A apicultura constitúe un aproveitamento plenamente compatible co manexo forestal sostible e, de feito, representa un dos usos non madeireiros máis estratéxicos dentro dos ecosistemas forestais galegos. A súa contribución á biodiversidade, xunto coa xeración de rendas complementarias para o medio rural, convértea nun elemento clave na planificación multifuncional do territorio.Con esta premisa deron saída á Guía técnica para apicultura e manexo forestal sostible dende a Agrupación Apícola de Galicia.
O proxecto partiu do Plan Social de Ence, para lograr unir as comunidades de montes co sector apícola. A guía foi presentada por Esther Ordóñez, veterinaria da asociación, quen destacou que ás veces, “hai comunidades de montes reacias a que se poñan colmeas nos seus terreos, pero estamos nunha provincia cunha dispersión poboacional considerable, polo que se queremos ter un número de colmeas algo alto, teríamos que ir a comunidades de montes ou asociacións forestais”. Por iso, este proxecto lanzárono co obxectivo de intentar achegarse a estes colectivos e “que coñezan a importancia dos polinizadores e os teñan en conta coma un aproveitamento máis do monte”.
Os obxectivos principais da guía céntranse en describir as relacións ecolóxicas, funcionais e produtivas entre os sistemas forestais e as poboacións de abellas, ademais de identificar oportunidades de mellora e integración para ambos sectores produtivos. Tamén establecerán recomendacións de boas prácticas para un manexo forestal compatible coa actividade apícola e promoverán unha concepción multifuncional do monte galego coma espazo produtor, ecolóxico e xerador de servizos ecosistémicos.
O servizo ecosistémico de polinización aporta beneficios adicionais ás producións agrícolas e forestais da contorna
Manexo forestal e apicultura
Ordóñez destacou que diversos informes da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) evidencian unha correlación positiva entre a diversidade de abellas e a presenza de cuberta forestal heteroxénea. Estes estudos sinalan que arredor do 90 % das plantas con flores dependen da polinización para a súa reprodución, polo que a actividade apícola resulta determinante para a rexeneración dos ecosistemas forestais e para a conservación da diversidade florística. Así mesmo, “o mel, coma produto forestal non madeirable de alto valor engadido, posúe un notable potencial económico, especialmente en contextos rurais onde complementa actividades agrícolas e gandeiras”.
A apicultura pode desenvolverse tanto de forma profesional como semiprofesional, xerando ingresos directos pola produción (mel, pole, própole, cera, apitoxina, enxames) e indirectos mediante alugueiro de parcelas por parte de xestores forestais e comunidades de montes. Ademais, o servizo ecosistémico de polinización aporta beneficios adicionais ás producións agrícolas e forestais da contorna.

Foto da guía
A veterinaria destacou a abella melífera coma “unha boa polinizadora por unha serie de características básicas da súa bioloxía”. Aínda así, non descarta outras especies que tamén se poidan adaptar ao territorio. Tamén lembrou que “en Galicia existen xa experiencias consolidadas de utilización de colmeas para a polinización dirixida, especialmente en cultivos dioicos coma o kiwi.
Como primeira conclusión, afirman que a integración de colmeas no contorno forestal adquire especial relevancia no actual contexto de declive global de polinizadores. En Galicia, os apiarios situados en masas forestais permiten manter e incrementar a diversidade de flora autóctona, potencia a produción de froitos e sementes e mellora a resiliencia ecosistémica en zonas limítrofes con terras agrícolas.
Recursos apícolas en áreas forestais
Ordóñez puxo de manifesto a contribución das masas forestais á produción apícola galega, “un feito que é notable, dado que unha parte substancial do mel certificado baixo a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia procede directamente dos recursos florais forestais. Entre as principais orixes botánicas destacan Eucalyptus globulus, Castanea sativa, especies do xénero Erica, Rubus e, en menor medida, melatos procedentes do carballo”.
Un monte ben xestionado constitúe unha fonte estable de néctar, pole e melatos para as colmeas
Por iso, resulta recomendable incrementar a presenza de Eucalyptus globulus nas masas forestais, co obxectivo de xerar beneficios mutuos para o ecosistema e a apicultura. É fundamental prestar especial atención ao sotobosque nas plantacións de eucaliptos, estruturando as plantacións de forma que se manteña espazo suficiente para o desenvolvemento da vexetación subarbustiva.
“A integración entre apicultura e silvicultura non só é viable, senón altamente beneficiosa desde o punto de vista ecolóxico, económico e territorial”, destacou a profesional. A presenza de abellas mellora a saúde dos ecosistemas forestais mediante a polinización, mentres que un monte ben xestionado constitúe unha fonte estable de néctar, pole e melatos para as colmeas.
Describiu como prácticas plenamente compatibles co manexo forestal sostible o manexo de faixas e estratos de vexetación autóctona, favorecendo a presenza de especies produtoras de flor en diferentes épocas do ano; as rotacións forestais planificadas que garantan continuidade de recursos florais e eviten períodos extensos sen floración; o control mecánico ou biolóxico da vexetación competidora, evitando o uso de herbicidas de amplo espectro; a conservación de zonas húmidas, ribeiras e claros florais, que actúan como microhábitats de alta produtividade nectaria e a implantación de sistemas de certificación forestal (FSC, PEFC) que integran criterios de biodiversidade e conservación de hábitats.
A presenza de apicultores no monte funciona como un mecanismo adicional de vixilancia ante o risco de incendio
Presentou tamén prácticas que precisan algo de revisión como pode ser a aplicación e fitosanitarios e insecticidas ou o uso intensivo de herbicidas, así como as queimas contorladas próximas a apiarios ourealizadas en períodos de intensa actividade de voo.
Os incendios forestais
Debido a vaga de incendios deste ano tamén consideraron necesario abordar como é a relación entre as abellas, masas forestais, incendios e terreos queimados. “Os incendios forestais representan un dos principais factores de impacto negativo sobre a actividade apícola e sobre os ecosistemas que sustentan os recursos florais”. A afección pode ser directa, con destrución de colmeas e Infraestruturas, ou indirecta, con perda prolongada de flora melífera e estruturas forestais produtoras (coma o eucalipto), que poden tardar ata 10 anos en recuperar a funcionalidade apícola.
Aínda así, puxo en relevancia que “a presenza de apicultores no monte funciona como un mecanismo adicional de vixilancia, especialmente no verán, coincidindo coa época de máximo risco de incendio. Isto permite unha detección temperá de focos e contribúe á prevención”.
En canto á recuperación das zonas queimadas, as abellas favorecen á reproducción das especies rebrotadoras ou colinizadoras que aparecen nos primeiros estadio sucesionais. “A polinización facilita o retorno de especies florais diversas, aumentando a heteroxeneidade estrutural. Esta recuperación vexetal permite o regreso gradual doutras especies faunísticas”, indicou a profesional durante a presentación.
Tamén en contornos agrarios afectados polos incendios, as abellas manteñen a produtividade dos cultivos mentres o ecosistema forestal se restaura e a presenza de abellas nunha área queimada constitúe un indicador do grao de recuperación florística e edáfica.
O territorio galego caracterízase pola combinación dunha ampla superficie forestal cun sector apícola activo e heteroxéneo
A convivencia entre apicultura e silvicultura require dun marco regulador claro e da coordinación permanente entre sectores, “cun cumprimento estrito da normativa autonómica sobre rexistro e localización de explotacións apícolas e dispoñer de seguros de responsabilidade civil por parte tanto de xestores forestais como de apicultores”.
Na guía recomendan o establecemento de protocolos de aviso previo para cortas, tratamentos químicos e tarefas silvícolas intensivas e a coordinación con autoridades forestais e servizos veterinarios oficiais para o cumprimento das obrigas sanitarias.
Así mesmo, abordan cal é o procedemento para dar de alta o colmear ou os requsiitos sanitarios, como poden ser as anuais, control de Varroa destructor, notificación de enfermedades ou o caderno de explotación con rexistro de movementos, tratamentos e produción.

Foto da guía
Ordóñez rematou recalcando que a apicultura destaca como actividade con baixas necesidades de investimento inicial e capacidade de retorno económico rápido, mediante a obtención de mel, pole, própole e outros produtos apícolas. “O territorio galego caracterízase pola combinación dunha ampla superficie forestal cun sector apícola activo e heteroxéneo. Así que esta coexistencia é plenamente viable e resulta especialmente favorable cando se integra nun modelo de planificación forestal sustentable e coordinada. A maioría dos apiarios galegos son de tipo estante, permanecendo no mesmo emprazamento durante todo o ano, o que contribúe positivamente á funcionalidade ecolóxica do ecosistema, especialmente no que respecta á polinización”.
A integración planificada da apicultura no manexo forestal pode xerar beneficios simultáneos para a biodiversidade, para as comunidades locais e para os xestores forestais, sempre que se teñan en conta as necesidades ecolóxicas das abellas e a dinámica dos ecosistemas arborados. Esta guía técnica está dirixida a xestores forestais, comunidades de montes e profesionais do sector primario, co obxectivo de ofrecer criterios operativos que permitan incorporar o aproveitamento apícola nos plans de ordenación forestal, compatibilizando a produción de madeira coa conservación da diversidade biolóxica e co aproveitamento apícola.

A cita rematou cunha asamblea da asociación
Ordóñez destacou que “o monte galego é un sistema multifuncional” onde a apicultura debe integrarse estratexicamente e a coordinación entre apicultores, comunidades de montes e xestores forestais é esencial. “Ademais, a diversidade de flora garante colmeas sas e resiliencia ecolóxica e a planificación cooperativa xera beneficios ambientais, produtivos e sociais”, concluíu.
Galego









Control OJD