Presentan Smartz4Milk, un proxecto con case 17 millóns de orzamento para modernizar a industria láctea galega

CLUSAGA Alfonso Rueda Smartz4MilkHoxe tivo lugar en Santiago de Compostela o acto inaugural do proxecto Smartz4Milk “Cadea de valor láctea intelixente, trazable, sustentable e conectada”. Este proxecto busca incrementar a competitividade, sustentabilidade e resiliencia do sector lácteo galego, cun investimento total de 16,8 millóns de euros e unha axuda concedida de 9,7 millóns de euros, financiada polo Ministerio de Industria e Turismo (MINTUR) e a Unión Europea a través dos fondos Next Generation EU.

O acto foi inaugurado por Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia, e Juanjo De la Cerda, CEO de Clusaga, quen destacaron a importancia estratéxica desta iniciativa para o desenvolvemento sustentable e a innovación en Galicia e o futuro do sector lácteo.

Neste sentido, Alfonso Rueda, presidente da Xunta, valorou que “iniciativas coma esta permiten, ao mesmo tempo que se moderniza a industria, ofrecer un produto de calidade aos consumidores e ser exemplo de que se pode avanzar mentres se protexe o medio ambiente”. Puxo en valor, ademais, a especial relevancia que ten que Galicia lidere este proxecto, en tanto é a primeira rexión produtora de leite en España e concentra a máis da metade dos gandeiros do país.

Pola súa banda, Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia apuntou que “este é un verdadeiro exemplo do que toda unha industria unida e co apoio do Goberno pode conseguir, creando sinerxías entre o mundo académico, científico, económico e industrial que desembocan en beneficio de todas e todos os galegos” Ademais, subliñou o retos que ten por diante o sector agroalimentario galego “referente en Europa”, como o de camiñar cara a modelos de produción sustentables, competitivos e rendibles.

Juanjo De La  Cerda, Ceo de Clusaga afirmou que “esta iniciativa representa non só un avance significativo na tecnoloxía e sustentabilidade do sector lácteo, senón tamén unha visión audaz cara ao futuro da nosa industria. Clusaga busca así situar a Galicia como un referente na industria alimentaria global, promovendo a innovación, a adopción de tecnoloxías avanzadas e as prácticas que reduzan o impacto ambiental; e fomentando un ecosistema de innovación dinámico e colaborativo”.

clusaga Smartz4Milk

Colaboradores e os seus roles en Smartz4Milk

Despois da benvida institucional, os socios do consorcio do proxecto tomaron a palabra. Baixo a moderación de representantes de Medrar Smart Solution e do Clúster Alimentario de Galicia, debulláronse os obxectivos específicos do proxecto, que se executarán até xuño de 2025 centrándose no tres eixos fundamentais: sustentabilidade, dixitalización e trazabilidade.

Neste sentido, cada unha das empresas socias desempeña un papel crucial na implementación e éxito das metas establecidas para fortalecer e transformar o sector lácteo galego. Grupo Lence, como empresa líder, coordina as actividades globais, desenvolve produtos sustentables e mellora a xestión integral mediante tecnoloxía avanzada; CAPSA FOOD céntrase na investigación de materiais sustentables para envases lácteos, descarboniza procesos usando insectos e microalgas, e desprega ferramentas de dixitalización e intelixencia artificial; Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) desenvolve e implementa sistemas para a automatización e dixitalización da cooperativa co obxectivo de crear unha cadea valor láctea intelixente, trazable, sustentable e conectada; Agrupación de Cooperativas Lácteas (ACOLACT) traballa na recuperación de nutrientes e subproductos, reduce o uso de auga e minimiza a pegada de carbono con sistemas pechados de refrixeración; Bico de Xeado (CAP Coruña) desenvolve sistemas de xestión integral, implementa sensórica avanzada para control de calidade e seguridade; Queizuar introduce sistemas de hixienización industrial sustentables e control en tempo real para mellorar a trazabilidade e seguridade alimentaria; e Queixería Prestes aproveita subproductos lácteos, desenvolve bioplásticos e sistemas de envasado de última xeración.

En canto ás empresas tecnolóxicas, Grupo AMSlab utiliza técnicas de proteómica para garantir a calidade e trazabilidad das proteínas lácteas; ASM Soft desenvolve plataformas para captación e integración de datos industriais en tempo real; PLEXUS TECH desenvolve unha plataforma global baseada en blockchain para asegurar a trazabilidade; e SIXTEMA crea ferramentas para o monitoreo de datos de calidade e seguridade alimentaria.

Ademais, universidades e centros de investigación como a Universidade de Vigo, a Universidade de Santiago de Compostela e o Centro Tecnolóxico de Galicia (ITG) son claves no desenvolvemento tecnolóxico, achegando coñecemento científico e soporte técnico. O proxecto tamén conta coa participación de 40 empresas tecnolóxicas de toda España.

Mesa redonda e análise do sector

Durante o acto, representantes da Organización Interprofesional Láctea (INLAC), a Asociación Española de Codificación Comercial (AECOC), a Federación Española de Industrias de Alimentación y Bebidas (FIAB) e a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) participaron nunha mesa redonda, analizando as claves do futuro da cadea de valor láctea.

A xornada concluíu cunha exposición sobre as oportunidades derivadas da segunda convocatoria do PERTE Agroalimentario, presentada polo director da Oficina Técnica do Comisionado especial para o PERTE Agroalimentario, Galo Gutiérrez, que ofreceu información sobre novas oportunidades de financiamiento e apoio para as empresas do sector, ademais de valorar positivamente o proxecto Smartz4Milk. Gutiérrez anunciou que “o proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica (PERTE) Agro 2 abrirá o prazo para presentar os proxectos en setembro”. Ademais, confirmou que dentro deste PERTE outorgaranse 100 millóns de euros en subvencións, aos que se sumarán outros 200 millóns máis en forma de préstamos noutra convocatoria.

Tras a sesión pública, os membros do consorcio celebraron unha reunión de traballo co Comité Consultivo de Smartz4milk para analizar as actuacións xa realizadas, discutir os próximos pasos e as estratexias de implementación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información