Porto do Son acolle este venres 17 a presentación do proxecto Laboratorio Ecosocial do Barbanza. Trátase dunha iniciativa que pretende articular e afianzar propostas ecoagroinnovadoras baseadas en alternativas de futuro máis sustentables, asentadas en saberes históricos e actuais da biorregión.
O proxecto pretende xerar un espazo multidisciplinar que propicie o diálogo entre axentes e comunidades, aberto ao intercambio de coñecementos desde o que construír procesos que melloren a resiliencia do territorio, tanto desde o punto de vista económico, social como ambiental.
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza desenvolverase até o 2021 na biorrexión do Barbanza que comprende aos municipios e ás comunidades de montes en mancomún de Rianxo, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Lousame, Porto do Son e Dodro.
Fases do proxecto
A proposta contempla 2 fases de actuación: unha de investigación e outra de acción. Na primeira delas recompilaranse manexos históricos sustentables que poidan ser utilizados ou recuperados para empregar en resposta ás necesidades actuais. Para iso realizarán 3 estudos de caso na comarca mediante procesos de escoita derivados da participación da poboación e que estarán abertos tamén a incorporar demandas cidadás. Para terminar a primeira fase contemplan realizar un Atlas de aproveitamentos sustentables no que se incluirán os coñecementos adquiridos e as propostas.
Na segunda fase impulsaranse Proxectos Semente, unha serie de accións e proxectos baseadas nas investigacións previas e que recibirán unha dotación económica para a súa posta en marcha.
Ademais, a iniciativa busca ser unha ferramenta replicable e aberta á cidadanía polo que contarán con distintas canles de comunicación para poder seguir o proxecto. En concreto disporán dun blog no que publicarán periodicamente información de actualidade, anunciarán as actividades programadas e recompilarán os resultados das investigacións. Tamén empregarán distintas redes sociais, como Facebook ou Instagram, para promover a interacción coa poboación.
Colaboración de entidades
O proxecto, financiado pola Fundación Banco Santander, está impulsado pola Fundación Rede de Innovación Arousa (RIA) en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) a través do grupo Histagra e conta co apoio da Cátedra Juana de Vega.
A Fundación RIA, que organiza e dirixe a iniciativa, traballou os últimos 3 anos sobre o coñecemento do territorio do Barbanza e a Ría de Arousa e dos actores que viven, traballan e estudan no lugar. Coa alianza coa Universidade de Santiago de Compostela, a través do grupo Histagra pretenden articular unha innovadora proposta de investigación e acción na comarca. A Cátedra Juana de Vega, impulsada pola fundación do mesmo nome, apoiará a actividade investigadora a través do convenio de colaboración que mantén coa USC.