Presentan o primeiro viño da Ribeira Sacra elaborado coa variedade Branco Lexítimo

Publicidade
Presentan o primeiro viño da Ribeira Sacra elaborado coa variedade Branco Lexítimo

Ponte da Boga, adega emblemática da Ribeira Sacra acaba de presentar “B”, Branco Lexítimo, o primeiro viño desta variedade de uva nesta Denominación de Orixe.

Trátase dunha variedade case extinguida desde hai medio século e que os enólogos da adega decidiron estudar nunha parcela experimental posta en marcha hai case 10 anos. Tras anos de investigación e experimentación para obter o maior potencial desta uva no viñedo, dáse a coñecer o seu viño, un novo branco galego destinado a quen sintan a atracción por coñecer esta “nova” variedade tradicional, practicamente desaparecida até agora.

“B2 Colleita 2019, é froito 100% da perfumada e escasa variedade de uva Branco Lexítimo, proveniente dunha parcela situada a 500 mts de altitude no corazón da Ribeira Sacra. Esta primeira e exclusiva elaboración de tan só 1750 botellas, pasou por unha maceración en frío, prensado e posterior fermentación en depósito de aceiro e barrica de carballo, seguida dunha crianza sobre lías de 5 meses.

O resultado é un viño amarelo verdoso pálido, de gran intensidade aromática no que as notas cítricas se superpoñen con flores brancas e froitas de óso, mesturadas con notas lixeirísimamente torradas e afumadas. En boca achéganos toques a lima, laranxa ou albaricoque. Ponte da Boga Branco Lexítimo é perfecto para acompañar peixes, aves e mariscos.

Este exclusivo viño está etiquetado empregando Mineral Paper, libre do emprego de cloro, auga e pasta de madeira. A etiqueta está protagonizada por unha pegada dixital en verde, que metafóricamente representa tanto o carácter único desta variedade, como o esforzo e talento empregados para a súa supervivencia e vinificación. Adicionalmente, grazas ao emprego de tintas termoreactivas, cando o viño alcanza a súa temperatura óptima de consumo, a etiqueta desvela as coordenadas onde se sitúa a parcela da Ribeira Sacra da que proceden as uvas.

Branco Lexítimo

Este tipo de uva forma parte das variedades tradicionais do noroeste da Península Ibérica. Branco Lexítimo asóciase en Galicia especialmente a zona de Betanzos, aínda que outras zonas contaron con esta variedade, pero foi sempre de cultivo escaso.

Desde hai aproximadamente 10 anos, o empeño de institucións como a Fundación Juana de Veiga e investigadores de EVEGA, CSIC e USC, así como de adegas con vocación recuperadora como Ponte da Boga, dirixiuse ao estudo da caracterización desta variedade de uva, concluíndo o seu enorme potencial para a elaboración de viños brancos de calidade debido á súa alta concentración en compostos aromáticos.

Todo este traballo desembocou na recente inscrición de Branco Lexítimo, tamén coñecido como Raposo na Barbanza e Albarín Branco en Asturias, no Rexistro de variedades comerciais e como variedade preferente na DO Ribeira Sacra.

Vendima 2020

Estes días Ponte da Boga está a realizar os últimos traballos para dar por concluída a campaña de vendima 2020 que arroxa un balance de 330.000 Kg de uva de sete variedades diferentes, Mencía, Brancellao, Merenzao e Sousón en tintas. Godello, Albarño ou e Branco Lexlítimo en brancas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información