Presentan a asociación de produtores Berries Galicia

O colectivo pretende lograr unha comercialización máis directa e ofrecer ó consumidor froitos de calidade e galegos. Suman xa 15 asociados das provincias de Pontevedra e A Coruña. Programan unha feira para dar a coñecer os seus produtos

Publicidade
Presentan a asociación de produtores Berries Galicia

Eladio Cuíña, Ramiro Touceda, Javier Agrelo, Anxos Pais, Óscar Durán e Carlos Vieites na presentación da asociación.

Berries Galicia é unha nova asociación de produtores que busca chegar dun xeito máis directo ó consumidor para ofrecerlle un produto de maior calidade e galego. O colectivo, que se presentou este martes na Estrada (Pontevedra), escolleu como nome e marca rexistrada, Berris Galicia posto que están especializados neste tipo de froitos, entre os que se inclúen amorodos, arandos, framboesas, grosellas ou amoras.

Polo momento contan xa con 15 asociados con plantacións na Estrada, Lalín, Silleda, Dodro ou Santa Comba, pero agardan sumar tamén das provincias de Ourense e Lugo. Procuran unir esforzos para conseguir unha comercialización máis directa, logo de ter detectado unha forte presenza de multinacionais que controlan o sector. Tratan de sumar esforzos para converterse nunha alternativa tamén para abastecer a mercados maioristas á hora de comercializar a súa produción.

Aínda que comezaron centrados nos berries, o colectivo tamén está aberto a contar con outros produtores de horta. “Trátase de tentar reducir ó mínimo os intermediarios e de apostar por facer chegar un produto de calidade e galego ó consumidor”, explica o estradense Ramiro Touceda, presidente do colectivo.

Xunto con Touceda, na presentación participaron boa parte da directiva, que integran o tamén estradense Javier Agrelo, que exerce de vicepresidente, o lalinense Heladio Cuíña tesoureiro da entidade, Anne Lanevschi produtora afincada na Estrada que é a secretaria e Carlos Vieites, de Teo, como vogal. Ademais, ó acto, que se celebrou na casa consistorial, asistiron os concelleiros de Promoción Económica, Óscar Durán; e de Desenvolvemento Rural, Anxos Pais. A administración local está a colaborar co colectivo entre outras cuestións coa cesión dun local para as reunións, situado no viveiro de empresas.

Abrir mercado pese á pandemia

O colectivo comezou a fraguarse xa a finais do 2019, pero a irrupción da pandemia adiou a súa presentación. Agora, coa campaña do amorodo a poucas semanas de comezar, á que seguirá a dos arandos no mes de xuño, están a presentar Berris Galicia para comercializar con este indicativo os seus froitos tanto nos mercados minoristas galegos como en grandes mercados como Merca Madrid, Merca Barcelona, Merca Zaragoza cos que se atopan en fase de negociación. Tamén están a traballar para distribuílos nas Illas Canarias.

Outro dos obxectivos da asociación é conseguir dar resposta á falta de infraestruturas loxísticas para corresponder a demanda destes grandes mercados. “Queremos ser capaces de proporcionar produto fresco en menos de 24 horas en calquera destes mercados”, explican. Para iso, precisan centralizar a produción nunha nave, que queren situar nun punto céntrico, de xeito que se concentre nela a produción dos socios e dende alí se distribúa.

O colectivo tamén está a traballar, en colaboración co Concello da Estrada, nunha sesión para divulgar os seus produtos no mes de xullo no novo mercado municipal. Agardan dar a coñecer non só os seus froitos ós consumidores senón distintas preparacións que se poden elaborar cos berries.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información