O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acudiu á presentación do programa da sesenta edición do concurso exposición internacional da Camelia, que se celebrou na Estación Fitopatolóxica do Areeiro.
O concurso, que terá lugar os días 22 e 23 de febreiro no Recinto Feiral de Pontevedra, é un evento impulsado pola Deputación de Pontevedra desde o ano 1965 e que se celebra cada ano rotatorio entre as cidades de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía.
“A flor das Rías Baixas”, como define o presidente á camelia, é un dos atractivos turísticos da provincia. “A camelia é un dos nosos máis grandes tesouros: unha flor que florece de máis de 400 formas distintas nestes xardíns do Areeiro ou nos do Castelo de Soutomaior”, indica Luis López.
O mandatario provincial, que estivo acompañado polo deputado responsable da Finca Areeiro, Javier Tourís, falou tamén de que coa camelia prodúcese “un té único”, chamado “o Té Areeiro”.
O evento comeza o día 22 ás 18:30 horas coa inauguración do certame. Unha hora despois, celebrarase a entrega de premios, na que a Deputación concederá un total de 5.000 euros en seis categorías, recoñecendo así o traballo de 26 produtores.
O día 23 levaranse a cabo obradoiros e xogos infantís. Ás 11 horas realizarase unha degustación do té de camelia, ademais dunha demostración culinaria por parte do chef Miguel Mosteiro. A xornada rematará ás 20 horas pechando así un evento que permite dar a coñecer a camelia “desde as Rías Baixas a todo o mundo”.

O presidente, Luis López, durante a presentación.
No acto de presentación, o presidente referiuse á Estación Fitopatolóxica do Areeiro como un “centro punteiro e de referencia”. Ademais, agradeceu ao persoal que traballa nesta estación por “contribuír a unha provincia máis rica, diversa e moderna”.
A Deputación centra este ano a súa promoción turística na riqueza do interior da provincia, destacando a camelia como un dos seus principais atractivos. O presidente subliñou a importancia dos 61 concellos, “todos eles cuns atractivos excelentes que paga a pena coñecer”.
Resaltou lugares como o Pazo de Lourizán ou o Castelo de Soutomaior, ademais da Ruta das Camelias, que convida “a completar, porque son mostra dese paraíso interior que fan das Rías Baixas un destino único ao que todo o mundo quere volver”, concluíu Luis López.