicado aos novos produtos, proxectos e maquinaria que as empresas da comarca introducen no sector. Entre a tecnificación, presentouse unha máquina que facilita a clasificación de kiwi segundo a súa calidade interna, mediante tecnoloxía óptica penetrante e non destrutiva, un novo cortacéspede silencioso, un xerador de micro burbullas ou unha aspiradora que recolle as sementes que se coan entre as mallas nos viveiros. Tamén se presentou un proxecto sobre a xestión sostible dos recursos naturais mediante o cultivo e análise da maceira e o aguacate no Baixo Miño.

Xornadas de sábado 3 e domingo 4 da Mostra
A Mostra de Cultivos do Baixo Miño, que conta cunha trintena de expositores, principalmente de planta ornamental e flor, terá este sábado 3 unha xornada sobre a auga no rural, da man da asociación Coxapo. Esa mesma tarde tamén se poderá participar nun obradoiro de empregabilidade e noutro de xardinería ecolóxica impartido pola Fundación Sales e a Asociación de Jardinería Ecológica.

Para todos os públicos será tamén a xornada do domingo 4 de marzo, na que durante todo o día haberá actividades lúdicas para desfrutar en familia, como talleres ecolóxicos, probas físicas, obradoiros de reciclaxe e xogos tradicionais, cos que se tentará espertar entre os e as participantes a curiosidade polo agro.

Esta mesma xornada tamén terá un marcado tinte social, coa posta en marcha dun stand na que o alumnado do centro de educación especial San Xerome, de A Guarda, venderá os produtos doados polo resto de participantes para recadar fondos para a reforma dunha bañeira terapéutica da entidade. A Mostra rematará ademais cun concerto do grupo Rock Percusión (18.00 h), integrado por alunado deste mesmo centro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información