As opinións e puntos de vista expresados só comprometen ao seu autor e non reflicten necesariamente os da Unión Europea. Nin a Unión Europea nin a autoridade outorgante poden ser considerados responsables deles.

Presentado o Plan Estratéxico da PAC, que regulará as axudas ó agro a partir do 2023

O Ministerio presenta o documento que fixa os criterios de reparto en España das axudas comunitarias a agricultores e gandeiros ata 2027 e que será remitido a Bruxelas antes do 31 de decembro. Mantense o pago para xubilados e persoas dedicadas a tempo parcial á actividade, establécese un límite máximo de axudas por explotación e concrétanse as rexións agronómicas, as axudas asociadas e os ecoesquemas na liña prevista

XAN COUSO gando extensivo PAC 5

Os ecoesquemas incentivan o pastoreo e los sistemas de cría do gando en extensivo

Tras meses de debates e negociacións coas comunidades autónomas, o Ministerio de Agricultura vén de facer público o Plan Estratéxico da nova PAC, sacando a información pública unha versión inicial do documento que guiará o reparto de fondos no periodo 2023-2027, que deberá ser aprobado agora en Consello de Ministros e enviado á Comisión Europea antes de final de ano.  

O documento do Plan Estratéxico nacional para a aplicación de la Política Agraria Común (PAC) en España non inclúe grandes novidades a respecto dos principais aspectos definidos durante o período de negociación entre as comunidades autónomas e que se prolongou durante máis de dous anos.

A través do reparto de axudas fixado no Plan Estratéxico, o Ministerio pretende lograr “maior equidade no apoio á renda” de agricultores e gandeiros a través do novo sistema de pagos directos, incentivar o cumprimento de obxectivos ambientais a través dos ecoesquemas e fomentar a incorporación de mozos á actividade, reducindo a fenda de xénero no sector.

Non se prevén a partir de agora grandes modificacións no documento a non ser que a Comisión Europea, encargada de supervisar os distintos Plans Estratéxicos nacionais, obrigue a cambiar algúns aspectos

Estos obxectivos xerais desglósanse á súa vez en nove obxectivos específicos e complementados cun obxectivo transversal común, o de modernizar durante esta década o sector agrario a través do coñecimento, a innovación e a dixitalización das zonas rurais.

Non se prevén a partir de agora grandes modificacións no documento a non ser que a Comisión Europea, encargada de supervisar os distintos Plans Estratéxicos nacionais, obrigue a cambiar determinados aspectos por non axustarse ao marco legal comunitario acordado polos xefes de Estado e de Goberno dos 27 países membros e ao desenvolvemento normativo implementado polo Parlamento Europeo.

Apoio ás explotacións familiares

O Ministerio pretende beneficiar coa nova PAC ás pequenas e medianas explotacións, xa que son as que maior importancia social revisten e as que en maior medida manteñen vivas as zonas rurais, por iso o Plan Estratéxico fai uso de todas as medidas de redistribución autorizadas pola Comisión Europea (capping, degresividade e pago redistributivo), se ben o seu alcance é limitado e desde lugares como Galicia pedíase unha maior compensación entre grandes e pequenos perceptores de axudas. 

Agricultor activo

Considérase agricultor activo a toda persoa titular dunha explotación agraria situada dentro do territorio da UE que estea afiliada á Seguridade Social agraria por conta propia ou ben unha parte significativa dos seus ingresos totais (25%) procedan da actividade agraria. Este requisito non se aplica aos agricultores que sendo beneficiarios de axudas directas o ano anterior, percibisen menos de 5.000€.

Polo menos unha cuarta parte dos ingresos totais deberán proceder da actividade agraria ou ben non percibir máis de 5.000€ de PAC ao ano

En canto á definición de novo agricultor, segue manténdose o límite máximo de idade nos 40 anos, esixíndose un mínimo de 150 horas lectivas de formación en actividades agrarias para recibir axudas de incorporación.

Límite de 100.000 euros por explotación

O límite máximo para o cobro de pagos directos queda fixado en 100.000 euros, aínda que a partir de 60.000 euros aplicarase unha redución progresiva do importe a cobrar segundo os seguintes tramos:
– entre 60.000 e 75.000€ a redución será do 25%
– entre 75.000 e 90.000€ a redución será do 50%
– entre 90.000 e 100.000€ a redución será do 85%
– a partir de 100.000€ a redución será do 100%

Poderanse descontar do montante total da axuda básica á renda os custos laborais relacionados coa actividade agraria ou os incluídos na contratación de empresas de servizos agrícolas. No caso de cooperativas, SAT ou explotacións en réxime de titularidade compartida, estes límites aplicaranse individualmente a cada un dos membros que conformen ditas entidades, para fomentar deste xeito o asociacionismo agrario e a cotitularidade feminina nas explotacións familiares. Os importes totais procedentes destas reducións conformarán o montante total destinado ao pago redistributivo.

Reserva nacional

axuda basica PAC

Haberá unha reserva de dereitos de pago da Axuda Básica á Renda e Sustentabilidade de ámbito nacional. Establecerase sobre unha redución lineal dun máximo do 3% no 2023 e do 1% en 2024 do límite orzamentario para a ABRS. Dereitos non activados durante 2 campañas consecutivas expiran a favor da reserva e cesións de dereitos de pago sen terra conlevan unha retención do 30% do valor unitario do dereito.

Os dereitos asignaranse a xefes de explotación que reúnan a condición de agricultor activo, tendo en conta as seguintes prioridades:
– Primeiro, a agricultores mozos e novos agricultores que se instalen por primeira vez.
– Se cuberto este grupo, houbese dispoñibilidade de dereitos na reserva nacional asignaríanse a explotacións que non participaron nunca no sistema de dereitos de pago e a explotacións que participen en programas públicos de reestruturación de fincas cuxo obxectivo sexa evitar o abandono de terras.

As persoas ás que lles sexan asignados dereitos procedentes da reserva nacional deberán manter a actividade agraria durante polo menos 3 anos e os dereitos non poderán cederse durante ese período.

Pagos complementarios

A estratexia de intervención do Plan Estratéxico pasa, en primeiro lugar, por asignar o 60% do orzamento de Axudas Directas ao apoio á renda das explotacións a través da Axuda Básica á Renda para a Sustentabilidade (ABRS), que supón o 50% do importe de Axudas Directas, máis o Pago Redistributivo Complementario (PR), que se corresponde con outro 10% do importe de Axudas Directas. Á suma anterior engádese o 2% do Pago Complementario a Mozos e que contemplará unha axuda suplementaria cando se trate de mozas.

A axuda complementaria redistributiva estará formada pola porcentaxe de pagos directos adicionais por hectárea ás explotacións que estean por baixo do tamaño medio. O importe do pago redistributivo ascenderá ao 10% das axudas directas de cada rexión agronómica. O enfoque para a repartición desta axuda complementaria oriéntase a explotacións de tamaño medio que están por baixo da media da rexión.

O importe do pago complementario a novos agricultores supoñerá un 100% adicional do valor medio rexional da axuda básica e ampliarase nun 15% máis no caso de mulleres titulares de explotación. Este pago complementario será abonado durante 5 anos e ata un máximo de 100 hectáreas.

Axudas asociadas

Dispoñen neste momento de 125 vacas en produción

Establécense axudas específicas para determinados sectores considerados vulnerables ou estratéxicos e nos que se detectaron necesidades concretas en canto ao baixo nivel de renda debido á falta de rendibilidade da actividade. Serían: vacún de leite, vacún de carne en extensivo, cebo de tenreiros, ovino e caprino, produción de tomate para transformación, produción de froitos secos en áreas con risco de desertificación, produción tradicional de uva pasa, e produción de cultivos como remolacha azucreira, arroz e proteínas de orixe vexetal.

O Ministerio xustifica que o sector lácteo “atravesa importantes dificultades debido ás escasas marxes ao produtor e as variacións nos prezos dos insumos e é moi dependente das axudas directas da PAC, que representan en torno ao 30% dos ingresos totais das explotacións”.

Preténdese fomentar o engorde dos tenreiros na explotación de nacemento

En canto ás explotacións cárnicas en extensivo en base a vacas nodriza, o Ministerio defíneas como “pouco produtivas e con deficiencias en competitividade que comprometen a súa viabilidade a medio e longo prazo”.

axudas asociadas PACVacún de leite

Establécese unha axuda directa por animal elexible con diferente montante baseado na localización da explotación (España peninsular, zona de montaña e illas Baleares), de modo que as explotacións en zona de montaña recibirán un importe un 15% superior á axuda base e as de zona insular un 20% superior.

Non se establece un censo mínimo para o cobro da axuda, pero si un máximo de 725 vacas subvencionables por explotación, con tres estratos de axuda:
– Primeiras 150 vacas: 100% do importe unitario por cabeza (158€/vaca)
– De 151 a 725 vacas: 50% do importe unitario (79€/vaca)
– A partir de 725 vacas: 0 euros por cabeza

En explotacións situadas en zona de montaña o importe por vaca será de 182€ para as primeiras 150 vacas e de 91€ de 151 a 725 vacas. No caso das illas Baleares, o importe será de 190 euros por vai ata 725 animais.

Vacas nodrizas

As explotacións de vacas nodriza de raza cárnica criadas en extensivo en base a pasto recibirán cada ano ata 2027 un total de 90,25€ por vaca como axuda acoplada. Apóstase ademais pola biodiversidade mediante un apoio complementario ás razas autóctonas cun 10% adicional sobre a axuda base por vaca nodriza para unha cifra total resultante de 99,28€/vaca.

Ás explotacións situadas nas illas Baleares outórgaselles un importe maior e diferenciado que supón un 50% adicional sobre o importe peninsular (135,38€/vaca) e 148,91€/vaca en caso de razas autóctonas.

A maiores, establécese unha axuda asociada aos gandeiros de vacún extensivo que ceban os seus propios tenreiros na explotación de nacemento. O importe será de 32,02€ por tenreiro macho ou femia en caso de explotacións situadas na península e de 48,03€ en caso de estar situadas nas illas Baleares. Para o seu cobro, as ganderías deberán ter como mínimo 3 animais elexibles na explotación.

Cebadeiros

As explotacións de cebo de gando vacún con destino final a sacrificio en matadoiro ou á exportación recibirán unha axuda en forma de pago anual por animal para reses de entre 6 e 24 meses de idade.

O importe será de 18,92€/animal os primeiros 600 tenreiros e de 9,47€ de 601 a 1.417 animais. A partir de 1.418 tenreiros en diante non se cobrará axuda. En Baleares a axuda será un 50% superior (28,41€ por tenreiro).

Ovino e caprino

A axuda asociada aos gandeiros de ovino e caprino de produción de carne en extensivo e semiextensivo será de 14,25€ por femia reprodutora, cun incremento do 50% do importe en caso de explotacións situadas nas illas Baleares (21,68€).

Para explotacións de ovino e caprino destinadas a produción de leite, fíxase unha axuda de 12,48€ por reprodutora en territorio peninsular e de 18,73€ en territorio insular. Ademais, para ser beneficiarios deste pago asociado, os gandeiros deberán ter un mínimo de 30 ovellas ou 10 cabras.

Outra liña de axuda iría destinada a gandeiros extensivos sen terra que pastan coas súas cabras e ovellas barbeitos, restrollos ou restos de colleita agrícola. Tamén neste caso esíxese ter un mínimo de 30 ovellas ou 10 cabras e unha carga gandeira máxima de 1,2 UGM/ha. O importe deste pago será de 10,29€ por reprodutora na península e 15,43€ nas illas Baleares.

Novos requisitos medioambientais

Fai uns 450 rolos ao ano nas fincas que non dá pacido e que lle serven para complementar o pasto no inverno

O Plan Estratéxico pretende alcanzar maiores obxectivos ambientais e climáticos a través dun novo enfoque da arquitectura ambiental da PAC e, desta forma, o Ministerio calcula que o 43% do orzamento da PAC en España contribuirá cumprir os obxectivos ambientais e climáticos fixados no Pacto Verde Europeo.

A intensificación do coidado do medio ambiente por parte dos produtores (redución de emisións, papel do chan como sumidoiro de carbono, incremento da superficie dedicada a agricultura ecolóxica, aumento da biodiversidade, redución de uso de antibióticos e fertilizantes) traducirase nunha condicionalidade reforzada para poder cobrar as axudas e á aplicación de ecoesquemas voluntarios (pagos adicionais de carácter estatal) e outras medidas específicas autonómicas (liñas de axudas a través dos fondos FEADER).

Condicionalidade reforzada

Enténdese por condicionalidade reforzada o cumprimento dunha serie de condicións previas e requisitos mínimos para obter o dereito a cobrar axudas e pagos da PAC, tales como:
– Cumprimento das directivas comunitarias de augas, contaminación por nitratos, conservación de hábitats, benestar animal, uso de fitosanitarios e praguicidas.
– Mantemento dos pastos permanentes, cunha redución máxima permitida con respecto a 2018 do 5%.
– Rotación de cultivos e cobertura mínima de chan en períodos sensibles
– Porcentaxe mínima do 4% das terras de cultivo a barbeito
– Protección de humidais e creación de franxas de protección nas marxes dos ríos
– Prohibición de queima de restrollos
– Prohibición de cortar sebes e árbores durante a época de reprodución e cría de aves
– Prohibición de arar os pastos permanentes declarados como sensibles en Rede Natura

Ecoesquemas

Os ecoesquemas teñen dúas orientacións principais, a de lograr unha agricultura cunha menor pegada de carbono e a de avanzar na agroecología, fomentando a biodiversidade, así como a conservación da paisaxe, do chan e da auga.

ecoesquemas PACDistínguense en total 7 ecoesquemas e establécese un limiar de degresividade segundo o cal se aplicará un importe superior ás primeiras hectáreas de cada explotación e, superada esa cifra de referencia, recibirase soamente o 70% do importe establecido para cada ecoesquema. Con todo, cada parcela só poderá computar para o cobro dun  ecoesquema, aínda que nalgunha delas se poidan cumprir diversas prácticas ambientais.

Máis en concreto, concederanse pagos a maiores procedentes da PAC aos agricultores e gandeiros que leven a cabo polo menos unha práctica sostible voluntaria a elixir entre as seguintes:
– Aumento da capacidade de sumidoiro de carbono dos pastos mediante o impulso do pastoreo extensivo
– Agricultura de conservación mediante sementeira directa
– Cubertas vexetais en cultivos leñosos
– Establecemento de espazos de biodiversidade nas superficies de pastos ou en terras de cultivo
– Rotacións en terras de cultivo

Plan Financeiro

O acordo do Marco Financeiro Plurianual do Consello Europeo de Xuño de 2020 lanzou un montante total de orzamento para España no ámbito da Política Agrícola Común (PAC) de 47.724 millóns de euros para o período 2023-2027: pagos directos (4.885 millóns de euros/ano), intervencións sectoriais (600 millóns de euros/ano) e intervencións FEADER (1.080 millóns de euros/ano).

Distribución de las 5 regiones agronómicas para cultivos de secano

Distribución das 5 rexións agronómicas para cultivos de secaño

En canto ás rexións agronómicas, o territorio español aparece dividido no Plan Estratéxico nacional que guiará a aplicación da nova PAC nun total de 20 rexións (5 para cultivos en secaño, 5 para cultivos en regadío, 4 para cultivos permanentes, 5 para pastos permanentes y 1 para a rexión balear). Esta distribución territorial terase en conta a efectos de pago de renda básica, renda redistributiva e complemento a novos agricultores e supón unha simplificación do modelo de rexionalización vixente, no que figuraban un total de 50 rexións. 

Para desenvolvemento rural haberá 4.861 millóns de euros ata 2027

En relación aos pagos asociados, o sector vacún de leite recibirá en todo o período 2023-2027 un total de 610 millóns de euros (122 millóns de euros anuais) e o de produción de leite de cabra e ovella 223 millóns (44,6 millóns de euros anuais).

Distribución de las regiones agronómicas en el caso de pastos permanentes

Distribución das rexións agronómicas no caso de pastos permanentes

Para a produción cárnica, o sector vacún (explotacións de vacas nodriza e cebadeiros) contará cunha asignación estimada de 1.120 millóns de euros en todo o período (225 millóns de euros anuais); mentres que o caprino e ovino disporá de 758 millóns (151 millóns de euros anuais).

Outros sectores beneficiados coa nova PAC serán o das froitas e hortalizas (328 millóns de euros anuais), o vitivinícola (202 millóns de euros anuais), o oliveiral tradicional (30 millóns de euros anuais) e a apicultura (19 millóns de euros anuais).

A expensas do visto bo de Bruxelas

O período de consultas para que calquera cidadán poida enviar as súas consideracións e suxerencias estará aberto ata o próximo 1 de febreiro, aínda que este trámite legal non paraliza o proceso, que continúa o seu curso coa aprobación do documento do Plan Estratéxico en Consello de Ministros e o seu envío a Bruxelas antes do 31 de decembro.

O trámite de información pública non paraliza o proceso de aprobación do documento en Consello de Ministros e a súa remisión á Comisión Europea antes de final de ano

A Comisión Europea deu maior poder de decisión aos distintos Estados membros na nova PAC. As axudas aos agricultores e gandeiros no período 2023-2027 articularanse a través dun Plan Estratéxico nacional, deseñado por cada Estado estado membro e supervisado por Bruxelas, no que se detallarán os criterios de repartición que, no caso español, despois aplicarán as Comunidades Autónomas, encargadas do pago efectivo das axudas, segundo o modelo descentralizado actual.

Estudo Ambiental

O Plan Estratéxico da PAC foi elaborado polo Ministerio de Agricultura en coordinación co Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e a avaliación ambiental que acompaña ao Plan Estratéxico tramitarase durante o primeiro trimestre de 2022, en paralelo co proceso de aprobación final do documento, como ocorrerá en todos os Estados membros da UE.

Por esta razón, xunto ao documento do Plan Estratéxico da PAC sométese tamén a información pública un Estudo Ambiental Estratéxico, acompañado dun Resumo non técnico.

Para participar no proceso de exposición pública, aberto por un período de 45 días hábiles a contar desde o seguinte ao de publicación este martes da Resolución no Boletín Oficial do Estado, as observacións e alegacións deben dirixirse á Subdirección Xeral de Planificación de Políticas Agrarias, Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Paseo Infanta Isabel 1, 28071 Madrid, ou ben á seguinte dirección de correo electrónico: bzn-particieaepepac@mapa.es.

Posturas enfrontadas entre Comunidades Autónomas

Non se prevén, con todo, grandes modificacións no documento por mor deste proceso de exposición pública, a non ser que Bruxelas obrigue a cambiar o Plan, dado que previamente as comunidades autónomas e os representantes do sector puideron participar no proceso de redacción.

O Ministerio destaca que “o diálogo e a participación caracterizaron o proceso de elaboración deste Plan Estratéxico”, cuxos traballos se prolongaron máis de dous anos e medio, un período de tempo no que houbo máis de 300 reunións con comunidades autónomas, organizacións profesionais agrarias e outras entidades relacionadas co sector.

As Comunidades Autónomas, as organizacións agrarias e as ecoloxistas participaron na redacción do Plan, un proceso que se abre agora á participación do conxunto da sociedade

Sen embargo, a diversidade agronómica de España motivou que as distintas comunidades autónomas tivesen posturas moi diferenciadas e mesmo enfrontadas sobre algúns aspectos da nova PAC, e finalmente o Ministerio tivo que decidir e impoñer o seu criterio nun Plan Estratéxico que é único e común para todo o territorio, conciliando distintos intereses para tratar de contentar a todo o mundo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información