Presentan unha guía técnica de solucións innovadoras en madeira estrutural

A publicación quere dar a coñecer as posibilidades da construción con madeira estrutural. Inclúe 21 obras galegas construídas con madeira nos últimos anos e recoñecidas pola súa calidade arquitectónica

Presentan unha guía técnica de solucións innovadoras en madeira estrutural

O conselleiro de Medio Rural, José González, este venres durante a presentación da guía.

A Xunta presentou este venres a guía técnica “Solucións innovadoras en madeira estrutural na arquitectura galega actual”, que ten como obxectivo difundir as posibilidades da construción con madeira estrutural e as súas calidades. A publicación é froito da colaboración entre a Administración e a Plataforma de Enxeñería de Madeira Estrutural (Pemade) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), no marco do convenio asinado en 2019 para a posta en valor de especies forestais de crecemento en Galicia e a promoción da madeira na construción.

A guía inclúe un total de 21 obras galegas construídas con madeira nos últimos cinco anos, recoñecidas pola súa calidade arquitectónica e nas que se utilizou un sistema estrutural de madeira de deseño innovador ou produtos estruturais de madeira innovadores en si mesmos. A finalidade é promover unha maior demanda deste tipo de produtos e que, xunto coa competitividade en prezo por menor transporte e o incremento de concienciación sobre o consumo máis responsable, xere a implantación de máis industria local para a fabricación de produtos de madeira técnica con madeira de Galicia. Unha madeira técnica pode chegar a triplicar o valor doutros produtos da industria forestal, co correspondente incremento da repartición de rendas aos habitantes do rural galego.

Construíndo con madeira

Na presentación déronse a coñecer algunhas desas obras realizadas en madeira. En concreto, o Centro de Urxencias Extrahospitalarias da Laracha, o edificio Impulso Verde en Lugo e a sede de servizos centrais de FINSA en Santiago, como exemplos de obra nova. Tamén a rehabilitación da á sur do conxunto de San Domingos de Bonaval en Compostela e da sede institucional e de I+D+i da Universidade de Vigo. No eido residencial, coñecéronse as características de distintas vivendas -tanto de obra nova como rehabilitadas- así como a rehabilitación da pensión Abeiro da Loba, en Sobrado.

No marco do impulso á construción en madeira, o conselleiro de Medio Rural, José González, lembrou a convocatoria o ano pasado de 2,6 millóns de euros en axudas dirixidas a apoiar proxectos e obras que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais, que se veñen de resolver con 164 beneficiarios. Así mesmo, mencionou os convenios asinados pola Consellería do Medio Rural coa de Sanidade e coa de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, para o fomento da madeira en centros de saúde ou en obras de restauración do patrimonio galego; sen esquecer a construción en madeira das novas Bases de Unidades Operativas do Servizo de prevención e extinción de incendios forestais.

A Axenda de impulso da industria forestal-madeira

A guía técnica desenvólvese dentro da Axenda de impulso da industria forestal-madeira, unha folla de ruta contemplada dentro do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” e deseñada conxuntamente cos principais axentes deste eido para potenciar o sector e impulsar a bioeconomía como motor de competitividade, favorecendo unha sociedade saudable, neutra en carbono, baseada no emprego verde e no consumo de produtos locais.

Para acadar estes obxectivos, definíronse catro eixes fundamentais, relativos á mellora do capital humano a través da formación, ao impulso da innovación, á cooperación e valorización e á competitividade, desenvolvemento e diversificación do sector. A través destes eixes e dun orzamento de 55,5 millóns de euros, a Axenda prevé mobilizar preto de 140 millóns de euros no reforzo da competitividade e da modernización dun sector clave no ámbito rural.

José González apuntou que tamén se está traballando na posta en marcha dun Plan estratéxico da industria forestal-madeira, unha demanda do propio sector que acabará por aliñar o Plan forestal coas necesidades da industria, conectando recurso e produto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información